off
Cedeira, Meio ambiente — 18 Febreiro, 2015 at 6:31 p.m.

De que serviu a empalizada?

by

Estes temporais que andan a retirar novamente a area da praia veñen a demostrar a inutilidade das accións levadas a cabo pola Demarcación de Costas na praia de Cedeira, xa que lonxe de solucionarse, o problema segue aí.


Non hai datos

Descoñecemos como alterou a dinámica da area o foxo e o valado que a Demarcación de Costas construíu o ano pasado ao pé da duna. É posible que a barreira de madeira teña impedido que a duna se desmorone ou o movemento da area, esa era a intención (supoño), mais, en que sentido? Que cantidade de area non se moveu con respecto o ano pasado? Onde están os datos que van a respaldar esa idea?

Sen un estudo previo ou un seguimento científico non pode saberse se foi realmente efectivo este traballo nin se realmente se teñen acadados os obxectivos para os que foi acometida a actuación. Ninguén, neste ano nin no anterior, se achegou pola praia para facer medicións neste sentido, o que significa que a administración non está a facer o seu traballo e que estes datos non existen.

Madalena_Ollaparo-20150130-WA0007Tampouco se ten feito un seguimento biolóxico nin dos vertebrados (aves, répteis, mamíferos, etc) nin dos invertebrados. Son estes últimos animais, dos que a maior diversidade e abundancia se atopa nas praias. Os macroinvertebrados son animais de escasos centímetros, nos que se inclúen crustáceos, moluscos, anélidos poliquetos, etc, e que non solen ser perceptibles a simple vista polos usuarios da praia xa que adoitan vivir por debaixo da superficie da area en tubos ou galerías construídas por eles. A construción da zanxa e o soterramento da empalizada poden ter alterado a composición faunística desta comunidade xa que é posible que proliferen animais que se alimenten de madeira como “a broma” (un molusco bivalvo) ou “a broca” (un crustáceo isópodo) pero será imposible coñecer se iso está a pasar pola ausencia de datos.

De existir unha alteracións, cousa practicamente imposible de demostrar cientificamente, é moi difícil coñecer cales son as súas consecuencias, posto que aínda que podemos especular sobre que animais poden proliferar, é posible que non existan estes animais en toda a ría de Cedeira e polo tanto a súa chegada á praia é improbable. Aínda que tamén podemos especular sobre o movemento dos grans de area, tampouco podemos asegurar se realmente a barreira está xerar na duna a estabilidade desexada pola inexistencia de datos que respalden a suposición.

Non serviu para nada

A area coa que se soterrou a empalizada xa desapareceu, e a madeira queda exposta ao embate das ondas, á acción química da auga de mar e demais factores que a irán deteriorando pouco a pouco. E que ocorrerá cando a madeira se deteriore? Estaremos como fai un ano? Moito peor!! Costas coa cumplicidade do Concello terán malgastado diñeiro público para levar a cabo unha actuación que non evitou que a area siga a desaparecer da praia, e que pode ter causado outros problemas. En calquera caso, hai razóns para crer que ten provocado unha alteración no ecosistema da reserva mariña, aínda que a desleixo no traballo da administración o faga indemostrable.

Coñecer as dinámicas existentes e analizar como afectan as actuacións levadas a cabo para a súa conservación, é o mínimo que se pode esixir para o cuidado dun espazo protexido como a reserva mariña. Os cidadáns e cidadás debemos preguntarnos se esta actuación ten servido para algo, ou ten aportado algún beneficio para Cedeira. Eu humildemente penso que non, pero é só a miña opinión e non teño datos para para concluílo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off