off
Meio ambiente, Movementos sociais, Opinião — 19 Febreiro, 2015 at 10:10 a.m.

A taxa da vergoña

by

Os veciños de Ferrol deberían saber que nos recibos que xa estaban a pagar a Emafesa figura o canon do saneamento da Xunta de Galicia, destinado a financiar os gastos de explotación, e as inversións nas infraestruturas de xestión, mantemento e depuración das aguas  residuais de Galicia.

Mercede á complicidade do actual goberno municipal co xestor privado de Emafesa (Urbaser), en busca do maior negocio deste último, as costas da sufrida veciñanza ferrolá van ter que pagar dúas veces polo mesmo concepto

edar_priorinho
EDAR. Prioriño

Pois ben, mercede á cumplicidade do actual goberno municipal co xestor privado de Emafesa (Urbaser), en busca do maior negocio deste último, as costas da sufrida veciñanza ferrolá van ter que pagar dúas veces polo mesmo concepto: o canon de saneamento de Augas de Galiza e a taxa de depuración de Emafesa. Gravadas con unha nova taxa para financiar a explotación do sistema de saneamento e depuración, para maior beneficio desta empresa privada.

Isto débese a que o actual grupo de goberno ten asinado un convenio con augas de Galicia onde se contempla unha encomenda de xestión na que o concello a través de Emafesa se fai cargo de todos os gastos de mantemento e xestión  da EDAR de Cabo Prioriño. Non debería poder ser que os veciños de Ferrol teñan que soportar todo o custo de xestión desta infraestrutura e a Xunta de Galicia a través do canon da auga, que xa esta a cobrar, non participe na financiamento da depuración da nosa ría.

Hai que ter en conta tamén que vinte mil das trinta e tres mil vivendas de Ferrol non están aínda conectadas a rede de saneamento e que van ter que pagar esta taxa igualmente. 

O concello ten anunciado que os veciños da zona rural e os que viven no cauce do rio Sardiña estarán exentos de pagar este novo recibo por non ter conexión a rede de saneamento. Entón, por que o resto da cidade que non ten nestes momentos conexión a rede, non fica  tamén exenta do pago do recibo?

Vinte mil das trinta e tres mil vivendas de Ferrol non están aínda conectadas a rede de saneamento e que van ter que pagar esta taxa igualmente

O que amosa a xestión municipal neste asunto e a total supeditación do goberno aos intereses dunha empresa privada que obterá pingües beneficios a costa da cidadanía de Ferrol, nunha cidade non o esquezamos onde a taxa de paro, o empobrecemento, a emigración  e a crise demográfica alcanzan cotas insostibles que poñen en perigo a supervivencia da propia cidade. E  que agora encima se vai ver gravada cunha taxa anual por fogar  dun promedio de 70 euros. Converténdose en “cautiva” dunha empresa participada por Florentino Perez.AUGA-E-SANEAMENTO

Temos que ter tamén presente  que o sistema de saneamento implantado e “obsoleto” e “custoso”, que consiste basicamente “nunha depuración intensiva e unitaria (mestura de augas residuais e pluviais), o que implica ademais unha depuración  insuficiente e insustentábel, cuns altísimos consumos enerxéticos e custos de mantemento que teremos que soportar todos e todas.

Todas as xentes, forzas políticas e sindicatos que loitan por un Ferrol mellor están xa a traballar pola necesaria remunicipalización do servizo de augas, porque só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia no servizo e evitar este tipo de abusos onde se poñen os intereses empresariais por riba dos intereses de todos e todas. 

[Este artigo tamén foi publicado en Artabra 21 e Praza Pública]

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off