off
Ciencia, Natureza — 31 Marzo, 2015 at 3:40 p.m.

Os ósos da balea extinta

by

Descubren un óso de balea de 4m de longo nos fondos areosos de Bares


 

Osobalea_Bares
CEMMA

O pasado día 21 tiven a sorte de participar coa CEMMA, o C.A.S. Costa Lugo e con compañeiros de ADEGA e da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, nunha actividade de búsqueda de ósos de cetáceo no Porto de Bares. Esta actividade de investigación, enmarcase na mesma liña que o proxecto “Galicia no lombo da balea II” na que a CEMMA trata de documentar a caza de cetáceos en Galiza dende diversos puntos de vista: etnográfico, biolóxico, etc.

O porto de Bares, serviu como base da actividade baleeira entre os séculos XIII e XVIII mas non existiu na zona unha industria establecida como noutros lugares de Galiza, senón que os baleeiros entraban no porto para despedazar os animais e extraerlles o aceite, vendían todo e continuaban a cazar animais pola costa. A especie máis capturada foi a balea vasca ou balea franca (Eubalaena glacialis), que devido a esta actividade está extinta nas nosas costas.

Para os ósos non existía naquela época aproveitamento, polo que eran chimpados ao mar. Estes ósos permaneceron soterrados pola area ate hoxe e mantéñense case intactos ao logo dos anos, xa que se atopan nun ambiente anóxico e por debaixo dos 30-50 cm de area (que é onde se atopan a maioría dos animais que viven soterrados na area). De cando en cando, danse as condicións oceanográficas para que o mar retire a area que hai sobre os ósos e asoman na superficie.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=Re20fiPRFbM[/youtube]

Portanto, despois de centos de anos fomos os primeiros humanos en tocar esa mandíbula que atopamos na inmersión do día 21. A peza está en moi bo estado de conservación, e mesmo gardaba as marcas feitas polos coitelos dos baleeiros. A este óso de máis de 4m de longo e 200kg de peso seralle analizado o seu ADN para comprobar a especie á que pertence ainda que todo fai sospeitar que se trata da balea vasca (Eubalanea glacialis).

Este óso garda moita información da bioloxía do animal, xa que co ADN tamén se pode coñecer a diversidade xenética que tiña a poboación, e co tamaño da peza pódese estimar a lonxitude total do animal. Unha vez procesado é moi probabel que sexa exhibido nun museo pola súa relevancia.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: