off
Cedeira, Cultura, Entrevistas, Historia, Mar e Pesca, Traballo, Xente — 1 Marzo, 2015 at 10:49 a.m.

Mares de Cedeira: “O museo pode chegar a ser un referente do pobo”

by

A necesidade de valorizar a cultura do mar ten levado a Asociación Mares de Cedeira a proxectar a visibilización do patrimonio material da comunidade mariñeira de Cedeira nun espazo para a súa interpretación. Un imprecindibel proxecto de salvagarda do patrimonio que está a ver a luz. Falamos con  Xosé de Vigo, un dos seus impulsores, para que nos conte en que consiste 


Os museos representan un dos mecanismos máis importantes á hora de definirmos o que é considerado patrimonio e que non. Arestora nin Cedeira nin a comarca de Ortegal contan cun espazo público que documente, conserve e difunda a memoria material e inmaterial das comunidades costeiras do norte da Coruña, iso que dende o punto de vista histórico atinxe unha grande importancia polos vincallos entre patrimonio e identidade (quer dicir,  a política) xa que teñen unhas estreitísimas relacións. De feito, falarmos desta ausencia de proxectos museísticos é falarmos dos responsables directos do estado do patrimonio material e inmaterial, da súa posibel patrimonialización  e interpretación. Da suma  de toda a nosa herdanza que polo seu valor histórico, económico, social, artístico, etnolóxico, documental, bibliográfico, científico, tecnolóxico, arqueolóxico,etc. definen un contexto, unha cultura, un pobo e nos axudan a comprendelo mellor, servindo á educación ou a formación. Perante o baleiro institucional prevaleceu a inegabel relación emocional  entre quen atesourou durante anos estes obxectos, as artes de pesca e os traballos a elas asociados, historias de vida e de relación co medio que xeraron signos de identidade que o proxecto Mares de Cedeira tería a misión de facilitar. Vimos de falar con Xosé de Vigo, un dos protagonistas do proxecto Mares de Cedeira que seguiu durante anos o rastro da memoria mariñeira que nos define.


En Cedeira perdéronse os derradeiros vestixios das industrias da salgazón (arqueoloxía industrial) e a case totalidade de embarcacións tradicionais entre outros obxectos, fontes e testemuños. Ainda é posible recuperar parte do perdido? Cando e cómo xurdiu a idea de Mares de Cedeira e o proxecto de acubillar esas coleccións nun espazo para mostrarllas á cidadanía? 

Mares de Cedeira 3
Farol e nasas. Mares de Cedeira

Supoñemos que a idea xa se lle pasou polo maxín a moitos outros antes que a nós, pero parece que desta volta pode callar. Na actualidade o grupo de traballo que forman a Asociación Mares de Cedeira (asociación sen ánimo de lucro constituída e rexistrada no rexistro de Asociacions da Xunta de Galicia dende o pasado mes de Decembro de 2014) está formado polo Mecánico Naval Chente Rey Vilarelle, que é o Presidente, o Patrón de Pesca Eduardo do Mimo. que é o Tesoureiro, e eu mesmo, Xosé de Vigo que son Técnico de PRL na Pesca, nas funcións de Secretario. Como antecedentes podemos dicir que por mor do meu traballo, fun recollendo e conseguindo material como maquetas, aparellos, artes de pesca, etc. que pensaba se ían perder debido ao sistema actual de vida de “tira o vello, todo novo”, e porque tiña dende moito tempo atrás a idea de conservar pezas que algún día poideran ser parte dunha mostra, exposición, etc.

