off
Cedeira, Opinión, Política local, Saúde — 17 Febreiro, 2015 at 17:19

Centro de día de Cedeira: improvisación e electoralismo do goberno municipal popular

por BNG Asemblea Local de Cedeira

En relación ao “proxecto” de centro de día anunciado polo goberno municipal popular, e despois do publicado na prensa con data 13 de febrero de 2015, o BNG queremos transmitir á opinión pública o que pensamos ao respecto.

En primeiro lugar o grupo de goberno municipal de Cedeira non tivo a ben amosar publicamente o tan anunciado proxecto, e o que sabemos é só o reflectido na prensa, que é que o investimento municipal nas obras de adaptación do local da cafetería do auditorio para centro de día é de 73.335 euros. Non sabemos os servizos que vai prestar o centro e menos aínda como vai ser a xestión do mesmo. Xa que si ben nos primeiros anuncios en prensa que fixo o noso goberno municipal sobre este tema parecía claro que a xestión ía ser privada, á vista do publicado agora: “o goberno local solicita á Xunta a coxestión do centro de día”, seguimos sen ter información precisa e fiable de cómo vai ser a cousa.

O BNG temos preguntado en numerosos plenos ao goberno municipal polo tema da xestión do anunciado centro de día, porque nós como defensores dos servizos públicos temos moi claro que as inversións municipais teñen que adicarse a servizos públicos. Todo o que sae do Concello pagámolo todos e os servizos que se creen cos nosos cartos teñen que ser para todos. Si se crea un centro de día con cartos públicos, por que imos ter que pagar polos seu uso?. E si xa todas as veces que preguntamos sobre o tema nunca se nos deu una resposta clara, agora o que se pon de manifesto é que aínda non se sabe como vai ser a xestión.

Polo que seguimos a ver como o goberno municipal popular de Cedeira goberna e xestiona cunha improvisación abraiante, iso si a golpe de titulares. Improvisación da que temos neste caso un exemplo manifesto, cando se quixo botar aos maiores do seu local, na cafetería do auditorio, o señor alcalde non foi quen de explicar nin o por que nin que pretendían facer co local en cuestión.

E curiosamente cando remata esta lexislatura, coas eleccións municipais á vista, anúnciase un gran proxecto de centro de día, non vaia ser que alguén se dea conta de que a residencia para a terceira idade que prometían os populares nas pasadas eleccións municipais non se fixo. Tiveron catro anos para facela e para proxectar un centro de día en condicións e saen ás dez de últimas con estas xenialidades.

O BNG, como calquera neste pobo, sabemos que tanto unha residencia para a terceira idade como un centro de día son imprescindibles, sen meternos xa no deterioro tanto estructural como asistencial do centro de saúde, e deberíamos de poder contar xa dende hai tempo cos seus servizos, o que non nos vale é que nos traten de parvos e que o que non se fixo en catro anos, tendo na Xunta tamén a maioría absoluta o PP, se disfrace agora no entroido de boa xestión e eficacia.

María Xosé Rodríguez Pérez, é portavoz municipal do BNG de Cedeira

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: