off
Cedeira, Opinión, Política, Política local — 17 Abril, 2015 at 08:59

Sobre cobrar ou non cobrar salario por exercer cargo público na administración local

por

É posibel non caer na antipolítica se non hai unha certa profesionalización desta actividade nos concellos? A gratuidade que ofertan algúns candidatos non afonda ainda máis as disparidades facilitando que só se poidan adicar á política os que máis teñen e os sen-vergoña?


"Os mensaxeiros do progreso e da civilización destruíran 
o que eles non tiñan construído e ridiculizado o que eles non entendían. 
Sería miope supor agora que só eles teñen as claves para a supervivencia"  
Paul Feyerabend

Comenzar cunha frase de Feyerabend pode semellar unha exaxeración manifesta, unha boutade. Mas encerra na súa xeneralidade algunha clave para entender a vella cuestión dos salarios, o que nos permite comezar trazando algún paralelismo razonabel, agora que, mais unha vez, a efeméride da República (14 de abril) pasou desapercebida así como a indeferencia polo debate pendente sobre o Estado que só parece importarlle ao soberanismo catalán, basco e galego entanto non se lle altere o poleiro ao bipartidismo rampante.

Teño escoitado na casa que moitos dos antigos alcaldes do franquismo non cobraban. No franquismo non había luz nen taquígrafos e a presión da xente non existía porque non había crítica pública nin se pagaban impostos. O seu altruismo soerguia no totalitarismo e na retórica populista e paternalistas, na antipolítica. E lembro tamén ter lido artigos de demócratas a favor do soldo dos alcaldes denunciando o antipoliticismo dos franquistas afirmando que se os representantes con responsabilidades de xestión non cobraban un soldo razonabel só os ricos, ociosos e privilexiados poderían adicarse á política. Que o de balde total só levaría á mediocridade. Ademáis, xa cobrarían por debaixo da mesa ou en “especie”. O do salario dos políticos vén de vello. Se por algo ainda seguimos visando a democacia ateniense é pola participación cidadá que desenvolveu. Os atenienses, que adoraban a participación política que exercían ao longo da súa vida, introduciron o pago dun salario (misthós) por ela (Aristóteles,Constitución dos atenienses,, 24, 3, e n. 202 e seg.) porque reforzada o sentido de responsabilidade e reducía a arbitrariedade. E supoño que non queremos que só se poidan adicar á política os ricos, os de “boa casa” e os cara-de-pau e sen escrúpulos. Como a reducción do acceso á participación a certas elites económicas e sociais.

Tiña un tio, que finou hai uns anos, que via franquismo por todas partes. Semellábame exaxerado e non o percebia, mas algo de razón tiña, xa que o podía comparar coas formas de facer política republicanas e do que lle tocou vivir despois. Haber hai onde comparar. Desde a asistencia a procesións e misas dos alcalde de esquerdas até o castigo electoral cando se percibe que nun partido hai debate interno ou desavinzas; restarlle confianza a quen negocia porque o consideran débil. Tanto unha pulsión autoritaria como servidume voluntaria que acadou cotas de pasmo cando o texto ou o discurso que precisa certa adicación e esforzo- unha actitude de escoita- tórnase sospeitoso de desafecto. O mesmo desafecto que se expresa dende o poder fronte a sociedade civil cando se amosa vizosa e autónoma. Formas de relación que denotan os baixos niveis de participacion asociativa que temos. Reverencia ao poder unipersonal e falta de debate político alí onde máis se precisa. Falta de propostas meditadas e falta tamén de controversia asisada. Comunicados de imprensa direccionados e nula escoita. Quen non se fai responsabel nin asume as consecuencias do que di e do que fai escudandose no anonimato e quen participando da nación facebook con todo luxo de detalles da súa vida privada logo se declara apolítico. Dos anos de non “cobraren”, os alcaldes pasaron a canear unhas nóminas aparentemente modestas- nas cidades e vilas grandes- en comparanza co mundo privado, onde as administracións foron xestando un enfrebrado de retribucións paralaleas, dietas e cargos de representatividade. Ao cabo, o resultado é que costa saber o que cobra un cargo público.Certo é que na maioría dos casos non falamos de grandes cifras, mas esta non é a cuestión. Tratáse de que un cargo público debe cobrar- e cobrar unha vez- e aquí é onde cómpre achar un acordo e deitar luz.

Reforma local (e laboral).Trátase dunha vella problemática que interesa revisitar nun intre no que a reforma local -que parece levarnos a comezos dos 80- e a precariedade laboral – que atinxe a unha extensa variedade de persoas de diferente preparación e idade- se está a cebar especialmente na xuventude, nos maiores de 45 anos e nas mulleres en forma de precarización laboral e as súas secuelas (dependencia, clientelización, desafección social e política, baixo asociacionismo e reactivación de vellos roles que se pensaban superados…). Haberá quen diga que de irmos á raíz do asunto -por exemplo, acadando maiores cotas de crecemento económico sustentabel e taxas asumibles de desemprego en condicións laborais dignas- estariamos a cavilar no problema en vez de evitalo. Mas non todo é medrar, haberá tamén que repartir, e facelo doutro xeito, incluindo as posibilidades reais de que a maioría social se poida adicar á política . Porén, sabemos que as elites fóronse facendo por agregación advenediza en detrimento da lexitimización por medio de valores compartidos. Fóronse profesionalizando….e seica de ai abrollou a caste. Alén diso, discutir salarios é, xeralmente, un completo tabú nas nosas sociedades. En EUA os que discuten salario con outros traballadores nun lugar de traballo pode ser unha ofensa dimisibel. É un medio de diferenciación hierárquica dentro das empresas e entre elas.

Por outra banda, a reforma local ten colocado o municipalismo nun dilema: o que dende o goberno español se xustifica en termos de saneamento e eficiencia, acaba por baleirar o propio contido político dos concellos ao tornalos simples figuras decorativas e que mesmo suporá a supresión de feito de moitas cámaras locais. Reducir costos poderá garantir a eficiencia na prestación de servizos ou fará dos concellos administracións inoperantes? Quen sae reforzado de xeito inequívoco é o papel das deputacións, o clientelismo e a arbitrariedade. Porén, hai un aspecto moi dado á moralización da falta de financiamento ou para atallar a percepción de corrupción que é recortar os salarios dos alcaldes non tendo en conta se hai exclusividade, remuneración razoabel e as particularidades de cada concello e do ámbito local galego, nun períódo no que nada se fixo por arranxar o poblema do financiamento dos concellos, obviando o rexime local proprio e a comarcalización real e non sobre o mapa. Reforzar o poder das deputacións non pode ser o modelo de administración local máis acaído para Galiza xa que amplia o seu papel de benefactoras reducindo o papel das administracións locais a simples recolectoras de prebendas.

É significativo desde o punto de vista da finalidade política que as reformas impulsadas polo goberno español reduza ainda máis a posibilidade de que as persoas cheguen a ser representantes políticos en democracia xa que limita o acceso á política a un segmento da poboación: o que teña menos recursos (que é quen máis está a sofrer a outra reforma, a laboral). Mentras se atende a cousa pública deixase de facer outra actividade, decote privada que permite ter unha fonte de ingresos. Portanto, quen pode ofrecer non cobrar un peso agás quen teña tempo e recursos extra que non son precisamente a maioría social. Quer dicer, as oportunidades de decisión serán más alargadas para uns e máis pequenas para outros. Ademáis, se non hai remuneración ou esta é escasa non aumentan- baixando da excesiva abstración ás condicións actuais do municipalismo- as probabilidades de clientelismo e de corrupción?.

Porque nada é o que parece.Nos últimos tempos callou na sociedade – non por acaso de xeito paralelo á precarización laboral e a fenda aberta entre as remuneracións de uns e de outros- a idea de que o voluntariado e o humanitarismo é de seu bo e desexabel per se, ainda que só sirva para sandar consciencias. O voluntariado vén sumarse ao civismo, ecoloxismo, pacifismo, cooperación, sustentabilidade, transparencia…. Sen que saibamos moi ben a que estamos a xogar cando así falamos, cando na maioría dos casos acaban por seren formas de despolitización dos problemas, de facer deles, como xa foi relatado anteriormente, problemas morais, en vez do que políticos.

