off
Cedeira, Europa, Meio ambiente — 23 Marzo, 2015 at 5:40 p.m.

Seguindo a tendencia europea, o BNG propón remunicipalizar a xestión pública da auga

by

En Cedeira a plataforma cidadá Somos Cedeira insistía hai dous anos na aplicación da Directiva Marco da Auga da UE e a súa remunicipalización. Anunciaba a tendencia  a asumir as responsabilidades que antes os concellos cederan a empresas privadas, en moitos casos para disimular o grau de endebedamento do ente local.A idea da Xunta é privatizar, ainda que o faga para agochar a débeda do goberno e non para xestionar millor. 


Fonte de Saa.San Fiz de Esteiro
Fonte de Saa.San Fiz de Esteiro (Cedeira)

Xa vai para dous anos que a plataforma Somos Cedeira remataba nun artigo publicado no seu blog  baixo o título” “A “xestión” da aúga potábel en Cedeira: Fede, e non é a auga…” preguntando así, en maiúsculas:  QUÉ PASARÍA SE SE RESCATA A SERVIZO DE AUGAS EN CEDEIRA?.A pesquisa de SC  xurdia perante a sospeita de estarmos a pagar por auga que non se consume e mesmo polo trantamento posterior na EDAR dunha auga que non se consumiu (segundo a leria dos “consumos mínimos” debullábase que “no caso de Cedeira e doutros lugares, tanto ten consumir cero coma 45 m3, pois paga o mesmo: NON se están aplicando os criterios comunitarios de uso sustentabel da auga). Debullaba o artigo o mito da privatización á vista da directiva Marco da Auga da UE ao non fornecer  o Concello de Cedeira un consumo sustentábel a través da concesionaria Aquagest.

O artigo abríase irónico sobre a necesidade de facermos “un cursiño avanzado para entender os diferentes conceptos que se describen nas facturas de bens básicos como a electricidade ou a auga”. Indo en contra do espírito das Directivas Europeas (2000/60(CE) Directiva Marco da Auga, a Lei 62/2003 (art. 129) e a propia Lei 9/2010 de augas de Galicia…Somos Cedeira encetaba na altura unha reflexión que quería servir para informar a xente sobre a situación da xestión da auga a partires do caso de Cedeira, onde nin o goberno do PP nin Aquagest garanten a transparencia nin a maior eficacia e eficiencia no servizo.

Foi a lei de estabilidade orzamentaria que promulgou Zapatero e que despois culminou nun cambio na Constitución que impedía o déficit local. Até aquel intre, moitos concellos tiñan creado sociedades mercantís para prestaren servizos locais. A clave era que estas sociedades non computaban á hora de fixar a débeda nin o déficit. Porén, os cambio legais fixeron imposibel pasar fondos dos concellos ás entidades vencelladas. Agora, tamén non se admite déficit ningún no ámbito municipal. No conxunto do estado español, a xestión directa da auga faise nun  48%. O 36% por  concesión ou contrato. O custo máis barato para os pequenos concellos é o que fornecen as mancomunidades ou concertos. Para os concellos máis pequenos o custo máis grande é o que se fai por contratación pública diminuindo o custo para os concellos con máis habitantes.

Logo da experiencia, externalitzar ou privatitzar está a resultar máis caro porque as empresas que asumen o servizo teñen de pagar os custos e acadar beneficios. De manterse o prezo, terán de recurtar en persoal ou en cualidade ou renunciar aos gaños, o que con certeza, non pasa. 

Tendencia a remunicipalizar en Europa

A proposta de Somos Cedeira estase a amosar paseniño como a vangarda do que hai que  facer xa que está nas máns de cada concello aplicar ou non os tramos mínimos de consumo. Na liña de organizacións que coma Right to Water“ veñen insistindo en que se precisa unha lexislación na Unión Europea que implique a aplicación do dereito humano ao auga como é  definido polas Nacións Unidas”. Abondaría con que os plenos dos Concellos acordaran a supresión para que esta se fixera realidade nun proceso planificación de reapropiación do servizo público. Sen dúbida a situación de financiamento e de situación dos servizos públicos serán temas principais na  importantes durante a campaña eleitoral e entre deles o tema da auga será un dos máis importantes,  se ben o único grupo da oposición que ten manifestado interese e clarificado a súa postura neste tema é o BNG. 

