off
Europa, Movementos sociais, Opinião — 25 Febreiro, 2015 at 10:57 a.m.

Syriza: o refluxo

by

Un partido xurdido dunha coalición radical de esquerdas. E unha crise económico-financeira inxustamente repercutida sobre as clases populares. Esas eran as dúas variables que preludiaban unha mudanza sistémica na Grecia que á vez servise de faro a outras sociedades igualmente atrapadas na trituradora do austericidio. Porén, Syriza recuou ante a troika que agora se fai chamar “as institucións”, e parte do Programa de Salónica, cuxas meles fixo que as xentes o levaran ao poder, ficou relegado ad calendas gregas. Co pacto do Eurogrupo para acadar liquidez financeira até agosto, Tsipras di sí  ás privatizacións, frea a subida do salario mínimo, posibilita o incremento do IVE e admite o emagracimento da administración pública.

Tras unha arrancada de cabalo por parte de Varufakis e unha sentada de burro por Tsipras, en pouco menos dun mes, o país que foi a gran esperanza branca dos desacreditados PIGS, vén de empezar a repregarse, sacrificando a estratexia á táctica. Aínda que como acontece co desfasamento entre o lóstrego e o trono nas tormentas, os derradeiros inquéritos seguen dando ao goberno grego un grande apoio cidadán. A realpolitik ten esa rara virtude: cegamos polo seu lume. Porque tamén aquí a velocidade da luz é maior que a do son.

Desta forma, algunhas das medidas prometidas para paliar a emerxencia social poderán ser aplicadas obrigadas precisamente a aceptar a prórroga do rescate do que Syriza renegara de plano ao consideralo como unha liña vermella infranqueabel. O que é tanto como amentar a soga no caso do aforcado, porque a satisfacción desas necesidades básicas farase á conta de maiores sacrificios futuros. Ao cabo, impúxose a dialéctica da ideoloxía dominante.

A reflexión nestas circunstancias é se estamos condenados sen remisión a someternos aos intereses dos poderosos; se nunca hai un punto de ruptura democrática que evite a barbarie cotiá?

O vieiro que está a empezar a percorrer Syriza coa súa viraxe soa a dejà vu. A esa rutina consistente en que os partidos políticos nos enfeiten con todo tipo de ofertas e boaventuras para en canto chegan ao poder recuar coa rude escusa de que as circunstancias mudaron. Así foi como o Pasok e Nova Democracia no país heleno, e o PSOE e o PP en España, afundíronse no desdouro e a desconfianza dos votantes. Unha demagoxia que lonxe de limitarse á quenda bipartidista , coa rectificación de Syriza parece consolidarse como o mal de pedra da partidocracia. Aínda haberá que esperar uns meses para vermos como fai Podemos, que non é nin de dereitas nin de esquerdas, para zafarse desa funesta teima de manobrar.

Se o caseiro de Bruxelas terminou dando unha segunda oportunidade ao magoado inquilino grego sen vencedores nin vencidos, como semella, teremos que analisar cales  son en esencia as razóns que fixeron convir a un e a outro que é preferibel seguir de mal-avindo a definitivamente divorciados. E ese elemento que permite a cohabitación in extremis pode ser a conciencia por parte da Unión Europea (UE) de que se erra Syriza como alternativa ao bipartidismo o recambio electoral caerá en mans de Abrente Dourado (AD), o partido neonazi alistado no billete antieuropeista conoutras formacións ultranacionalistas que, como a Fronte Nacional (FNT) en Francia, están a arrasar nas urnas de países crave da UE. Quer dicir, a risco de cebar a desintegración da UE.
É aquí onde seguramente aniña o epicentro desta dolorosa renuncia ex post e da súa nula contestación polas bases de Syriza, feito ao que se lle pode bucar un referente hispano na coalición de goberno que no seu día estableceron en Andalucía o PSOE e Esquerda Unida, un partido este último que é o máis parecido a Syriza no noso ámbito político. Refírome á circunstancia de que as críticas que xurdiron desde a  máis radical de Syriza após acordo con Bruxelas, parecidas ás que EU esgrimiu ante os socialistas por adiantar unilateralmente as eleccións, ostentan un hándicap de orixe por silenciar a estes mesmos sectores o acordo contranatura co ultranacionalista e xenófobo ANEL como socio de goberno. Ás veces, non sempre nin en todos os lances, tamén en política o que empeza con tropezos adoita avanzar aos croques.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off