off
Cedeira, Política local, Traballo — 26 Febreiro, 2015 at 10:42 a.m.

Practícase en Cedeira a caridade como se fose política social?

by

sandwicheHai un ano o Instituto Galego de Estatística  fornecía a súa enquisa anual sobre condicións de vida das familias. Os resultados elaborados con dados tirados de 2012 puxeran de relevo que Ferrol encabezaba a taxa de risco de pobreza  de Galiza por diante da nosa maior urbe, Vigo.  O indicador que no anterior inquérito foi do 15,72% aumentaba dous puntos acadando un  17,48%. No entanto, Pontevedra baixaba a  14,60% e  Vigo a 13,63%. No cuarto trimestre de 2014 Ferrol co 38%, é o concello coa menor taxa de ocupación.

Sobre ese pano de fondo comarcal, Cedeira rexistraba en 2014  un paro de  527 persoas sobre unha poboación total de 7.147 da que 2.054 son pensionistas (coas pensións máis baixas do estado) segundo dados da Consellería de Traballo e Benestar.

Cando o PP  derivaba a Cáritas  a responsabilidade  de emerxencia social (que entre outras achegas distribue recursos do Fondo Social Europeo) alicerzaba así a súa idea política social como caridade postelectoral. Á marxe de recoñecermos o valor social do traballo de campo desenvolvido por Cáritas, non é asubmibel a sectarización da administración ao negarse a construir capital social,  un nós capaz de acción colectiva, alimentando ainda máis a atomización e anestesiando a posibilidade de creación dun poder comunitario. Non fora ser que poidera cuestionar abertamente as políticas neoliberais aplicadas polo PP dende os diversos niveis da administración. Non fora ser que a sociedade civil puxera a cada un no seu lugar. Porque malia a hexemonía do PP, felizmente Galiza e nela Cedeira, é unha sociedade plural na procura da madurez, con fendas e ondulacións de todo tipo madía-leva, mais non é a realidade homoxéna e plana que con teimosía nos amosan os medios orgánicos e as políticas baseadas nunha comunicación unilateral que condea aos seus receptores á pasividade. Non se quere  contar co resto de forzas políticas e cos axentes sociais como se a lexitimidade que outorga as urnas  obviara o feito de que temos que convivir e construir entre todos e todas unha vida en común que mereza ser vivida e non apenas votar cada catro anos  para ver se gañan os “nosos” para despois facer e desfacer a vontade.

Quen e como se están a xestionar as axudas sociais e de  alimentos? Veñen de sair as axudas para material escolar. Como se publicitaron? Están a chegar a quen as precisa ou só a un colectivo moi pequeno de familias dada a súa insuficiencia?Estase a reparar dalgunha forma?

Por mor dunha pregunta plenaria do BNG sobre as taxas de precariedade e da necesidade de crear unha mesa local de todos os axentes locais para analizar e dar solucións à urxencia social o PP puxo á confraría da Virxe do Mar a pedir nos supers. Iso é todo.

A  memoria de Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol informa que foran 25 as persoas atendidas en Cedeira en 2013, sendo membros de familias con persoas en situación de desemprego, mulleres con fillos menores ao seu cargo, membros de minorias étnicas, inmigrantes e maiores de 65 anos. O tipo de axuda que recibiron foi económica para gastos de primeira necesidade, alimentos e roupa, pago de alugueiros e de medicinas. Segundo fontes consultadas arestora as familias en situación de emerxencia social- sen ingreso ningún- pasaron a ser 40, arredor dun cento de persoas.  Vai saindo a luz a desfeita da Xunta en prestacións sociais no medio da agonía económica e dos datos da pobreza laboral, infantil e enerxética. O que non sabemos é que porcentanxe xa é cronificación do problema en forma de desemprego, dependencia e precarización laboral con remuneración ínfima e non apenas emerxencia puntual.

En tanto medra a necesidade, o Concello de Cedeira deriva a súa responsabilidade a unha agrupación relixiosa e ao voluntariado mas segue sen ter Plano de Emerxencia Social; planos cos que  contan outros concellos gobernados polo PP da comarca ou Ferrol, ou Narón, que non celebra as festas patronais por atender con prioridade os asuntos sociais.

O goberno do PP de Cedeira está a facer como se a sociedade fose un todo orgánico que se mantén unida grazas  á solidariedade e cooperación cando os seus antagonismos había ben tempo que non estaban tan visibles como agora. Populismo de dereitas que nun contexto ideolóxico explícito que lexitima as relacións sociais de explotación e de dominación é mesmo un  dejà vu propio do NO-DO que críamos superado.  Unha fantasía que lle está a permitir empregar o término “solidaridade” (a ideoloxía non máis do que a forma aparente da non-ideoloxía, dí o filósofo) coa única función de perpertuarse no medio da desfeita cando son as políticas de austeridade e as reformas laborais aplicadas con fruición e convencimento polas macropolíticas do  PP e da troika (e antes xa co PSOE cando esqueceu o núcleo ético do socialismo) presionando até resignarnos a aceptar -tal é o grau de desesperación de moitas persoas- a crúa realidade do mercado e das políticas que provocaron os índices de empobrecimento actuais e a culpabilización das víctimas. Unhas condicións nas que é doado apelar á “simple” e “animal” unidade dos seres humanos  por riba de calquer diferencia política ou antagonismo cando a situación de precaridade que bate nas  familias vén dada por uns cambios económicos e sociais concretos e dirixidos que traizoaron as esperanzas e expectativas da xente de a pé. Non confundamos a vella caución solidaria entre todos os homes e mulleres e a sociabilidade e apoio mutuo defendido con honestidade por Kropotkin do adoutrinamento confesional que ven de colar a Conferencia Episcopal no primeiro curso de primaria e ESO.

Do local ao nacional. Abonda con cultivarmos o instinto de sociabilidade máis alá de tranquilizar as conciencias ? Pódese contruir un modelo de sociedade máis xusto desde o local alicerzando toda actuación apenas no voluntarismo da acción parroquial dunha asociación relixiosa? É o seu urxente obxectivo loitar contra o empobrecimento e a emerxencia social tendo como entidades colaboradoras  grandes supermercados e medios de comunicación?  Ao cabo, os alimentos “donados” en realidade son adquiridos polos mesmos solidarios ciudadáns que pagando os seus impostos non ven que aqueles que exhortan á solidariedade desenvolvan políticas sociais xusta no canto de campañas de recollida nos supermercados. Cadeas de distribución alimentar que saben que coa doazón de stocks evitan a queda de prezos e o gasto de destruilos aproveitando de paso a lei que lles permite a desgravación da cota íntegra do imposto de sociedades do 35%.

A beneficiencia, non é xeradora de dependencia? Caridade electoral? Esta a rematar a lexislatura, cando pensa o PP facer política?

Paro rexistrado  Total Homes Mulleres Período Fonte
Por idade
   Total 527 268 259 2014 CT
   menores de 25 anos 30 21 10 2014 CT
   outras idades 497 247 250 2014 CT
Por sectores de actividade
   Agricultura 28 28 1 2014 CT
   Industria 93 70 23 2014 CT
   Construción 78 68 10 2014 CT
   Servizos 270 86 184 2014 CT
   Sen emprego anterior 58 16 42 2014 CT

 

Movementos migratorios Emigracións Inmigracións Período Fonte
Á mesma provincia 114 86 2013 INE
A outra provincia 30 11 2013 INE
A outra comunidade 39 46 2013 INE
Estranxeiro 22 30 2013 INE

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off