off
Movementos sociais, Política, Politica espanhola — 17 Febreiro, 2015 at 7:49 p.m.

Da patrimonialización á telepolítica

by

tubo-raios-catodicosNo tempo da internet, trunfa a telepolítica. Na sociedade da información, coa ben a patrimonialización da cousa pública. Reparemos  nesta última imprópria apropiación  cando o ministro de Facenda espetou a coitelada política partidaria divulgando o que Monedero non debullara. Os usufrutuarios da telepolítica respostan con grande disonancia respeito ao tele-activismo que os alicerzou no cenario político dos debates de plasma. Porén, Monedero non soubo debullar calquer cousa convincente e Montoro, que sempre recunca coa hipocresía dos partidos patrimonializadores do Estado, guinda o nome, a palabra-frecha: “encobrir gastos”. Abonda con iso. O nome sempre fai a cousa, mas nunca é inocente. Tanto sirve para visar feitos inexistentes como para agochar o que temos diante dos fuciños. Velaí que o monotema Podemos tornou invisibel o proceso soberanista en Catalunya, por poñermos un exemplo. Na idade da tele quen non saía en pantalla non existía, hogano por mor do presentismo cibernáutico quen esvaece uns dias semella ter pasado ao rexistro dos óbitos acontecidos.

A crise seica erosionou a política e as clases sociais, mas as súas estructuras, acenos e modismos teiman ergueitos e intactos. Entanto Monedero desinfla expectativas coa mesma habelencia con que as creou,  Sáenz de Santamaria canea os medios cando lle preguntan por Gürtel. Eche o invés da moralización cando non se achega información certa e explicacións convencedoras. Fica a dúbida sen tañeiras que patrimonializa a caste, viches, son coma todos! Eís o que precisaban os duopolistas e quen leva toda a lexislatura a mentir e terxiversar o estado de dereito.Ver como a crianciña medra e se parece aos pais non deixa de provocar unha mestura de alivio e de pánico malia estar coas medras, en construción de cadros e programa. Porén, mentras apaña intención de voto nos celeiros de PSC- PSOE, ANOVA, IU e BNG, e do mesmo PP, hai mostra de síntomas perigosos.

A telepolítica crea cenarios imprevisíbeis, fai priorizar o aceno sobre a reflexión, a inmediateza diante da estratexia e o discurso sobre a práctica. A imprevisibilidade do teleactivismo descoloca aos actores tradicionais e aos novos actores que poden converterse  na segunda forza de España, goste ou non goste. Alén diso, todos son portadores da boa nova e da mudanza. No entanto, hai quen non regulariza a situación fiscal ao tempo que os outros patrimonializan os instrumentos de Estado. Preguntémonos, portanto sobre cal pode ser o alcance dese cambio e se no medio do poleiro é posibel debullar e diferenciar o que é mudanza das estructuras e o que é mudanza que afecta ás estructuras. De momento, o máis preocupante é a reprodución do mesmo estilo dos adversarios. Amoréanse escenografias do cambio mas o mapa non é o territorio. As formas permanecen intactas, as medias verdades que se tornan mentiras e o silencio conducen á nula transparencia, e esta, á desconfianza. A disonancia entre o que se dí e o que se fai . Acrescéntanse termos ao debate político, novas facianas en formacións que foron emerxendo a través da telepolítica e nas redes sociais a modo de altofalantes que tenden a simplificaren a mensaxe.

