off
Cedeira, Opinião, Política local — 8 Marzo, 2015 at 10:29 a.m.

A calculada ambigüedade do candidato Moreda (PSG-PSOE)

by

“Estes son os meus principios.Se non gostas deles, teño outros

Groucho Marx

Cedeira_panoramicadesdevilacacínEn interesante entrevista de Ana F.Cuba para La Voz ao novo candidado do PSOE á alcaldía de Cedeira nas vindeiras eleccións municipais Pablo Diego Moreda, empresario do sector inmobiliario,  afirma que “a miña política baséase nos veciños, non en ideoloxías”. Un pleonasmo que é máis do que unha figura retórica xa que xera confusión nun tempo no que o poder da economía todo o asulaga. Logo de ler isto un non sabe se está a falar do seu modus vivendi ou se é un irónico mas raro xeito de calmar as máis que cargadas razóns da cidadanía para indignarse. Por iso é  sorprendente que o novo candidato do PSOE, un partido que se define socialdemócrata, desaproveite a ocasión e entre a xogar coas palabras para non espantar á opinión pública cedeirense, sen por iso facer ningunha mención ao anterior secretario local do partido XL Vergara -rexedor na anterior lexislatura, portavoz na oposición na que agora remata.

Tomade nota do palabrón, silandeiro e perigoso: ideoloxía !  É moi probabel que non fose conscente que o que estaba a afirmar era precisamente un xuizo ideolóxico. Quer dicer, afirmar que basea a súa política “nos veciños” (en quen senón?abondaremos niso máis abaixo) e non en ideoloxías é tan ideolóxico como dicir que as decisións económicas se terán de axustar aos  valores neoliberais ou comunistas. De feito a firmación correspóndese a un tipo de modulación  ideolóxica: o cinismo. Para dicilo, doutro xeito, a moral da economía son os cartos. Tentarei explicar o alcance desta afirmación xa que acho nos permite debullar algunhas das particularidades dos tempos que corren, entre outras, a idea que as ideoloxías son antiguallas que non permiten we are the world, we are the children,  porque seica levan ao sectarismo.

Que sentido poderá ter que nun contexto “ideolóxicamente” determinante se afirme un tópico coma ese, tendo en conta que un evento comunicativo así non é para explicar precisamente o manual de instruccións dunha motoserra

Que sentido poderá ter que  nun contexto “ideolóxicamente” determinante – como é unha entrevista nas páxinas locais do xornal de maior alcance do país a un candidato dun partido abxectivado de “socialista”e “obreiro”, que pasa por ser un dos alicerces do constructo ideolóxico do actual rexime político – se afirme un tópico coma ese tendo en conta que un evento comunicativo así non é para explicar precisamente o manual de instruccións dunha motoserra? Dí  Ten A. van Dijk  que “cando se nega a ideoloxía, é especialmente relevante facer unha análise ideolóxica” porque  canto maior é o alcance dun discurso (dimensión da audiencia)  “maiores serán os seus efectos ideolóxicos”.

Con certeza, a ninguén se lle escapa que se o candidato do PSOE pode afirmar sen rubor que a súa práctica política non é ideolóxica non é máis do que reproducir o retrouso, máis ou menos explícito, do discurso ideolóxicamente hexemónico que se cola por toda parte, sabedor de que pode funcionar nun contexto de comunicación e construción ideolóxica que non é de agora se ben nos derradeiros tempos se aderiron novos parceiros mediáticos. É por iso que perante a cuestión de que a súa candidatura sorprendera “porque hai quen o vencellaba ao PP”, o empresario da construción Moreda resposte a Ana F. Cuba con tópicos como “sumar”, “axudar ao Concello de calquera forma”, “tolerancia e respecto”, “non son de etiquetas”, “teño amigos en todas as formacións”, “impórtame a calidade da xente, non as siglas, e a transparencia…”.  Algúns ainda se lembrarán cando a mediados dos 90 o compulsivo Jesús Gil y Gil dicía: “As ideoloxías son o pretexto dos políticos fracasados para xustificar eso, o fracaso”. E por aí. Por momentos, o  candidado do PSOE á alcaldía de Cedeira súbese ao carro de Podemos: «Esquerda e dereita deberíanse apartar a un lado e entrar nas casas dos veciños para ver os seus problemas», afirma.