Erik Brynjolfsson e Andrew McAfee veñen de advertinos en “La carrera contra la máquina” que nos vindeiros vinte anos a maioría dos postos de traballo serán afectados pola novas formas aparentemente inofensivas de explotación, o “traballo de balde” que todos realizamos nalgún intre, acrescentado nos últimos anos no lance en que a costa de deitar nas redes información desmedida  os megaservidores dos propietarios dos medios de explotación informacional acumulan capital a costa nosa sen nos pagar un peso. Con este panorama, unha cousa é considerarmos excesiva a remuneración dos cargos do Concello ou da Deputación e plantexar unha revisión salarial coa fin de reducir costos é desexabel de cara á contención orzamentaria ao tempo que se pide a transparencia e se rexeita a progresiva profesionalización da actividade política (retribucións e complementos) e outra moi distinta pasar a predicar o altruismo total cando non se ofrece máis intencionalidade de cambio cá abnegación.

É dificil trazar leis e marcos cando vivimos nunha toxicodependencia mercantil na que todo virou consumo e mercadoría. Se callar máis cando certa esquerda, reducida á expectativa electoral de dicir “o que quer a opinión”, a leva a competir polo poder en termos de explotación electoral e non como vieiro para reducir as desigualdades sociais no territorio e de man da cidadanía e non de xeito paralelo a ela. O problema de fondo e máis grave é a perda progresiva de cualidade democrática. Que perante o baleirado de competencias municipais a resposta vaia na mesma liña recentralizadora de outras políticas do goberno español. A medida que os concellos que teñan costos de prestación de servizos por riba do estandar acaben pedindo que o preste a Deputación, maior será a distancia da cidadanía á hora de pedir responsabilidades politicas, xa que políticos das deputacións son eleitos de forma indirecta. Un resultado que vai contra o principio de subsidiaridade, alonxando ainda máis a prestación de servizos do cidadá. O curioso é que para algúns especialistas cos estándares fixados a maioría dos alcaldes deberían cobrar máis e haber máis adicacións exclusivas.

Portanto, non serán as solucións que os implicados deciden en termos de proposta e o xeito de levalo a termo, as que mellor funcionan? As negociadas e acordadas pola cidadanía nos mesmos concellos para reducir gastos e manter os servizos necesarios e as remuneracións dos seus representantes segundo as necesidades conxunturais. Esquecimos que a administración con piores respostas aos problemas dos cidadáns segue a ser a administración central ?

Nun contexto no que medrou o desprestixio da administración pública por mor da corrupción sistémica e nun intre no que dende Madrid apuntan á eliminación de concellos, como se se tratara dun gasto supérfluo malia ser a administración de proximidade ao cidadá e a mellor valorada, convén revisitar algúns aspectos como que a débeda pública dos concellos era en 2011 só o 3,3% da débeda pública de todas as administracións do estado español. Porén, o Estado apunta de xeito recentralizador coa drenaxe e supresión dos concellos pequenos como medida de aforro en si mesma, sen atender as caractacterísticas territoriais galegas e outros aspectos como o aforro derivado da mancomunidade de servizos, sumando, traballando en equipo para mellorar servizos e prestacións dende o territorio. Ainda así, téimase en obviar que a asignatura pendente é o financiamento dos concellos. O caso é que todo o mundo acabou por percebir e defender que os políticos cobran moito; trátase agora de que non cobren nada ou trátase mais ben de fixar un salario digno? Con que topo? Cómpre termos en conta as cargas familiares de cadaquén ou terá que ser xenérico? Téñeno doado os políticos e políticas para combinar a vida familiar e a política? E non será que o que é impresentabel é o salario mínimo, os contratos lixo ou non ter solucionado o financiamento dos concellos e non o feito de que un alcalde reciba unha remuneración razonabel?. E non habería que limitar os mandatos e os cargos de confianza ? E non habería máis ben que eliminar as Deputacions? Non sería máis desexabel facer imposibel o aumento do orzamento inicial dunha obra pública ou servizo, regular concesións e quen as executa, etc.?

