off
Economía, Educação, Opinião, Politica espanhola — 9 Marzo, 2015 at 10:30 a.m.

A Universidade como Botín

by

“Eu esperaba chegar a ser un home, pero dixéronme
que non ten saídas; hai que especializarse”
(El Roto)

bolsasCoa décima parte do diñeiro da evasión fiscal depositado no HSBC suízo que o goberno de Rodríguez Zapatero perdoou a Emilio Botín, o Banco de Santander promoveu unha campaña de autobombo en toda a imprensa ofertando un programa de bolsas low-cost, coa axuda promocional da cuestionada Cepyme e a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), que tan devota é da entidade líder da “lista Falciani”.
Os reitores fixeron turma contra a reforma Wert que implanta a vontade dos centros o formato 3+2 fronte ao anterior 4+1 nos tramos correspondentes a estudos de grao e master. Eureka, outros dos nosos! Mais semellante ousadía de parte daqueles que na altura se encartaron á disciplina mercantil do “Plan Bolonia” debería tentarnos o peto. Se os paxariños disparan as escopetas, só pode ser por unha falsa percepción da realidade. Cando os agora disidentes mantiveron o largo de vía dos estudos superiores en España (4 anos o grao e 1 o máster) contra o regulado en case toda Europa (3 + 2), fixérono para manter os seus privilexios e barraquinhas á conta do estandarizado “espazo común”, dado que o financiamento público impútase sobre o tramo dos graos. E agora reinciden, porque a destrución da universidade española vén de dentro. Do sometemento de dolo [cando un indivuo axe de má fé na intención de prexudicar ou fraudar un outro] das autoridades académicas aos designios do sistema financeiro en xeral e do Banco de Santander (BS) en particular.

Primeiro floreceron os caixeiros automáticos nos centros. A continuación chegou a moda dos mediáticos “cursos de verán” patrocinados por áselos da banca. Máis tarde, as entidades financeiras abriron portelo nas principais facultades. E finalmente, coa complicidade de reitores e decanos, o Santander rubiu ao negocio da educación superior abrindo a rede Universia, unha colosal nube de datos de e para “clientes” das universidades de España e Latinoamérica. Trátase da web coa que o finado Emilio Botín quería monopolizar a información da alma mater para fidelizar aos estudantes presentes e vindeiros a ambos os dous lados do charco. Este mercado de futuros hoxe xa é unha realidade que busca suplir ao da burbulla hipotecaria deflagrada pola crise.
A submisión con armas e bagaxes do estamento académico ao rigodón das finanzas foi tan rotunda que o termo “bolsa” está a perder o seu carácter orixinal de incentivo público para facilitar a igualdade de oportunidades, ou máis propiamente, unha discriminación positiva que supere a desigualdade de clase. Ter hoxe unha “bolsa Santander” supón, por elevación, adscribirse á moda crediticia dos bankers, porque o financiamento dos custosos masters é un bocado moi gorentoso para a grande banca. Como antes aconteceu coas hipotecas. O Programa Préstamo Renda Universidade a través do ICO, iniciado no 2007 e finalizado no 2010, con 15.623 abonados, marcou a tendencia cara ao financiamento privado dos estudos superiores. Inseminou a deudocracia no ámbito universitario facendo de cada graduado  un refén da banca.

Esta nova cultura do hipotecón universitario se descaró o pasado mércores 28 de xaneiro cando todos os xornais de ámbito nacional chegaron aos quioscos coas cores corporativas do clan Botín. Viva a prensa libre! Unha dobre saba de publicidade do BS envolvía a portada e contraportada dos medios que crean, controlan e facturan a mensaxe social, fagocitando así a opinión pública mediante a opinión publicada. “Xeraciónencontrada” era o slogan con que a entidade que hoxe preside Ana Patricia Botín anunciaba unha convocatoria para optar a “5.000 novas Bolsas Santander Universidades de Prácticas profesionais en PEMES”, por contías de solto e sen aclarar as vantaxes fiscais que concede o goberno ás entidades “contratantes”. Como no caso do dereito a un teito digno, nas esperanzas de superación desa xeración perdida, sen choio e sen casa debido aos axustes e recortes para sufragar o desfalco financeiro, o banco emisor prevé un próspero e filantrópico mercado.

E iso con menos riscos mesmo que respecto daqueles créditos-vivenda bumerán. Nas que a cobiza fixo errar nas súas previsións, concedendo hipotecas a clientes de solvencia dubidosa, a cultura de bolsarización masiva a futuros (tras esa esmola á Xeraciónencontrada) ofrece unha seguridade simpar ao agarrarse nun dobre aval: o das familias dos universitarios e o da capacidade de renda dos licenciados ao ingresar no mercado de traballo. Unha bicoca. Se aquel primeiro experimento resentiuse por factores sobrevindos, o novo acoirázase no potencial dunha clase social emerxente.
Unha proveitosa aposta que ademais conta coa complicidade dos claustros e do ministerio do ramo, tanto na etapa San Segundo-Cabrera-Gabilondo como na Wert. Se no fracaso das hipotecas a banca usureira tivo ao Banco de España (BE) e á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) mirando para outro lado, co financiamento das carreiras é a propia CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas), con varios lustros de cohabitación coa familia Botín, quen arrola as súas magníficas expectativas. Poderoso caballero…!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off