Contodo,  ese recurso de encantador de serpes – dicirlle á xente o que quere oir  non debera ser eficiente porque na política de proximidade debera prevalecer a capacidade psicolóxia e moral para non entrarmos na toxicodependencia do mercado político-mediático que nos abafa. Comezando por non fozar na confusión. Espanta porque soa a claudicación e non a argumento: contemporizar para atraer votos a calquer prezo é o funil cara o que se desprazou o aparello do PSOE e a socialdemocracia europea abenzoando as receitas neoliberais e a  promiscuidade entre política e poder financieiro. E todo comezou cando adoptaron os conceptos e usos discursivos do poder financieiro. Apesar diso, nin a crise económica e as respostas que se deron contribuiron a tomar consciencia desta realidade mália facerse evidente que a cidadanía, a diferencia doutras crises, comezou a sinalar os verdadeiros culpabeis da desfeita (laboral, urbanística, medioambiental, lingüística).

Por iso resulta grotesco que o candidato local do PSG-PSOE, tentando exorcizar a pegada ideolóxica, a faga a cada palabra máis visibel.

 No intento por amosarse próximo á xente, distanciandose do herdo, non fai máis do que reproducir os vellos vicios, nun intento por capitalizar o malestar das políticas  que o seu partido o PSOE, primeiro, e  o PP despois, deixaron a metade da poboación xuvenil sen traballo xerando fracturas de desigualdade descoñecidas no que vai de democracia, inoculando de paso a falacia de que para arranxar os problemas dos “veciños” abonda facer bandeira do diálogo e que non se precisan ideoloxías senón escoitar “aos veciños” como se escoita aos consumidores no corporate governance. Quen así se expresa ou desconfia profundamente da política ou pensa que todo é xestión. Mas a política está condeada a innación e ao fracaso cando os cidadáns renuncian a ela. Por tanto, de acreditarmos ainda que hai un espazo específico para a política que non é estrictamente a xestión nen a demagoxia ou o partidismo politiqueiro,  este espazo común non pode ir fechándose a forza de proclamar aos ventos que o que un fai ou di non ten implicacións ideolóxicas e menos nun contexto comunicativo de entrevista preelectoral a un candidato político no que todos e todas sabemos que ten función ideolóxica e do que esperamos opinións sociais ideolóxicamente importantes. Por tanto, que ideoloxía é esa de expresar “non ter ideoloxía”?

A ideoloxía é máis importante do que pensamos para botar andar así, a tombiños, sobretodo porque levamos  décadas no que a economia ameaza con devorar definitivamente a política, o que significa que quedariamos sen democracia. Describir un mato onde todos os gatos son pardos, miñas lectoras e meus lectores, non é máis que pura  ideoloxía. E da pior: a que se apresenta sob apariencia de non selo; a que só visa  na ideoloxía o nesgo na ollada e non a que evita que a perplexidade  nos paralice diante da realidade, dándolle sentido. Se as ideloxías son marcos de compresión e interpretación na que todos nos movemos, é revelador cando se tenta estigmatizar, enmascarándoa, desprazándoa. Primeiro, porque non todas son iguais- hai ideoloxías que non representan o universal- e porque non é posibel desprazala (tanto pode iluminar como deformar, por moito que nos aproximemos e entremos coma os curas “nas casas dos veciños” ) e, segundo, porque  se está a dar por sentado que hai algo así como unha ollada limpa que nos arrola na minoría de idade. Sabermos iso é o primeiro paso para non sermos escravos de ningunha. Nomeadamente a que hoxe se tornou hexemónica concentrando  o poder de decisión nos mercados, finanzas, tecnoloxías, constructores, relixions e Estados que como o español reaccionan dando paus de cego através da recentralización;  a que fai da boa xestión un equívoco sinónimo de bo goberno ou a que sen máis enmascara interesos inconfesabeis sen má conciencia.

Cando o que conta é sabermos cal é o grau de abandono da procura do ben común en beneficio dunha inespecífica -é dificil cuantificala- eficiencia é significativa esa teima por aparecer desideoloxizado e sen teorías explícitas e conscentes.