Ao cabo, non será máis ben que se a política non está pagada de xeito razonábel só se adicarán a ela os que non atopan outra ocupación, os que dispoñen de todo o tempo, os que acreditan que xa o cobrarán doutra forma ou os que padecen esta benigna adicción? Nestas condicións, quen se pode adicar a representación política? A responsabilidade, non debería estar remunerada? Que non cobre nin un euro a/o alcalde servirá para reactivar algo? Non cobrar é garante de algo se non vai acompañado de participación cidadá, regulación, limitación e transparencia? A “gratuidade” non vén perpetuar a situación estática da situación ideolóxica (e dos seus problemas) porque non permite adicarse á cousa pública de xeito debidamente responsabilizado?

Un convite á reflexión. Pensarase entón que só os funcionarios de carreira tipo A deberan ter boa recumeración e que os cargos de confianza (estructura incrustada no funcionamento de non poucas corporacións) se paguen por conta dos propios partidos e non con cartos públicos. E haberá tamén quen pense que se os representantes son nomeados a dedo, entón non o serian polos seus méritos ou habelencias mas pola súa filiación política (mesmo haberá que non se decate do caracter altamente cualificado e adicación que se precisa para algunhas funcións). E non será que definindo o baremo de retribución razonabel e non autodesignada se restitua o concepto de servizo público da política e non apenas como dádiva ou remanente de tempo daqueles que teñen o privilexio de se adicaren?Non sería máis acaído propor a democratización da representación política através da fiscalización e rendición de contas dos cargos eleitos e de libre designación cando estes faciliten as declaracións da renda (a esa inspección previa os atenienses chamábanlle dokimasia, exame) así como todos os datos sobre a evolución dos seus ingresos, bens e patrimonio durante o período no que ostentou cargo (euthynai, render de contas)? Non deberían estes mesmos cargos faceren visíbeis as axendas de con quen se reunen ou se deben ir acompañados cando se reunan con grupos de presión, orde do dia e actas públicas? Non deberían adicar parte do seu tempo a atender a entidades e cidadáns e recebir unha retribución segundo segundo o traballo realizado?

Confeso que non poido deixar pasar eses sentimentos piedosos sen sentir unha irresistíbel coceira para reverter seus termos. Mais debe ser por todo iso que cando leo na imprensa que hai certos candidatos ás alcaldías, nomeadamente da novísimas formacións de esquerda, que mesmo renunciarán a cobrar do Concello «nin un só euro», veme ao maxín aquela vella polémica do altruismo e as súas consecuencias imprevistas en forma de beneficiencia e irresponsabilidade. Unha complacencia no ben do próximo que de non ir acompañada dun municipalismo democratizador (bottom-up, de abaixo para cima) só será garante dunha forma de dominio vertical inductor de antipolítica. Que hai diversas formas de entender o compromiso ideolóxico é consustancial ao axir humano, mas adoita tornarse crítico e contraproducente cando reforza e mesmo pode contribuír á continuidade da problemática que se visa solucionar ao caer na tentación/trampa de manipular as emocións. Deberíamos saber que nengún proxecto eficaz produce apenas as consecuencias que pretende producir. Sexa cal for o propósito declarado de que “non se cobrará un peso” para reducirlle o gasto ao concello, ao subsumir o problema do financiamento a unha forma esencial, non nega as outras posibilidades políticas? Non comulga de facto co caracter irrelevante que a reforma local outorga aos concellos, aceptando o seu papel de cliente/víctima no canto de exixir máis alá do puro voluntarismo e expiación de culpas un sistema de financiamento a altura da proximidade de servizos que se proporcionan dende o ente local?

