off
Cedeira, Educação, Meio ambiente, Natureza, Política local — 14 Marzo, 2015 at 10:01 a.m.

Tarais, autóctono, e pseudo-ambientalismo

by

 

ContornaDunar_nicolasdelrio_praiamadalena_OLLAPAROUnha vez máis cómpre felicitar a importante labor pedagóxica e de sensibilización medioambiental desenvolvida polos docentes da Escola Nicolás del Rio e a AMPA Picapeixe en actuacións de interese como a retirada de especies invasoras da praia e a súa divulgación. Alén diso, hai na fermosa actividade de plantar árbores autóctonas no San Antón do Corveiro ou de “tamarix canariensis”  na contorna escolar da duna da Madalena un paradoxo uso do significado de “autóctono” que non debería servir para recrearnos só nas boas intencións senón como oportunidade para reflexionarmos sobre a situación actual da praia da Madalena, a súa contorna e as actuacións a realizar sobre unha zona urbana e periurbana moi deteriorada.

Como é sabido, non son poucas as administracións e as grandes corporacións que teñen adoptado o ambientalismo  como discurso naturalizado ou estratexia que acaba por banalizar o medio ambiente ao mercantilizalo como obxecto pronto a ser usado cando se achegan unhas eleccións, en dias da árbore ou da terra, proliferando todo tipo de programas “natura” que non se soerguen no tempo máis alá da efeméride mas permítelles colgar o rótulo “verde”, sandar conciencias e seguir vendendo. No entanto, promóvose nas escolas a plantación testemuño -pouco máis do que simbólica e sensibilizadora- dalgunhas especies autóctonas que perden protección cando conforman fraga ou souto no medio da plantación masiva de especies alóctonas, nomeadamente eucalipto e piñeiro. Absurdidade do crecemento “verde” baseado no monocultivo industrial de pasta de papel, condenado a sacrificar o ben común que é a paisaxe e o medio ambiente a cambio de manternos nunha relación comercial subalterna, ecolóxicamente desquilibrada e socialmente inxusta. Teimando en seguir coa ilusión dun model productivo insustentabel cando do que se trata é de promover o postextractivismo, que se basa en vender menos e máis caro, e no en vender o país baraiño ao mellor postor.

Piñe01
Cerna de piñeiros e valado Foto: XC

Mentras a diversidade de vexetación e fauna silvestres que os nenos e nenas estudan como alicerces do equilibrio climático e da calidade dos ecosistemas e do ar, da estabilidade e recarga dos acuíferos, preservación dos solos e combate dos incendios e plagas, pola súa resistencia e capacidade rexenerativa, a realidade que teñen ao redor dilles  que só o que é rendibel en termos curtopracistas é o que debe ser plantado e conservado malia contravir a importancia económico-social da diversificación dos sectores agro-florestal e do turismo da natureza, xeradores de emprego e riqueza sustentabel.

As tamargueiras plantadas non conforman mato
As tamargueiras de porte alto plantadas ao xeito das prazas e xardíns non fan mato e contribuen á artificialización da contorna. Foto: GM

O caso é que o xénero Tamarix (tamargueira ou tarai)  son empregadas hoxe para reforestación de noiros e medianas nas estradas de grande parte da península ibérica chegando a naturalizar algunhas especies exóticas. Foi tan masivo o aumento de especies introducidas que é moi dificil determinalas.  Polas mostras de herbario nas que alicerza o nome “tamarix canariensis”, é posibel que non veñan das Canarias mais do noroeste de África (López González, 2007). Á proliferación da tamargueira contribuiron as propias comunidades costeiras xa que o pau da tamargueira (tarai) ten utilidade para facer atazos para o mar. Os mariñeiros da Costa da Morte provisionaban neles cando entraban en Cedeira. Porén, as tamargueiras, hoxe espalladas por toda a praia alta, non poden servir de excusa para facer delas unha “denominación de orixe”. Se lle preguntáramos aos máis novos dirian que a árbore própria de Galicia é… o eucalipto. Portanto, para que serven os eucaliptos? E os tamarix? Había un vello da tribu que dicía aquilo de que quen queira ser rico que plante eucaliptos. Do mesmo xeito que a “invención da tradición” (Hobsbawm, Benedict) tamén  foi callando un sentido  impostado de autoctonía natural, ainda que se trate dunha prótese naturalizada do que non máis que pura artificialización do medio. Disque para fixar a duna con plantas halófitas (adaptación a medio salino) e xerófitas (adaptación á seca) xa que os piñeiros non aguantan e ainda que o xénero tamarix ten outras variedades optaron pola canariensis ( e por que non a gallica ?).

Se o único obxectivo que se quer é o de actuar como pantalla visual e de amortecemento coa zona do patio da escola e a pasarela, a zona con máis presión, deberían ser a súa resistencia á salinidade e o ornamento os únicos criterios de escolla?. E como se fixaba antes se o caracter hipersalino non mudou? Con plantas de porte baixo, halófilas autóctonas ainda visibeis desde as dunas de Vilarrube e a Frouxeira até as de Camariñas e Ribeira: Ammophila arenaria, Othantus maritimus, Omphalloides litorallis, briófitas e outras que  conforman nos meses de inverno unha coberteira que reempraza as gramíneas, só  por citarmos algunhas variedades florais presentes nas dunas do noroeste galego. As dunas son a derradeira defensa da ondaxe da praia e importantes hábitats. As especies alleas adoitan causar alteracións no ecosistema de dimensións descoñecidas se non se fan estudos pormenorizados. Por tanto, o criterio “autóctono” non abonda. Cómpre, ademáis, ser o propio do ecosistema dunar galego. Plantar toxos na praia non serve. Non é a toxeira un mato dunar mas é autóctono.