Agradécese o chamado ao respecto na discrepancia, mas facerse valedor do diálogo ainda que non se den as condicións minimas de comunicación – nunca tanta foi a disparidade e ofuscación- é esquecer quen ten a hexemonía ideolóxica e quen gobernou de xeito omnímodo en Cedeira, Galiza e España non permitindo igualar as condicións que fagan posibel o diálogo. É esa unha reacción contra a orde partidopopularizada ou mais ben  a  evidencia de ter asumido até tal punto o rol de garante do poder que representa o PP?(a dereuta leva gobernando Cedeira case sen solución de continuidade dende a ditadura)

Ao cabo, do que se trata é de que os candidatos expliciten as liñas directrices do seu programa nun momento no que servizos sociais, saúde e educación están a ser xestionados por empresas e no que a lei de reforma da administración local, a máis próxima ao cidadán, está a favorecer a privatización e a supresión de servizos públicos ao devaluar e limitar o seu papel e iniciatiav,  afortalando o das  deputacións provinciais.  Ao presentar unha “política sen ideoloxía” é mesmo normal que pensemos que a non-ideoloxía sexa a de enmascar intereses.  É iso o que pensa o novo candidato do PSOE? Deberíamos tomalo a serio?

Afirmar unha práctica política “non ideolóxica” non é escoitar por voz dos propios dirixentes o teren asumido que non hai máis alternativa que adaptarse aos poderes existentes?

Que mentras a cidadanía reclama máis democracia, máis soberanía, nun intento por recuperar o poder soberano dende a administración local á nacional, o que se lle ofrece é claudicación e impotencia?. PD Moreda non precisaba repetir que vivimos no millor dos mundos posibles para encantar ao votante do PP, aos desafectos volubles e aos que padecendo os efectos das políticas de austeridade cecais nin vaian votar.

Se a súa política  se quer baseada “nos veciños e non en ideoloxías”, PD Moreda debería explicarnos se a cantidade de cartos que segundo el deberan quedar nos petos é a mesma para todas as rendas?

Logo de anos de  cobiza urbanística e mediomabiental, de Barreiros a Sanxenxo, que facer coas 1800 vivendas baleiras da demarcación de Cedeira, moitas delas en mans dos bancos e do Sareb? Defende entullar a praia con area de canteira como defendeu o anterior secretario local do PSOE ou seguir “externalizando” servizos públicos como antes se fixo con Aquagest e Celtaprix? Pensa alentar esa política ou i-la revertindo ?

Callou a idea de que tamén nas distancias curtas, na política local, o que se fai é simple xestión de cousas. Eís a ideoloxía do presente: camuflar a política detrás da economía, a esquerda socialdemócrata tornada en defensora do statu quo. Ao cabo, que significa “basearse nos veciños”ou “que os cartos teñen que estar nos petos dos cidadáns”? Nada, ou máis ben, todo o que non se dí. O percorrido limitado dese pensamento leva ao sustituto de Vergara a facer un uso ostensivel de xénero nas vésperas do dia internacional da muller (deberíamos sobreentender que “veciños” tamén son as veciñas, os nenos e as nenas, as emigradas e os emigrados, os que están de paso e os que volven…? ou só os “veciños” homes que teñen cartos no peto, traballo ben remunerado e máis dunha vivenda en propiedade e  cecais tamén algúns montes?).

O candidato do Partido Socialista Obrero Español á alcaldía de Cedeira parece non precisar máis discurso cá o da dereita. De facermos caso a tanto nominalismo, dí chegar á política coa idea “de sumar” mas de momento só gobernará para unha terceira parte da cidadanía: “os veciños”. Os que seica “estan por riba das ideoloxías”. Xa que logo, para o candidato do PSOE non é de relevo que o asocien ao progreso, ao cambio social e ao feminismo, ao decrecimento e ao uso sustentabel do medio ambiente, ao salario mínimo interprofesional e a unha renda mínima garantida, a igualdade de retribución salarial das mulleres,  atributos todos eles da esquerda como redistribuir, reducir, reutilizar e reconceptualizar para achegarlle xustiza á cidadanía anda que sexa no limitado marco da política local.  Sorprende, portanto, que un candidato que sen ter desenvolvido responsabilidade de representación caia nos vellos vicios da politica mediática institucionalizada máis rancia e opaca, nun intre no que a sociedade está a demandar unha maior distribución do poder.  A política é loita polo poder mas non ao prezo de deturpar a linguaxe que é o mesmo que arrincarlle poder á xente normal e corrente fronte ao poder político, institucional, económico, etc…