Con certeza, que quen iso promete o fai de boa fe como expresión directa dos valores de abnegado compromiso misional coa causa, mas tambén como expresión visibel, ainda que equívoca falta de evidencia, de que só con ese xesto se ventile o conflicto de intereses. E que pasará se accede por forza maior o segundo ou terceiro na lista a un cargo de responsabilidade e non hai un acordo de regulación de limitación de soldos? Ou fanse estas declaracions porque  non albiscan posibilidades de mudar as cousas? Ao cabo, a estratexia top-down, acima para baixo, por moi bon intencionada que sexa vén alentada polo paternalismo por moito que deberamos sobreentender- sen que medie mais praxe ca a de ser candidatura de esquerda- que a acción política deba ser entendida como acto de servizo do pobo e polo pobo, para millorar as condicións de vida e non como unha xeira de lucro personal ou de enriquecemento das persoas “que nos fan a política”?. Acaso non é precisamente o abnegado voluntarismo de “non cobrar un peso” unha forma depurada das “coordenadas ideolóxicas hexemónicas” (Žižek) que levan á despolitización? Agora, é doado poñerse do lado dos cidadáns sobretodo se a maioría padece angustias para ir tirando; doado é solidarizarse e asentir coa cabeza con todo tipo de tópicos, incluido aquel de que “todos os politicos son uns ladróns….”

O caracter profundamente político da precarización inducida dos concellos debe alertarnos dos “efeito cascata” negativos ou ‘as consecuencias intencionais’ da reforma laboral cando combinada coa reforma local e o “voluntantismo” moralizante, xa que a propia posición pode reforzar e contribuir a reducir ainda máis a partipación política. Mentras agardamos a ver se os programas electorais substancian, por exemplo, que a información que fai referencia aos orzamentos poda ser facilitada a calquer cidadá que o solicitara, que se empregue a páxina web e o taboleiro de anuncios oficial para dar a coñecer esta información pública, entre outras medidas de obertura. Por tanto, para alén das monótonas letanías de cara a galería o que se precisa é revisar o sistema de nomeamento de cargos de confianza e evitar que a clase política se suba o soldo para compensar o aumento interanual do IPC mentras o resto dos traballador@s temos que loitar para que se nos recoñeza e cousas polo estilo. Que as forzas soberanistas de esquerda alineada coas clases populares, promovendo o tecido asociativo e os movimentos sociais locais, fagan unha aposta decidida pola contención orzamentaria, a austeridade dos cargos e a transparencia que restaure a confianza perdida en base a un municipalismo horizontal, que avance na axuda mútua e a cooperacón, e non a unha simplificación do problema a un aceno de benevolencia.

Velaquí a cuestión que incomoda e daba pé a este artigo: é posibel non caer na antipolítica se non hai unha certa profesionalización desta actividade o tempo que dure o mandato? Para respostar conoutra pregunta: é posibel a actividade política responsabel co amateurisme? En si mesma, abstractamente, a actividade política entendida como vontade de servizo público desinteresado é un aliado indiscutible da democracia. O problema són as consecuencias colaterais dese adanismo do que nos advirte Feyerabend. Ainda que os xestos sexan importantes a política municipalista precisa menos do adanismo benévolo e bon como o pan, que pode despertar fervor, mas obvia que o frecuente é que o representante cobre porque a súa dedicación á cousa pública lle impede ter a xornada laboral que lle dá de comer se non fora cargo eleito. Con todo o respeito para quen fai apostolado, cando lemos o lema da “gratuidade” en boca de quen ten resolta a pecunia- é dificil resistir o pracer de o imaxinar acordando ás 4 da mañá para ir ao mar ou pasar o dia repartindo o curriculum vitae, para despois ter as noites preenchidas polas lerias políticas. Porén, a miúdo esquecemos valorar que se queremos dignificar a atraer a cargos de responsabilidade de goberno aos mellores ao mellor hai que pagalos de xeito razonabel, nin moito, nin nada. Con luz e taquígrafos,con dokimasia e euthynai.

Ao mellor tamén che interesa:

Do bipartidismo imperfecto ao duopolio asimétrico

Camilo Casal será candidato de Anova ás eleccións municipais de maio en Cedeira

Xa somos delito: os xogos da fame

Cárcere para os representados, impunidade para os representantes

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: