off
Opinião, Politica internacional — 14 Abril, 2015 at 4:57 a.m.

O estraño caso dos espeleólogos despeñados

by

Desde a alborada da transición na que, Felipe González, entón garrido  líder do PSOE renovado, tirara a foto da vitoria no campamento saharauí de Tinduf, en Alxeria, até a última e desaxeitada prohibición da presidenta da Junta de Andalucía ao seu número dous, Diego Valderas de Esquerda Unida, para visitar os asentamentos da Fronte Polisario, as relacións con Rabat estiveron dominadas pola chantaxe e a represalia. A democracia española, gobernaran os socialistas ou os conservadores, sempre foi compracente cos desexos dos soberanos marroquís. O arranque desta submisión está naquela “marcha verde” de 1975 que humillou ao feroz exército franquista e cuxo imprevisibel couce sería  utilizado despois  como “botón de pánico” para eliminar a ruptura política da folla de ruta da oposición de esquerdas.

Por iso, o inexplicabel adiamento en auxiliar aos espeleólogos españois atrapados no Alto Atlas, co resultado de dúas mortes posiblemente anunciadas, debe porse sob sospeita á luz do tradicional comportamento mafioso das autoridades marroquís. Somentes a tutela preferente que Estados Unidos outorga a Mohamed VI, como antes fixo co seu pai Hassan II, debido á situación estratéxica dese país na boca do Mediterráneo, debullaría a actitude disciplinada de Madrid ante os reiterados xestos de hostilidade do seu veciño do sur, Perexil aparte. Iso e o feito de manter no seu territorio as cidades de Ceuta e Melilla, de facto dous enclaves-militares que cuestionan o dereito internacional.

Nese contexto é no que habería que considerar a posibilidade de que a calculada desidia á hora de socorrer ao grupo de espeleólogos teña conexión co procesamiento polo xuíz Pablo Ruz de 11 altos cargos militares e civís marroquís por delitos de xenocidio e torturas cometidos no Sahara Occidental entre os anos 1976-1991.

A lei de xustiza universal, aínda que recortada nas súas capacidades primeiro polo executivo do PSOE e logo polo do PP, permite a investigación de feitos que afecten a españois fose do territorio nacional. Segundo ten argumentado o maxistrado-xuíz no seu auto, todas as vítimas saharauís dispuñan de DNI español.

aminetu-haidar
Aminetu Haidar

Despois de catro anos durmindo na gaveta do despacho de Baltasar Garzón, o caso reactivouse en 2011 a partir das declaracións achegadas pola activista saharauí Aminetu Haidar ante o seu sucesor no xulgado de instrución número 5 da Audiencia Nacional. Dáse a circunstancia de que ao mesmo tempo en que producía o múltiple accidente, os servizos de información do rei Mohamed VI foran alertados desde Madrid da inminente resolución xudicial. Un feito especialmente grave para os intereses de Rabat dado que precisamente durante este mes de abril está previsto que o Consello de Seguridade da ONU debata de novo sobre o contencioso do Sahara Occidental, que Marrocos pretende territorio soberano.

O caso saharauí foi sempre un exemplo de descarnada realpolitik ante a que os sucesivos gobernos españois  claudicaron sistematicamente, até o punto de aparecer como unha especie de “gran irmán” do réxime alauita.

Escenas como a do xefe do Estado, Xan Carlos I, consolando os sete chorares a Mohamed VI ante o cadáver do seu pai Hassan II, dan idea da natureza endogámica existente entre ambas as dinastías. Por iso é polo que o noso país foi santuario para torturadores marroquís e cadafalso para membros activos da oposición a palacio, cuxa influencia chega até o extremo de lograr que Ignacio Cembrero, o veterano correspondente do diario El País na zona do Magreb, fóra despedido por presións de Rabat.

O expediente Hassan II-Mohamed VI ten capítulos tan sanguentos como o asasinato en 2004 dun disparo na cabeza, en Fuengirola, do disidente Hincham Mandari, aínda sen resolver policialmente, ou a Concesión da Gran Cruz da Orde de Isabel da Católica, máxima distinción do Estado español, aos xenerais Hamidu Laanigri e Hosni Bensliman (BOE 15/01/2005), xefe da xendarmaría o primeiro e dos servizos secretos o segundo. Este último reclamado pola xustiza francesa pola súa implicación no secuestro, tortura e asasinato en 1965 do dirixente socialista marroquí Medhi Ben Barka. Esta trabazón entre as autoridades marroquís e os líderes socialistas españois revelou o seu penúltimo episodio de “diplomacia business” na presenza estelar do ex presidente José Luís Rodríguez Zapatero e o antigo ministro de Asuntos Exteriores Miguel Angel Moratinos no foro patrocinado polo lobby prol-marroquí Crans Montana para publicitar internacionalmente a posición daquel réxime no conflito saharauí.

Se as autopsias privadas realizadas en España a petición dos seus familiares confirman que os montañeiros morreron por mor da dilación en socorrelos, habería que considerar seriamente se os feitos non constituíron ad initio unha contraprogramación deliberada das autoridades de Rabat (reféns dunha razón de Estado) para presionar ao xuíz Ruz polo fulminante procesamiento da súa cúpula represiva.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off