Apelar ao diálogo e á non crispación non crea sen máis as súas condicións de posibilidade  e menos nunha situación de precariedade laboral, social e medioambiental inducida. Reparou Moreda que coa súa utilización da linguaxe está a contribuir á construción de hexemonía (ideolóxica) da dereita española? O novo candidato do PSG-PSOE á alcadía de Cedeira afonda o discurso no que está instalado o seu partido, reclamando a xestión do dia a dia e apelando ao diálogo nun contexto no que de acima pra abaixo se estragaron e violentaron os mínimos elementais de representación para que o entendimento se poidera producir. É tanta a interiorización  que o seu rol é o mesmiño cá o do PP. A conta de que e de quen será esa politica baseada nos “veciños” se disque “non en ideoloxías”? Eís a clave do asunto que Moreda non fai máis ca eludir creando confusión. De aí a importancia de colocar no centro do debate a ideoloxía do mesmo xeito que se facía coa estatua da Xustiza nas cidades antigas antes que a bolsa ou a banca (Latouche, 2014).

Vivimos instalados en un grau tal de incoherencia e contradicción de intereses que un pode afirmar sen ruborizarse que fará política sen ideoloxía para logo espetar  obviedades como “eu vexo os problemas económicos da xente, a falta de emprego…” ou  “potenciar o asociacionismo, apoiar ao comercio e á hostalería” ou evidentes ambigüedades, como  afirmar “pactos si, pero non a costa de todo”, “se se dera o caso”…Mais do que se trata é precisamente  de sabermos  do “caso”,  do que nada dí pola súa boca sendo como é o relevante, o “marco de referencia” que precisa a cidadanía para cando se tente aprovar, poñamos o caso, o Plan Xeral. Porén, o candidato do Partido Socialista Obrero Español dí non atender a ideoloxías. Merécense os afiliados e votantes do PSG-PSOE un candidato que proxecta unha política non ideolóxica? Contodo, esperemos que se vaian abrindo expectativas de consenso de producirse a posibilidade de mudar algo. Non vaia ser que o Plan Xeral de Ordenación acabe sendo unha OPA Xeral ao que queda de Cedeira.

Debemos ir rematando, ao cabo, do que se trataba era de poñer de relevo que o paradoxo de afirmar a idea de que hai que superar as divisións ideolóxicas, de que hai algo así como a posibilidade de practica unha política “non ideolóxica” é a ideoloxía forte dos tempos que nos tocan vivir: a da hexemonía ideolóxica de  quen impón unha única dirección. Sempre houbo quen se sentiu encantado de ser de esquerdas a condición que a política de esquerdas non chegara nunca. Rara é a época na que non hai que insistir no que é evidente.

One Comment

  1. Pois desta volta non vai ser o único partido político que asevera ese pleonasmo, confesión màis que ideolóxica de se presentar afirmando que non ten ideoloxía.
    “Xuntos por Cedeira” que até o de agora era SO unha pàxina da Nación Facebook sen nomes nin apelidos agora en pleno galiñeiro electoral saíu do armario e afirma que son un partido político localista e “sen ideoloxía” que pretende a alcaldía cedeiresa.
    Case que lles era mellor xuntarse tod@s nun; PP (os xestores apóliticos que mangonean da política) o ex-Psoe (agora Partido Sen Ideoloxía Español) e Xuntos que non Xunt@s por Cedeira e que nunca deron nin chío en todo este tempo nin se comprometeron nin significaron por ningunha teima nin acontecer social, medioambiental ou tantos outros.

    Nós si temos.ideoloxía, ademáis de nomes e apelidos e unha coraza de noco para aturar tanto…

Deixa unha resposta a FernandoCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off