Arbonovo01
Foto:XC

A zona de plantado de tamarix onde antes se plantaran piñeiros está en ámbito de Demarcación de Costas, non é strictu senso competencia local mas  iso non debera servir para aceptarmos calquer arranxo por moi bo intencionado que sexa, xa que as intervencións realizadas nos últimos anos polas dúas administracións na contorna da praia da Madalena apuntan a un insuficiente coñecemento da problemática particular deste areal ao que se sumou anos atrás o cementado masivo do que hoxe é a Praza Roxa e a zona da Revolta e o exceso intervencionista propio dos “paseos marítimos”: cemento, farolas, valados e pasarelas. Arrepía, portanto, tanto feito consumado e tanto ostracismo, primeiro coa xestión da desfeita da praia da Madalena e, agora, co fixación na contorna urbana da duna sen que o concello reclame maior precisión nas variedades plantadas pois é  obriga das administracións públicas preservar estes entornos da destrucción ou o deterioro irreversíbel, artellando as medidas precisas para garantir aconservación da súa morfoloxía orixinal e biocenose.

Repárese no largo da pasarela conformando unha extensión da rúa sobre a zona dunar
Repárese no largo da pasarela conformando unha extensión da rúa sobre a zona dunar. Foto: GM

A colaboración intelixente do Concello e a sociedade civil debería ser necesaria para frear a presión antrópica, o excesivo intervencionismo das  pasarelas, valados e o plantado indiscriminado de especies que non contan con máis abal que o costume. Mais que facer cando é o propio Concello quen acelerou o proceso de urbanización da duna trazando barreiras e facendo do intervencionismo agresivo dos paseos marítimos a súa bandeira e única alternativa posibel? Por qué non identificar as especies e deseñar un proxecto de recuperación no que sen dúbida poderían participar as escolas e as organizacións ecoloxistas? Por que non aproveitar a ocasión para recuperar esas variedades conforme à sua importancia e ao lugar que deben ocupar nos bosques e ecosistemas?

Para iso precísase a catalogación e descrición das características xeobiolóxicas da área de estudo co obxectivo de ter un coñecemento actualizado da súa situación, identificando os impactos e fixando as áreas prioritarias de actuación dentro dun plano de actuación ou declaración de  “Áreas dunares en recuperación da praia da Madalena” que estableza medidas de control no contorno para permitir a súa rexeneración natural xa que todas as medidas directas ou indirectas tendentes a protexer a integridade deste sensíbel e pequeno ecosistema non conqueriron frear unha degradación que se veu acelerada os últimos 10 anos por mar e terra. Un proxecto de actuación detallando as zonas e as actuacións concretas a levar a cabo, indicando a súa secuenciación temporal.

Tívose presente a Directiva 92/43/CE (Directiva de Hábitats)? Estudouse e determinouse para a contorna da Madalena algúns dos hábitats de interese europeo? O código 2230 para dunas con céspedes de Malcomietalia); o *2130 para dunas costeiras fixas con vexetación herbácea -dunas grises-, prioritario;  o código 2120 para dunas móbeis de litoral con Amnophila arenaria -dunas brancas-;o 2110 (dunas móbeis embrionarias); e o código 1210 (vexetación anual sobre refugallos mariños). É unha obriga das administracións públicas preservar estes entornos da destrucción e deterioro irreversíbel e non inducir a súa deturpación.

Ao cabo, o que dende aquí propomos é un proxecto de renaturalización da morfoloxía dunar e rexeneración da orla arbustiva, complementado se fose preciso coa plantación de sementes das especies da flora dunar orixinal que permita ir restituindo a coberteira natural autóctona ou ir reintroducindo algunhas especies características do litoral galego hoxe desaparecidas ou a piques de desaparecer da zona coma a Corema album (caramiña) ou a recuperación doutras como a Omphalloides litorallis. Criando viveiros de especies de flora dunar, sinalizando, informando, facendo actividades de educación ambiental interxeracionais. Facendo un laboratorio paisaxístico de grande alcance pedagóxico, social e ambiental que poñendo os ollos no futuro non conforme coa Cedeira que temos senón que vaia deseñando a vila e terra  que queremos.

Para saber máis:

Castroviejo, S. (coord. gen.). 1986-2012. Flora ibérica 1-8, 10-15, 17-18, 21. CSIC, Madrid

López González, Ginés A. Guía de los árboles y arbustos de la Península Ibérica y Baleares. 3a ed., 2007

Directiva 92/43/CE

Proxecto CORNA

Sanmartín LA. Guía da flora do litoral galego. Vigo: Edicións Xerais de Galicia; 1998. 367 p.

Tamarix canariensisFlora Europaea

Tamarix canariensis – NCBI Taxonomy Database

Tamarix canariensisGlobal Biodiversity Information Facility

Tamarix canariensisEncyclopedia of Life

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off