Andando o tempo, contactei con outras persoas que tiñan  ideas similares, e logo de moitas conversas,  o que ía ser unha exposición, agromou na idea actual de poder facer un Museo en Cedeira adicado ao mar, que fora quen de poñer en valor a cultura ancestral dos homes e mulleres deste pobo, que fixeron do mar o seu medio de vida, en particular da pesca, que permitíu saìr adiante a moitas familias, e conseguíu os medios para que os seus fillos e fillas, poideran estudar e ter un futuro dentro ou fora da profisión dos pais. Pensabamos que Cedeira, que naceu do mar, tiña unha débeda grandiosa con él, e debería dalgunha forma, volver a él cunha ferramenta que poidera explicar aos cedeireses e aos milleiros de visitantes que anualmente se achegan ao noso pobo, a nosa cultura mariñeira, os medios que se utilizaban e utilizan na pesca, o encaixe do home-barco-mar-peixe-transformación-sistema de vida. En definitiva, contar o esforzo dos nosos devanceiros, o seu traballo, os seus medios, a súa forma de entender a vida, que deu como conclusión a creación dun incrible pobo mariñeiro chamado Cedeira.

Neste momento, estamos a difundir a idea entre todas as persoas que supoñemos poden aporta algún material orixinal para o Museo, de forma que consigamos reunir o maior número de pezas orixinais.

A posibilidade de tiralo adiante vai sen dúbida ligada á investigación das coleccións que favoreza a súa seriación, descrición, datación e catalogación dos obxectos que as integran. Como estades a plantexar o proceso de conservación?

Estamos a facer un relatorio de pezas desaparecidas para poder facer réplicas de como eran. Neste momento, estamos a deseñar e construir a maqueta exacta dunha fábrica de salgazón de Cedeira, seguindo as indicacions de fotografías e testemuñas do propietario e de persoal que traballóu nela. Así mesmo, estamos a replicar unha tercia, un tabal e un tiberio, que son elementos que se usaban nestas fábricas.

Temos encargada a fabricación dunha Patela de Traíña, un Paxe de Madeira e un Paxe de Bimbe, que son os medios básicos usados na medida de sardiña e na descarga deste peixe que se usaban en todos os portos mariñeiros de Galicia

Cedidas polos seus propietarios, temos algunhas embarcacións donadas para poder exhibir no museo, tal como unha lanchamotora, unha dorna, unha barquilla, unha chalana e unha embarcación de regatas bastante antiga, e temos feitas xestions (creo que van ter un resultado positivo) para a donación ao Museo dunha tarrafa que tivo moitos anos a Vila como porto base, de xeito que a poidamos colocar fora do local e, ou ben eliminando unha forra do casco, ou abrindo unha porta nel, a xente poida ver como é un barco de pesca de baixura por dentro, onde durmen, comen e traballan os mariñeiros, que a xente poida contemplar como é a vida a bordo, e que valore o traballo do mariñeiro.

Mulleres traballadoras nunha fábrica de salgado
Mulleres traballadoras nunha fábrica de salgado

Tedes visto nas institucións vontade de enfocar ese proxecto achegando recursos con rigor científico e antropolóxico ou estamos nun estadio de urxente recollida?

Estamos pendentes de asinar en breve, un Acordo Marco de Colaboración entre Concello de Cedeira, Confraría de Pescadores de Cedeira e Asociación Mares de Cedeira, que serán as tres entidades  que van levar adiante este obxectivo. A Confraría cederá o local situado nos baixos dela, ao lado do aparcamento, que pensamos é un sitio ideal. En canto a medios económicos, en principio nos movemos pendentes da concesión de axudas  de organismos publicos que parece se poden concretar de xeito inmediato, pero dende logo, pensando que o groso é a aportación de pezas que xa temos os organizadores e outras que xa temos ofrecidas por unha grande cantidade de xente, mariñeiros, patrons, familiares de mariñeiros que tamén queren poñer en valor os elementos que teñen nas casas, e contribuir para que este soño se leve adiante. Pretendemos asesorarnos no seu momento, con todas aquelas persoas que teñan coñecementos  e experiencias que nos poidan axudar a facer, dentro das nosas posibilidades, o mellor Museo posible. Etnógraf@s, especialistas en museoloxía, director@s de outros museos semellantes, sociedades científicas, e calquera outro técnic@ cuxa especialidade nos poida axudar.

