off
Opinião, Política, Politica espanhola — 16 Abril, 2015 at 12:47 p.m.

Infames

by

“Apostaron á ruína deste país e gañaron”

(do filme O Capital Humano)

filme_capital-humano_ollaparoEstes días facer comparacións entre aquel PSOE da pana e os descamisados de Felipe González e Alfonso Guerra e este Podemos de Pablo Iglesias e Íñigo Torrejón supón case un exercizo de prácticas de tiro. Persoalmente, despois de apostar por semellante simbiose (ver o capítulo Podemos # trending topic no recente libro colectivo “Has luego, Pablo”), teño que recuar. Nunca tan axiña deitara pola borda as súas promesas programáticas Felipe González (dereito de autodeterminación, laicismo, republicanismo, saída da OTAN, apoio ao pobo saharauí; etc.) como o está a facer hogano Podemos coas súas. Apenas é nasciturus o novo partido de Iglesias (como a copla, o seu carisma ten unha cor especial) e xa está feito un cesto (da quita da débeda á súa somera reestruturación ; a república non toca agora; da renda básica universal á de inserción; a OTAN pode esperar; touros de entrada si; fronte a nacionalización de sectores estratéxicos desprivatización parcial; xubilación aos 65 anos e non aos 60; ítem máis). Mesmo ao secretario xeral do PSOE a doma custoulle unha perrencha de congreso extraordinario e amagar con deixar orfos de liderado aos seus seguidores.

Ainda que o piores son os xestos de purpurina. Esa reluctancia paleta que os recentemente chegados aos salóns demostran cando están á vontade. Aquel memorable “que pasen e coman”, que dixo a Duquesa de Alba cando anunciaron a chegada dos xornalistas. Nesas ocasións locen o mellor de si mesmos. E iso é precisamente  o que acaba de perpetrar no parlamento europeo Pablo Iglesias ao acudir a saudar ao rei Felipe VI cun pack de Xogo de Tronos debaixo do brazo. Apunta maneiras, porque o fixo un día despois de 14 de abril, aniversario da proclamación da II República. Así  foi contraprogramado o histórico evento polo macho alfa de Podemos. Seguramente porque sabe que semellante ousadía, desde a intimidade da cadeira de brazos do psicanalista, pode interpretarse como un xesto de maquiavelismo político. Á fin e ao cabo, Santiago Carrillo, do que Iglesias se declarou fondo admirador, puxo a barrela ben alta cando, rodeado de todo o Comité Central do PCE, convocou á imprensa nacional e internacional para declarar a súa inquebrantabel adesión a Monarquía do 18 de Xullo un 14 de abril de 1977.

Mais de corrupción existencial e de infames está o rodo ibérico a rebordar. Magnifico aquelarre o que acaba de arracimarse ao redor de Rodrigo Rato, Manuel Chaves e José Antonio Griñán. A imaxe dun vicepresidente económico do goberno, director xeral do Fondo Monetario Internacional, ex presidente de Bankia e merlo branco das finanzas, metendo  fouce e coz os seus diñeiros clandestinos na lavadora da amnistía fiscal amañada polos seus amigos do Partido Popular, é dun surrealismo sublime. Como escoitar ao presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, ameazar a unha maioría parlamentaria que se interesou pola sorte de detidos políticos no país que ten asignado un viceministerio para a Suprema Felicidade Social. Torrente non é un personaxe de ficción! A arte imita a realidade.

Pero o do tándem Griñán-Chaves, dous expresidente “fontaneiros” da Junta de Andalucía que calquera persoa asisada nunca chamaría para que lle arranxasen a cisterna do cuarto baño, é de bochorno alleo. “É un atentado contra a democracia”, vocearon en Ferraz cando á xuíza Mercedes Alaya se lle ocorreu a “afronta” de citalos como chourizos supremos da andrómena dos ERE, a maior estafa social da democracia. E agora, como xa fixo no seu día Míster X co asunto GAL, ao comparecer ante o Tribunal Supremo (como sempre máis polo foro que polo ovo) limítanse a soltar lixo sobre os seus subordinados, Anxiños! ou Parvos? Ese impávido José Antonio Griñán, ex ministro de Traballo e Seguridade Social para máis inri, que afirma campanudo que “houbo unha gran fraude, mas non un gran plan”, ou ese Chaves, tamén ministro de idéntica carteira, que coincidencia, afirmando estulto que “todo o que se fixo foi legal”, merecerían ser condecorados como “chistosos del año”. Para mofarnos coa mesma gargallada a mandíbula aberta que cando a súa Junta andaluza (Deus os cría e eles arrexuntan) nomeou filla predilecta de Andalucía á maior latifundista absentista de Europa, a falecida duquesa de Alba.

Felizmente aínda hai tolos en España. E neste caso o Quixote providencial foi o ex Interventor xeral da Xunta, Manuel Gómez, que lembrou aos dous aforados que non foron advertidos das ilegalidades que se estaban cometendo unha soa vez, senón dezasete veces!, acrescentando a continuación que sente tanta vergoña allea que, se Andalucía fose un país soberano, exiliaría. Aínda que onde estivo sementado foi ao comparar as explicacións de Griñán e Chaves coas de “un alcalde que decide apagar todos os semáforos da avenida co presunto propósito de mellorar a fluidez do tráfico cando o motivo da medida estaría en permitir a fuxida dos ladróns con máis facilidade”.

A raposa no poleiro?. O bombeiro pirómano? Vaites. Só a crúa realidade. Rouban, logo gallopamos, que din os mozos do coro. Por iso teñen que argumentar as falcatruadas con mediáticas “operacións Pandora e Piñata”. E como a necesidade da “lei mordaza” contradi a túzara realidade das pacíficas estatísticas oficiais sobre delincuencia, ademais ensaian novos “Cuéntame cómo paso” en prime time. A serie de TV máis vista da recente historia da pequena pantalla,”El amor es para siempre” de A3TV, leva dous meses recreándose cos atentados terroristas dos anarquistas dun imaxinario grupo que cacofónicamente lembra a Defensa Interior (DEI), accións que nunca existiron con semellante magnitude e morbosidade. A teleteatralidade ao Poder. En 2014 a media de uso en España por habitante e día do electrodoméstico televisivo foi de 240 minutos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off