off
Ecoloxía, Meio ambiente, Politica espanhola — 30 Abril, 2015 at 8:29 a.m.

Os barcos avariados no mar evidencian que o PP non ten plan para frear a contaminación mariña

by

Van tres barcos dende o afundimento do Prestige en 2002. En todos os casos gobernaba o PP sen que a experiencia catastrófica das 63.000 toneladas de chapapote serviran para debullar responsabilidades políticas e pór fin á improvisación


Mariano Rajoy e o PP non tiveron abondo co desastre ecolóxico do ‘Prestige’. Quedou  impune  e non mudou nada. Un barco avariado no mar malia tratarse dun problema político continua a tratarse como si fose un problema mecánico. No que vai de abril dous barcos avariados volven pór o foco nas avarias de grandes barcos cargados de combustibel ou transportando fuel. O primeiro, un pesqueiro ruso que indendiou o 11 de abril no Puerto de la Luz e acabou en augas das Illas Canarias e, o segundo, o ferry Sorrento que continua ardendo fronte as Illas Balears.

En 2002 a sociedade civil galega foi quen de mobilizarse como Nunca Máis para atallar os efectos do desastre e o desleixo dos gobernos do PP e para exixir despois penas xudiciais para os responsables da desfeita ecolóxica e económica. Mas as penas que chegaron foron un insulto que por acadar nin acadaron o distintivo de simbólicas.

A Audiencia Provincial da Coruña punia a nove meses de cárcere ao capitán do petroleiro por grave desobediencia. Porén, absolvía ao exdirector xeral da mariña mercante e ao xefe de máquinas  do delito contra espazos naturais protexidos, contra o medioambiente e contra as comunidades costeiras galegas. Uns efectos sobre biodiversidade dos ecosistemsas mariños galegos que ainda duran.

Na altura, Nunca Máis cualificou a sentenza de lamentabel e inxusta xa que entendía que o veredicto foi político e redactado a ditado dos intereses do PP. Mariano Rajoy e José María Aznar, vicepresidente e presidente na altura,  canearon calquer tipo de responsabilidade.

Non hai plan para frear a contaminación mariña

A decisión de afastar o  Prestige provocou un regueiro de máis de 5.000 toneladas de fuel e cando o barco estaba a 250 quilómetros da costa fendeu en  dous  e afundiu deitando ao océano 63.000 toneladas de chapapote que asulagou de morte a costa galega chegando até a francesa. Mália as diferencias, o verquido do fuel do pesqueiro ’‘Oleg Naydenov’ nas Illas Canarias e do ferry Sorrento (ainda non está descartada a posibiliadade de que afunda) pon de relevo máis unha vez a falla dun plan para frear a contaminación mariña.

Greenpeace pedíalles ao Ministerio de Fomento e o Goberno de Canarias que “integren proactivamente nas tarefas de coordinación e vixilancia do  verquido aos colectivos e entidades sociais da  illa xa que son as que mellor coñecen o terreo e padecen a primeira man os efectos dos verquidos”. Mesmo a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria laiouse de que as administracións públicas non contaran co seus grupos de investigación e expertos en ciencias mariñas para avaliar o percurso e as consecuencias da fuga de petrólego do pesqueiro afundido. Como é posibel que se repitan as mesmas exixencias realizadas por Nunca Máis, as confrarías de pescadores e as comunidades costeiras galegas? Como é posibel logo de tantas advertencias e chamados a dispor dun plan para frear a contaminación mariña? Os expertos recomendan levar os barcos a porto mas os políticos resístense.

Porén, os sucesivos gobernos do PP e as elites económicas, ensimesmados na súa predadora política neoliberal, máis dispostos a salvar a banca que ao barco,  teiman en reproducir a mesma mecánica de afastar barcos á súa sorte como se o mar fose un universo infinito capaz de aturar a rutura de ecosistemas, entre o crac e o crash. Hai límite?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off