off
Europa, Movementos sociais, Pensamento, Politica internacional — 2 Marzo, 2015 at 10:29 a.m.

Comunistas e nazis na mesma trincheira?

by

trincheira“Combatiamos comunistas e nazis xuntos. Todos queremos o mesmo: a xustiza social e a liberación de Rusia da invasión ucrania”. As frases citadas corresponden ás manifestacións efectuadas ante a policía por dúas do oito españois arrestados en Madrid ao seu regreso de loitar no leste de Ucraína. Todos eles enrolados xunto a centos de voluntarios prorrusos chegados doutros países entre os que, aseguran, “a metade son comunistas e a outra metade nazis”.

Co que agora acaban de revelar estas auténticas testemuñas de cargo (http://politica.elpais.com/politica/2015/02/27/actualidad/1425044924_696253.html), o que era un segredo a voces acada carta de natureza. Milicianos de ideoloxía nazi xunto a Putin para axudarlle a implantar Novorrusia, o seu proxecto imperialista. Aínda que a esquerda saudosa da antiga URSS teima no contrario. Mimetizada ao compás da propaganda dos falcóns do Kremlin, a súa lectura do conflito versaba monolíticamente sobre un contencioso orixinado por un golpe de estado inspirado pola UE e EEUU, a toma do poder en Kiev por unha Xunta fascista e outros trompe l’œil, unha ilusión óptica de calibre semellante. Fazañas bélicas de bos e malvados.

as achegas de primeira man dos brigadistas españois confirmaron as peores sospeitas: Putin consegiu que comunistas e nazis estean na mesma trincheira.

A flagrante contradición entre o que contan os medios de comunicación disciplinados á voz de Moscova e o que agora sosteñen as súas propios combatentes, demanda unha explicación razoada. Porque evidencia algo máis que unha contradición do tipo de alistarse na Brigada Internacional Carlos Palomino, en honra do activista antifascista asasinado en Madrid en 2007 por un paracaidista ultra, e compartir trincheira con tres ex militares españois e nazis. Resulta obvio que a anexión de Crimea e a escalada militar a favor dos secesionistas da rexión de Dombás emprendida por Putin incita a que comunistas e nazis partillen armas porque ambos procuran a “xustiza social e a liberación de Rusia da invasión ucrania”.

Porén, admitamos como hipótese que “comunistas e nazis” queren o mesmo: xustiza social. Algo que está na retórica de todos os movementos sociais que buscan captar o fervor das masas. Esa converxencia, de cimentarse no tempo e na camaradería que insufla o ardor guerreiro, podería levar a unha cohabitación futura dentro da sociedade civil. Quizais o seu ronsel asome xa na imitación de certas prácticas que, como a okupación urbana, comeza a ser frecuente entre os grupos de extrema dereita españois. Porque por encima das categorías tradicionais parece estar a emerxer un frentismo indiscriminado.

Que “comunistas e nazis” estean de acordo en xogarse a vida por un Estado oligárquico, nuclear e hipercapitalista, que depreda ás nacións do  seu “patio traseiro” como os peores tempos de Estados Unidos con Latinoamérica, merece unha profunda reflexión.

Xa non vale tirar balóns fora e botar man do falsos victimismos. Son demasiadas as probas que indican que ao redor da crise humanitaria desatada en Ucraína están a reactivarse algúns dos nosos peores demos familiares. Pasouse por alto a presenza de observadores dos principais partidos xenófobos europeos (desde o partido Amencer Dourado á formación Plataforma per Catalunya) como avalistas das posicións rusas na anexión de Crimea. Fíxose o silencio ao divulgarse que o Kremlin é o principal financiador da Fronte Nacional (FN) francés de Marine Le Pen. Minimizouse o feito de que un dos principais ideólogos de Putin, Alexander Duguin, apóstolo do ultranacionalismo, a homofobia e o tradicionalismo relixioso, sexa o teórico de cabeceira de moitos grupos neonazis europeos (aquí é un conferenciante de persoal do ultra Movemento Social Republicano). Mais as achegas de primeira man dos brigadistas españois confirmaron as peores sospeitas: Putin consegiu que comunistas e nazis estean na mesma trincheira.

E non estamos en 1939. Cando Hitler e Stalin se aliaron para repartirse pola forza media Europa incendiando con iso a Segunda Guerra Mundial. Senón un século despois de que o mundo sufrise as consecuencias das políticas represivas levadas a cabo polos dous estados totalitarios máis homicidas da historia. Por iso non se comprende que con esas tráxicas experiencias sobre as nosas conciencias a sociedade civil democrática permaneza pasiva. Polo menos o actual movemento anarquista, que padeceu nas súas carnes como ningún outro a barbarie nazi-estalinista e combateuna desde os seus inicios sen ningún tipo de componenda nin ardil, debería denuncialo para que poder seguir recoñecéndose libertario. Reclamar a paz como valor supremo da humanidade é absolutamente de esquerdas.

(Nota. O título deste artigo vai con interrogacions adrede, rectificando o tenor literal da cita que o sustenta. Por respecto ás persoas de boa vontade que poden sentirse inxustamente ofendidas por unha afirmación xenérica de “comunistas” onde en realidade debería dicir “estalinistas”).

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off