off
Opinião, Política, Politica espanhola — 7 Abril, 2015 at 9:02 a.m.

Martín Villa ou o retorno do reprimido

by

“Voy a defender la Transición, cuyo capítulo más importante es la reconciliación entre los españoles, que tiene un valor mucho mayor que la propia democracia política. Eso fue posible por la ley de amnistía de 1977 ”. (Rodolfo Martín Villa en declaracións a Catalunya Ràdio)

Precisaríanse xeracións de traballo pedagóxico para debullar o que encerran as declaracións de Martín Villa á xornalista Mònica Terribas (Catalunya Ràdio). Nun contexto europeo no que abrollan os populismos protofascistas e dun estado español saturado de corrupción no que boa parte do pobo viviu na propia carne o insulto do rescate dos bancos e as políticas de austeridade (que a xente continua a identificar só coa perda de dereitos), o benintencionado Concello de As Pontes (PSOE) vén de organizar unha conferencia intempestiva ás portas das eleccións municipais e autonómicas sobre as esencias da Transición tendo entre os convidados ao ministro franquista Rodolfo Martín Villa. Empresario, expresidente de Endesa (a empresa que axudou a privatizar) e un non parar indisolubel, como líquido que contén unha sustancia disolta. Unha solución de continuidade ou, se o prefiren, unha solución para manter a continuidade do franquismo por outros medios. O déjà vu do prefixo re-…a repetición dos mitos, as palabras e os rituais do poder soberano que teiman en cenificarse malia ter pasado o poder a outras mans. Quer dicer, falando de “re-conciliación” se  o contexto non o define, hai que clarexalo. Xa que reconciliar sería volver a xunguir o que se supón estivo unido algures. Mas se isto non fose asi? E se o que semella ennobrecer e intensificar non fixera máis ca degradar pois alicerza nun ocultamento cuxo fedor aumenta co tempo?(con certeza continuamos sen coñecer  o peso real da ameaza militar, o terceiro no litixio trasaccional e naturalmente xuiz da causa). Porén, non é por acaso que se inoculara nomenclatura propia do Dereito para outorgarlle eficacia de cousa xulgada, pronto para sentenza, dentro dun marco de legalidade e como puro mecanismo de resolución de conflictos xa que de facto apenas unha parte foi quen de se confesar e de mostrar empatía porque o obxectivo era outro: evitar que os responsables renderan contas.

Velaí que nun intre no que o sistema ten perdido lexitimidade, Martín Villa ou o retorno do reprimido (quer dicir, o franquismo e a súa balorenta voz propagandística). No 2002 Martín Villa era nomeado presidente de Sogecable, empresa propietaria de Digital Plus, logo de ser comisionado do Goberno Aznar para o Prestige. Eís un caso que amosa ás claras as relacións de hexemonía e de producción simbólica – quer dicer, as relacións pedagóxicas da nación televisiva, ou se o prefiren os máis novos, da nación facebook– do constructo chamado “Transición”. Porén, o que en plena crise institucional do rexime ainda nos abraia  é que un concello gobernado polo PSOE (unlla e carne desa hexemonía) organice unha conferencia sobre  o medio vital de reprodución do “sentido común”, a chamada Transición,  a excitación da obsolescencia, a inaudita e a só presenza dalgúns dos seus recicladores, irradiadores e oligarcas ( ao felipista Miquel Angel Aguilar mediando entre Martín Villa e Ledesma), deixando máis unha vez á marxe calquera dos resquicios non homologados que onte coma hoxe lle franquean o paso ao oligopolio dominante.

Lavatorio. Dicía Antonio Gramsci que o “sentido común” é un vertedoiro no que desaban todo tipo de resíduos e lavaduras. Cousa que sería imposibel se  non fose ao mesmo tempo un lavado. A Transición  á que se aferra e que ten para Martín Villa “un valor moito maior que a propia democracia política”,  vén significar no sentido-común-vertedoiro que a Transición vale a morte de cinco persoas (por citarmos apenas o caso polo que a xuiza arxentina María Servini de Cubría reclama de Martín Villa o completo e sinuoso relato do seu curriculum vitae).  Os Feitos de Vitoria, o 3 de marzo de 1976, unha xornada de greve rematou con cinco mortos e cento cincoenta feridos de bala a causa da represión da policia. Na altura, Rodolfo Martín Villa era ministro de Relacións Sindicais e estaba a piques de ocupar o de ministro de Gobernación- formalmente ainda no rexime franquista- que ocupaba Manuel Fraga. Que a recomposición mediática do rexime do 78 ache en Galicia un marco para a reprodución do mesmo non é apenas pola reximentalización acelerada dos galegos no fraguismo, mas antes unha mostra dos vestixios que parasitan o PSG-PSOE, a evidencia máis unha vez de que Galicia só pode esperar das forzas estatais derrota e preguiza propositiva malia a  retórica de Podemos sob  un “patriotismo español democrático” que axiña achou un ambiguo “dereito a decidir” para sustituir o de autodeterminación. Unha declaración explícita asumida polos propios dirixentes cando din que non hai máis alternativa que adaptarse aos poderes existentes.

