off
Cedeira, Entrevistas, Música, Xente — 20 Marzo, 2015 at 6:53 p.m.

Guadi Galego: “Se non hai verdade na arte,… que nos queda?”

by

                                                                                              

guadigalego_MG_9767-2
Fotografia:Carlos Abal

Corría xaneiro do 1974 cando naceu na Avenida da Area de Cedeira -naquel tempo aínda Avenida de Suevos- a nosa veciña Guadi Galego. Criouse no seo dunha familia cedeirense coñecida vai décadas pola paixón pola música e por unha sensibilidade especial por prestixiar a música tradicional. Aquela Guadi nena comezou as súas primeiras aulas de música na “sindical”, e contan compañeiras daquelas andainas que cando aínda non sabían colocar ben os dedos para tapar os buratos da frauta, Guadi chegou dicindo… mira saquei “A Historia Interminable”. Compuxo peza ao piano cando cursaba 7 de EGB...

É coñecida a paixón coa que se vivía a música na túa familia nun pobo xa moi prolífico en músicos e cantar tradicionais. Que influencia tivo na túa vida musical posterior esa infancia?

A infancia sen dúbida é a etapa que máis te marca na vida,aí van quedar os momentos con maior pegada. Cedeira foi sempre un pobo inminentemente musical e cantareiro, todo iso queda na retina.

Como recordas aquelas primeiras aulas de música na “Sindical”?

Moi divertidas…era o noso reducto particular, lembro pasar tardes fantásticas coas miñas amigas e teño anécdotas fantásticas que aquí non procede contar hehehe.

“Non sei” ou a “Marcha de Breixo”?

Uiiii…non podo escoller a maxia das palabras e das melodías.

Logo dunha década de voz principal e gaiteira do grupo Berrogüeto, formas parte como intérprete e compositora de proxectos colectivos como Nordestinas, Espido, aCadaCanto, ‘Rosalía XXI’, Benzón… logo de ter compartido nestes proxectos con grandes nomes da música, neste tempo fuche quen de abrir a xanela do tradicional ao contemporáneo. Con certeza, a túa andaina en solitario está a ser moi valorada por diversas xeracións. Pensas que é porque non deixas de impresionar innovando na natureza das composicións, procurando novos lugares logo de ter madurado nas vivencias?.

Penso que é por ter feito todos eses traballos dende a maior das honestidades,e crer firmemente en cada un.Cada un ao seu xeito e dependendo da implicación. Se non hai verdade na arte,… que nos queda.Non debemos apousar no pasado, hai que ir camiñando, cada etapa da vida ofrece algo distinto.

Logo de ser o teu novo traballo o máis vendido na Galiza e de que o vídeo “Matriarcas” se disparara en ducias de miles de visitas dende o mesmo momento no que foi cargado na rede…Que ten “Lúas de outubro e agosto” de diferente? Destacarías algún tema do disco?. Como percibes a conexión co público?

Matriarcas tivo a empatía en xeral, independientemente da clase social que foses, do partido político e da lingua que fales …tanta xente que viu ás suas nais, irmás,  fillas, veciñas…etc. As “Lúas de outubro e agosto”, trouxeron un son diferente pero coa súa propia esencia. Non podo pronunciarme por ningún tema…que escolla a xente, é máis divertido así.

Este disco é un disco valente que semella non estar pendente dos outros para a súa aprobación. Dende a túa vivencia, como nai e como artista, como se resolve a maternidade como creación e a maternidade como renuncia ou permanente dispoñibilidade para os outros?. As nais son mulleres difíciles?

Ufff…ser nai situate nunha vivencia distinta ata o de agora vivido, a máis importante e dache unha perspectiva distinta das cousas, do importante e do que realmente importa, da tolerancia e da solidaridade…e sobre todo diche que a túa vida xa non é túa, senon eternamente compartida. Igual que coa música, en canto sae de ti e se fai pública deixa de ser só túa para pasar a ser compartida. Creo que as nais son mulleres, unhas difíciles e outras non tanto…(igual que os homes)

Son moitas as cancións túas relacionando a Cedeira e os seus recunchos, e que moitas e moitos cedeirenses temos no noso haber persoal, cancións que marcan momentos importantes das nosas vidas.Cal é a peza inspirada na vila e terra dos “descalzos”  que máis marcou á compositora?

Hai dúas “Se ti queres”(Espido 2005) e “Norte do alén”(2009) neste Lúas… está “Pernoctei” que ten moito que ver co pobo.

Cedeira seguro que ten momentos doces e momentos duros nas túas vivencias, máis Cantas veces pensache nestes anos en volver a vivir en Cedeira?

Dende que me fun unha vez soa…estiven a punto mais a vida deume outra volta e virei con ela.

Chegas para presentar desta volta “Lúas de outubro e agosto” animando a primavera de dias longos, chegas onde todos os teus traballos e presentacións estás a ser experiencias únicas cunha nutrida presencia da veciñanza… chegas coa estela debuxada dun rumbo que navega ao norte sen perder o punto de partida, cunha vida feita e compartida cun gran artista da imaxe e o audiovisual Carlos Abal e que colabora contigo nos últimos traballos, con Tiago e Carme e iso si é unha novidade, mantendo sempre as amizades dende nena e sen que os éxitos se che subiran á cabeza. Que esperas nesa tarde noite de primavera de Lúas de outubro e agosto que se aveciña no auditorio cedeirense?

Agardo o sorrido dos veciños e veciñas, o respecto que sempre teño no meu pobo e que a xente desfrute tanto como o vou facer eu….

Guadi Galego actuará o vindeiro 28 de marzo 20:30 horas no Auditorio de Cedeira dentro da xira de presentación do novo disco,"Lúas de outubro e agosto".

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off