A tendencia a recuperar a xestión directa é evidente no resto de Europa, así o defende un estudo da Greenwich University, de maio  de 2012, encargao pola Federación sindical europea de servizos públicos. Segundo este informe, fíxase que a municipalización da auga dase especialmente en Francia e Hungria, e as razóns non son outras que a má xestión privada, os custos e a expiración dos contratos. Cómpre destacar que este informe sindical pon de relevo que os gobernos onde se produce esta recuperación directa dos servizos públicos non teñen cor política determinada se ben  se destaca que a influencia da opinión dos cidadáns, un  76% en Finlandia, desconfian da tarefa que poidan facer as empresas subcontratadas. Ao cabo, a crise estalles a descubrir a non poucos concellos as avantaxes de municipalizar. O informe “Here to stay: water remunicipalisation as a global trend” así o pon en evidencia xa que “ao eliminar o imperativo de maximización de beneficios, a remunicipalización da auga moitas veces leva a un maior acceso e calidade de servizos” e  a unha “eficiencia igual ou maior dos servizo público de auga a prezos máis baixos, como son os casos diversos de París (Francia), Arenys de Munt en Catalunya (cunha poboación semellante á de Cedeira) e Almati (Casaquistán). De feito, a remunicipalización permite o afortalamento de prestación de contas e transparencia con representantes da sociedade civil a se sentar no Consello de Administración, xuntamente co goberno local, tendo igual dereito ao voto. O que permite que a sociedade civil participe nas decisións sobre a xestión do máis esencial dos servizos públicos, para devolver o operativo aos intereses das comunidades locais. Espazos abertos para que os cidadáns participen nas decisións sobre investimentos, tecnoloxía e fixación de tarifas.

O BNG debulla unha axenda de rescate progresivo dos servizos públicos privatizados

A idea de remunicipar o que foi entregado nos últimos lustros  ao confortabel negocio do oligopolios que xestionan servizos municipais é unha idea de vello que, porén, está a ser recuperada de xeito transversal en Europa e que na nosa contorna ten sido defendida e inserida en poucos programas eleitorais. Como é o caso do BNG a nivel nacional, que vén de impulsar unha axenda de rescate progresivo dos servizos públicos privatizados.

O proxecto explica que hai a posibilidade de acadar  a remunicipalización ou continuar co dispar sistema actual. De seguir coas concesións, as empresas privadas procuran gaños industriais e considera que nun servizo como o da auga non pode haber afán de lucro.  De feito, cando os gaños acaban por non reinvestirse na millora do servizo e das infraestructuras e acadando tarifas más xustas para o cidadá. Pola contra, ao imperar o lucro, as empresas acostuman a tallar o servizo cando hai impagamentos e sendo público poderíase apostar por un financiamento cruzado ou outros sistemas garantistas que evitaran estas situacións.

Que acontecer se o obxectivo é colocar o interese público en primeiro lugar? Permitiría garantir o acesso a un servizo vital para as familias máis vulnerábeis, aquelas que gañan menos que o salário mínimo.

A axenda do Bloque vén dar prioridade neste rescate “aos que teñen un maior contido social e aos relacionados co medioambiente como a xestión da auga e do saneamento”. Porén, as empresas orientadas a maximizaren o gaño son incompatíbeis coa protección do medio ambiente e o acceso universal a servizos públicos de cualidade.

O primeiro chanzo sería ir modificando a normativa aprobada polo PP nos últimos anos que dificulta este rescate.

A curto termo, “mentres as concesións sigan en vigor”, trataríase de ir implantando sistemas efectivos de control e de inspección dos servizos privatizados, “porque hai un incumprimento dos contratos que, en moitos casos, non poden ser controlados polos concellos”, para acabar coa posición de dominio que teñen as grandes contratistas madrileñas para que os recursos públicos dos concellos (nomeadamente os lobbies madrileños FCC, Ferrovial, Sacyr, ACS, Vendex, Viaqua…). Porén, unha remunicipalización ben sucedida requer cuidado no planexamento e avaliación  de riscos externos, xa que precisa estar ciente de que os custos de transación de remunicipalizacion poden incluir tácticas de obstrución, reclamacións administrativas intimidatorias e o pagamento de indemnizacións a operadores privados para os seus lucros cesantes .

O BNG-Asembleas Abertas vén de propor para as eleccións municipais do 24 de maio o “rescate progresivo e xeneralizado dos servizos públicos privatizados ao longo das dúas últimas décadas, que está sendo o gran negocio para estes oligopolios”, xa que “a privatización dos servizos públicos é o caldo de cultivo que alimentou os casos de corrupción que non deixan de aflorar nos últimos tempos”, afirman.


Para saber máis:

Emanuele Lobina. Here to stay: water remunicipalisation as a global trend

David Hall . ¿Por qué las asociaciones público-privadas (APPS) no funcionan? Las numerosas ventajas de la alternativa pública.Informe  comisionado por Public Services International (PSI), 

Ao mellor tamén che interesa:

Right To Water fai un chamado á determinación contra a privatización da auga

Pensas que o Concello de Cedeira está a facer o correcto coa xestión da Depuradora de Augas?

Alexandre Carrodeguas: “A administración non informa sobre a xestión da auga”

Un manifesto en defensa da calidade da auga, do rio Condomiñas, da praia da Madalena e da ria de Cedeira

A voltas coa factura da auga

A taxa da vergoña

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off