Volvendo ao rego, a lei de amnistía da que tanto gosta o expresidente de Endesa foi unha operación de reciclaxe que permitiu non responder dos centenares de milleiros de mortos e exiliados que xerou a ditadura franquista, ou como pasarmos dunha dittadura a unha democracia formal sen tocar nen depurar absolutamente ren. Quen despois foi ministro de Administración Territorial e vicepresidente do goberno,  con Adolfo Suárez e  Leopoldo Calvo-Sotelo de presidentes, vén a Galicia máis unha vez a dicirnos que aquí non pasou nada.

Que Martín Villa afirme hoxe con desembarazo democrático que a “reconciliación ten un valor maior que a propia democracia política” é expresión de quen perdeu toda consciencia da lexitimidade do poder político.

Quer dicer,  o que a “transición” significou, a negación dos outros en nome da legalidade. Para expresalo doutro xeito: ao apelar á “reconciliación” (lei de amnistía e pactos da Moncloa) como única fonte de lexitimidade política agóchase o déficit de lexitimidade do constructo “transición” baixo a mitificación da legalidade e das elites dos partidos, a mutación do instrumento en fin. A corrupción estructural ten aí a  súa maior fonte. Que Martín Villa reaccionara querendo así explicarse perante a requerimento da xuiza María Servini permite debullarmos como a pretensión de subsumir a democracia en “reconciliación” ( eufemismo da pura legalidade) deixouna sen máis rexistro que a negatividade, aquilo que prohibe e do que non se pode falar e non máis ben as posibilidades do seu despregamento, porque para iso habería que ser demócrata.

Ao cabo, o susposto acordo entre as partes desavindas alicerzou no ocultamento dos cidadáns que non deron apoio na altura,  hoxe tamén visibel na negación do recoñecemento das outras lexitimidades (ou é que non escoitan o que hai uns anos acontece en Cataluña ?). Porén, décadas despois Martín Villa continua a repetir o mantra da “reconciliación” cando a exhumación dos cadáveres está a facela a sociedade civil sen participación do Estado e cando se está a producir unha transferencia total ou parcial da titularidade pública a entes privados. 38 anos após a morte do ditador, non tomar a serio a reivindicación dos netos dos represaliados de reparar o dano causado é con certeza un aceno antidemocrático. Mas non é o único: a impostura debruza tamén nas nocións propiamente políticas de ben público e de interese xeral. Porque o que se está a reclamar é máis democracia nun intento por recuperar a parte de poder soberano que ficou negado, elidido, na invención da Transición. Neste sentido, a función supostamente reparadora da reconciliación á que con vehemencia defensiva apela Martín Villa non vai alén do que se foi desocultando co paso do tempo, a continuación por outros medios do statu quo. Ficando apenas a  acepción relixiosa de reconciliación como conversión. E por claudicación -habería que engadir- que non permite superar  con máis democracia a acepción fatalista de reconciliación na feitura duopólica que coñecemos, como se non houber posibilidade de alternativa.

O inmeso valor do requerimento arxentino, alén do seu percorrido, é lembrarnos todo o que permaneceu indiscutido -e non participado pola cidadanía- do miolo sistémico e dinástico da secuencia histórica en curso en España.  Poñer outra vez sobre a mesa un debate que ainda inqueda o establishment nun intre en que tamén se está a pór en cuestión o modelo de goberno vixente. Pódese considerar completado o constructo Transición mentres os herdeiros do franquismo e a monarquía herdada do franquismo se identifiquen coa forma de estado? A chamada reconciliación en voz de Martín Villa máis do que un factor de integración soa a eterna submisión ao rexime, ao curso que comeza co plano de estabilización do 59  e remata co acceso do PSOE ao poder garantindo as prebendas das elites do rexime. Unha componenda de dificil lexitimidade que eclosiona e se consolida coa chegada do PSOE ao poder. Acontece que agora ese rexime perdeu capacidade de ocultación. O apelo á “reconciliación” que deu pé á Constitución do 78  fíxose cos dados trucados: “As Forzas Armadas da Nación, constituidas polos Exércitos de Terra, Mar e Aire, teñen como misión garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa identidade territorial e a orde constitucional”. Todo vén da franquista  lei orgánica do Estado de 1967. O sentido común é un vertedoiro no que as reconciliacións se arbitran hegelianamente sobre un campo inzado de cadáveres.

O voto maioritario administrado durante décadas pola entente PSOE-PP serviu para facer leis e para decidiren alternancias de goberno mas non é fonte de razón.  Pode haber calidade democrática sen reparación e sen recoñecemento explícito? Porén, pervive a teima en impor un imaxinario administrativo puramente formal malia o decreto que as institucións e burocracia que supostamente o encarnan teñan amosado a febleza dos seus materais constructivos. Pode basarse a democracia no puro legalismo ideolóxico?

Cómpre non esquecer, nun contexto marcado polo progresivo desmantelamento de dereitos, da venda de activos públicos e pola negación de lexitimidade da súa intervención no eido económico en nome da eficiencia, que foi acompañada dunha retirada legalista levada a cabo na concentración de medios de poder e na pura carreira cara adiante do Estado deixando intacto o seu organigrama.

[youtube]https://youtu.be/wZIurkLo2P0[/youtube]

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off