Estamos pendentes de sinar en breve, un Acordo Marco de Colaboración entre Concello de Cedeira, Confraría de Pescadores de Cedeira e Asociación Mares de Cedeira

A cultura do mar é, sen dúbida,  máis do que o traballo mariñeiro e as artes de pesca. Conserveiras, cabotaxe para o transporte de mercadorias en trincados,  oficios de terra como as traballadoras das fábricas de salgado, as redeiras e peixeiras, a carpintaria de ribeira, e logo tamén o remo,etc… ademáis perdéronse moitas testemuñas e fontes orais…

Está claro que moitísimas delas xa están perdidas, pero afortunadamente, aínda se conservan contados exemplares de nasas de lagosta, cebos do bonito, caceas, rapetas, aparello de cerco, maquetas de barcos, documentos orixinais de diferentes faenas de pesca, libretas de navegacion, carabeis de mar, compases, rodas de timón, anclas, poutadas, farois, motores, bombas, etc. Temos testemuñas abondo dende todos os puntos de vista, que nos confirman as opinions favorables a idea. O Museo pode chegar a ser un referente obrigado do pobo, coa pretensión de chegar a integrar a todos dentro do mesmo, en especial que sexa o “Museo dos mariñeiros”. Todo o mundo co que falamos, ten  sensación de que vai ser un elemento imprescindible para evitar a desaparición do patrimonio que todavía podemos rescatar.

 

A museoloxía tradicional do museo-armacén ten sido contestada dende posicións ligadas á etnoloxía, a antropoloxía e o relativismo cultural e dende a crítica social. O caso é que non podendo ser doutro modo patrimonio e museo van de brazo dado, e máis nunha situación de irreversibel perda de patrimonio inmaterial que precisa a súa urxente preservación e interpetación

A idea do Museo-Almacén, é algo que desbotamos absolutamente. Temos falado moitas horas sobre como organizalo. Como dixemos antes, queremos que sexa o museo de todos, e polo tanto, vai ser inevitable poñer moitas das pezas que van aportar con moita ilusión os mariñeiros, e debido a isto,  decidimos en principio seguir unha distribución que nos parecéu lóxica consistente en concretar  nos “Espazos temáticos”.

Por citar alguns deles diremos, diremos : O Pobo /  O Mar / Homes e Mulleres (mariñeiros, mariscadoras, redeiras, peixeiras, carpinteiros de ribeira) / Os Barcos (a construción, as embarcacións, a propulsión, goberno e navegación, medios de fondeo, a vida a bordo) / As Artes (liñas, anzois, poteras, caceas, nasas, aparellos, medio mundo, ollo, salabardo, etc) / As Mariscadoras / As Redeiras / Os percebelleiros /  A Conserva / A Reserva Mariña / O que o mar esconde (achádegos, animais, cunchas, etc) /  O Deporte Mariñeiro /  Outros barcos, outros mares / O Mar Vivo / Documentación e Biblioteca / Sala multimedia / Barcos tamaño natural, etc.

LaTripolitania
Conserveira “La Tripolitania”. Mares de Cedeira

O Museo vai contar con “Fondos Propios” e con “Fondos Cedidos”. Todas aquelas persoas que teñan algunha peza o documentación que poida ser exposta, se queren, poden doalo ao Museo, en caso de que queran conservar a propiedade, poderan facelo en réxime de cesión e recuperalo cando así o desexen. Dende logo, temos a sensación de que será un orgullo para todos os que cedan pezas, ver que alí, na gran exposición da Cedeira mariñeira, está unha parte da historia propia ou da súa familia. O noso obxectivo é poder abrir de cara ao verán, pero será a evolución a que nos marque a data. Temos confianza e afouteza para conseguilo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off