A horizontalidade de Podemos acabou no funil do único liderado vertical esquecendo no lance carismático as esquerdas da “periferia”. O problema dunha insuficiente reflexión sobre o que é “representación” ten levado á urxente e pouco requintada asignación de atributos, o de máis suceso o de “caste”. Un conxunto  que deriva, xa que fai parte dele, do atribulado e famoso “os políticos son todos iguais”. Unha reviravolta producto do hiperliderado que non poderá obviar nen adiar por máis tempo que o proxecto de “ruptura en España” (rexeneración radical do sistema político español alicerzado en “botar a caste”) ten nas forzas soberanistas galegas de esquerda  unha condición imprescindibel xa que a simples proposta de reforma do modelo territorial debería atinxir aquel que permita aos galegos exercer o dereito a decidir.  Porén, a patrimonialización da España monocorde permanece porque segue alicerzada no mesmo modelo territorial, a hexemonía capitalista de matriz española, a do espolio enerxético, e o supremacismo lingüístico e a que teima en non aceptar as outras cidadanías e o seu dereito de autodeterminación.  Como podería acadar Podemos algunha desas cousas sen contar con aliados? Evidentemente se non respeita de xeito democrático a liberdade nacional non atopará aliados nas forzas galegas de esquerda que levan décadas a propor unha mudanza do modelo territorial. Inhibir o encadramento non o erradica. Eís o dilema de Podemos por moito que lle saia a aritmética eleitoral, porque as forzas soberanistas de esquerda coñecen de primeira mán o rexime bipartidista español e os vellos acenos  dun estatalismo transversal que vai dun extremo ao outro, para teimar malia o devalo, simbolizando ainda as disonancias obxectivas, as disparidades laborais, culturais, medioambientais e enerxéticas  da realidade galega respeito da española. Hase de ver onde atopa Podemos os seus aliados para a ruptura democrática se é quen de rachar co bipartidismo de sempre.  Alén diso, hai unha cousa en común ao que agora se suma Podemos, que é o de acadar un diferente reparto do poder no estado español. A partires de aquí a cousa difire, costándolle recoñer -sen ter tocado poder- a diversidade lingüística do Estado e non ter a cuestión territorial entre as súas categorías de análise, porque o seu discurso rupturista de estado no que ten en común co discurso político e social da esquerda nacionalista non é diferente en Galiza e España, mas o  rupturismo postulado pola esquerda nacionalista galega -mesmo padecendo tamén a erosión da esquerda da que se nutre Podemos e o devalo da socialdemocracia- presiona na liña de flotación do rupturismo estatalista de Podemos xa que, partillando algúns dos seus eixos programáticos (crítica da austeridade e do bipartidismo), a defensa dunha socioeconomía ortodoxa non é incompatibel coa defensa da ruptura democrática con España, como se está a ver en Cataluña. Alén diso, a posibilidade de practicar políticas económicas e sociais de emponderamento ten na súa territorialización un dos seus alicerces para facer un país máis xusto. De feito, o galeguismo histórico sempre tivo unha arela de exixencia e de ambición e abertura de espirito, comezando por mudar a idea de España. Non semella ser este o espírito do galeguismo actual ao visar o soberanismo como vieiro de democratización- a acelerada españolización dos derradeiros decenios foi desmedida, onde aquén e alén Padornelo desaba un estado que o controla todo e cando quer, afunde a quen lle peta. Porén, no horizonte do Leviatán español, o do galeguismo sempre foi o fraxil equilibro defensivo entre substituir as exixencias non correspondidas e a crítica a un responsabel externo e a exixencia dunha autocrítica que permitira maiores cotas de inclusión e confluencia.

Os aliados cos que conta Podemos para facer realidade os seus propósitos son mesmo incompatíbeis. Ao cabo, que é o que quere Podemos? Até cando durará o feitizo? A ruptura democrática no Estado só será posibel se percebe como potencialmente complementaria a esquerda soberanista galega sen por iso obrigar a renunciar ao obxectivo exposto por Castelao no Sempre en Galiza, unha diagnose de grande vixencia para o escenario de cambio actual que continua a provocar as mesmas fobias que outrora na  “democracia ortegana” e para a cal o de Rianxo albiscaba un funil democrático de non reverter a secular lóxica de dominación territorial á que foran sometidas as clases populares da nación galega. A mesma que momifica a xestualidade política co fin de conservar a hexemonía actual. Quer dicer, se non atrancan como fixo no seu dia a UCD-PSOE e despois PSOE-PP o desenvolvemento do autogoberno galego. Cómpre perspectiva histórica e a telepolítica non gosta de analisar os procesos de cambio social. No entanto,  reparemos no prezo de desconfianza de manterense as incoherencias dos que patrimonializan con grande hipocresía o que non é deles e dos que querendo mudar iso, siguen encadrados na xestualidade adquirida e na teima por apropiarense dunha diagnose que non é só súa e cuxa terapia terá de precisar de máis parceiros.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off