off
Galiza, Movementos sociais, Normalización lingüística, Opinião — 7 Febreiro, 2015 at 6:18 p.m.

Lingua hexemónica e politización

by
Carta Xeométrica
Fonte: Carta Xeométrica

Estaban a demorar moito as reaccións en contra  da mobilización de Queremos Galego. Sendo cousa delicada as linguas,  un dos artífices de romper o consenso lingüístico, mesmo tendo todas as cifras en contra, vén de facer unhas declaracións evitables e coa mesma vehemencia que amosou ao longo da lexislatura.  O conselleiro Vázquez  é o político responsabel da Educación deste páis e vén de ser nomeado candidato do PP á alcaldía de Ourense.  Porén, o político profesional que é Jesús Vázquez cuestiona os intentos de “politizar”  o galego. Non só atribue, senón que debulla  intencions.  Como todo discurso alicerzado no cinismo leva media razón,  mas por outros motivos aos por el expresados, que é identificar a “politización” cun determinado partido e coa negatividade. Que estemos en precampaña eleitoral non  explica o fondo da cuestión. Onde querendo dicir “partidismo” dí “politización”, Jesús Vázquez amosa o miolo do  proxecto ideolóxico da dereita española. Nomeadamente, porque a minguada reconstrución social, cultural, lingüística e nacional sempre se debeu a cando a  sociedade civil  galega se politizou e implicou importantes capas da cidadanía que antes non se mobilizaban  (dos Irmandiños ao Estatuto do 36, de Xove ás Encrobas, do Rexurdimento ao Nunca máis). Até o  .gal, o espazo do galego en internet, ese sinal inequívoco do que borboriña tras o idioma galego ( onde cada dia  centos de persoas deitan información na rede sen receber nada a cambio). No entanto, a administración galega permite que só os megaservidores privados lle tiren partido a toda esa cantidade inxente de dados sen que revirta no emponderamento e na capacidade de decidir de noso. 

Durante o seu mandado o conselleiro Vázquez  mostrounos que o PP non foi quen de aprendernos a resolver cuestións como a supervivencia dunha lingua xerando consenso social, mas rompéndoo ao pór en causa a utilidade da lingua no territorio de seu. E ainda tén máis que dicir cando é unha evidencia incontornabel que se está a perder transmisión xeracional  e que un cidadá de Galicia non pode vivir só co galego. Asimilación: segue a funcionar o imaxinario de que facendo a sustitución  a outro idioma hanse ter máis oportunidades.

A inexplicabel desigualdade lexislativa do galego respeito do castelán non debe ser “polítización” para o conselleiro. Cantas disposicións legais desenvolveran os gobernos do PP  que obriguen á etiquetaxe das instruccións dos productos en castelán, cantas hai que fagan o mesmo co galego? O 99% das leis obrigan a que as empresas etiqueten os seus productos en castelán en Galicia, mas para o conselleiro Vázquez un marco legal regresivo non é “polítización”, é o natural, é a  normalidade do poder hexemónico. Por iso non lle costa dar o paso que separa ao iluminado do programador político. Desa lóxica asimétrica, que para ser factibel debe ir adubida de representacións, que fornecerán credibilidade ás súas palabras, o tecnócrata  Jesús Vázquez aprendeu que o poder precisa dunha representación creíbel que cenifique a súa credibilidade, de aí que acabe espetando que o galego “o  defendemos todos»  e  que foi precisamente a Xunta quen encargou o inquérito que deu pé á convocatoria Queremos Galego ao constatarse a queda descomunal do uso da lingua galega.

Cinismo. Como segundo o conselleiro o  galego “o defendemos todos” ninguén é responsabel de nada, mesmo os que cobran por ocuparse diso. De aí que só se escoiten os sectores negacionistas que adubian e nutren a propia ideoloxía dos conservadores arrombando aos  nimbos os estudos sociolingüísticos, o aval científico  internacional da inmersión para linguas minorizadas ou o  o recoñecemento parlamentar do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Noutras palabras, a desfeita é total segundo a última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego, mas un dos responsables políticos de que o devalo non fose a máis,  adícase a impartir moralizadores mestrados de psicotecnia. Imos ver como opera o Ministerio do Bilingüismo:

Non se trata dunha lóxica por siloxismo. Trátase dunha sustitución baseada  na volatilidade emocional  e non na racionalidade. Segundo ela, politizar é afirmar o que no se avén co que se estipulou como natural: deste xeito, afirmarmos “queremos galego” sería politizarmos a cuestión lingüística, non asín promover  o ideoloxema fraguista “bilingüismo harmónico” – finalmente adoptado  pola burguesía urbana- que como é sabido encerra os semas dunha “neolingua” orientada a estreitar o espazo do pensamento, entre outros, aqueles que obturan o pasado e a realidade sociolingüística galega adaptándoos á ideoloxía da emocionalidade: a asimetría natural, a liberdade de escolla, a cordialidade, a positividade, a oportunidade, o progreso, etc.). Baixo o  “principio da positividade emocional” foron construindo o galego como problema e non como  ben común, xerando unha pantalla de absoluta indefensión das familias. O bilingüísmo harmónico é un ideoloxema que serve para ocultar que só é de obrigado cumprimento para un galego falante xa que só os que falamos galego temos que aprender dúas. Imposta a diglosia xeral – o impacto que na educación en castelán tivo sobre a poboación-  como é posibel que teñamos que estar a lembrar  que foi o ensino quen provocou que a poboación abandonara o galego e pasar ao castelán?A tímida recuperación da lingua como mecanismo de cultura e de prestixio (Rexurdimento) non rachou a diglosia até acadar no tempo presente a sustitución lingüística. Ainda tendo recuperado espazos de cultura e prestixio, non hai incentivos para que as diferentes capas sociais o seguiran utilizando. A multicausalidade, nomeadamente o exilio, a represión, a emigración (a perda dunha masa crítica que tiña o galego como primeira lingua anticipou a desfeita) e o papel das institucións, non obvia sinalarmos a  incapacidade de deesenvolver un sistema moderno de escolarización no estado español. Ao cabo, ainda que a dúbida que paira no ar é a porcentaxe de masa social que se precisa para que o uso social se conserve, o que é unha certeza incontornabel é o papel clave que teñen que ter as administracións públicas, nomeadamente, os sistemas educativo e laboral, para ofecerer oportunidades e reclamar das empresas que operan en Galicia a competencia constatabel en galego escrito e falado.

“Bilingüismo harmónico” soa estraño porque non existe, representa simples subxetividade, algo emocional que non permite ser narrado ainda que resulta efectivo en termos emocionais ao inocular a ficción da equidade linguïstica. Noentanto, non se pode constatar: non é posibel dicir “son bilingüe harmónico”. É unha expresión có(s)mica, apenas unha expresión de subxectividade alicerzada no contenedor do multiculturalismo. A emoción como expresión da subxectividade libre: eís o prezado recurso para a explotación neoliberal das emocións como factores de rendimento (Byung-Chul Han).Porén, os atributos da racionalidade son a permanencia, a obxectividade e o xeral. Por iso, dicir “estado de bilingüísmo harmónico” soa a paradoxo. Porque o “ambiente” (que é onde nos atopamos e por iso é constatativo) distinguíndose dos sentimentos cósmicos por ser máis obxectivo, informa que a harmonia e cordialidade non son tal porque hai quen non pode exercer os seus dereitos linguïsticos, comezando polo máis básico de acadar as mínimas competencias para poder despois exercelos. De facto, só o castelán é obrigatorio e, en consecuencia, só el pode ser imposto. Ao cabo, o que se nos está a dicir é que hai territorios onde se pode impor e outros nos que non. 

O devalo lingüístico vai de brazo dado da regresión e a austeridade neoliberal que laminan dereitos sociais,  laborais e culturais. Igual que estamos condeados e perdermos dereitos sociais asín tamén os suxeitos sociais galegos estamos condeados a perder o galego. Que o capitalismo neoliberal de matriz española avance sen atrancos. Velaí o que explota a política lingüística do PP para Galicia.

Polítizar non sería promulgar un inexistente dereito das familias a escoller a lingua veicular do ensino público e, en cambio, polítizar sería querer que os fillos e fillas teñan o galego, o idioma propio de Galicia, como lingua veicular. O castelán é maioría na televisión, na mercadotecnia,  nos quioscos e entre os moz@s, mas iso non é polítización.  Iso é escolla persoal, non si? Na ideoloxía  da cordialidade sempre son os outros quen politizan.  A súa eficacia alicerza precisamente en acubillar a súa extrema politización para a lingua, algo que fica nído e claro cando se afirma que  “politiza” quen reclama as mesmas prerrogativas para o galego que para o castelán. Cómpre visar que se ben o recoñecemento social e  formal do galego, que non legal, axudou á dignificación da cultura, xerouse un proceso inverso de negación que minou a posibilidade de coordinar políticas de mínimos e que persiste como o eco dun lóstrego dende o franquismo.

E como opera esa psicotecnia do poder? Creando o simulacro de que non se reprime, senón que se maximiza a escolla. O castelán escóllese, mentras o galego imponse. Velaí o ideoloxema interiorizado, omnipresente en toda caste de leis, que se sirve da nosa vontade até renunciarmos ao maior patrimonio de noso por escolla propia.

Debullemos, porén, o momento de verdade das declaracións do conselleiro. A “politización” sobrevén cando a  falta dun goberno da Xunta protector e a falta de recoñecemento do Estado español e, polo tanto de Europa, á excepción cultural galega, ten de ser a sociedade civil  quen reaccione fronte a perda de falantes ou a progresiva españolización dos contidos e referentes dos grandes medios (velaí o Praza.gal, SermosGaliza.gal, e capacidade creativa das industrias culturais galegas que resisten sen axudas públicas fronte ao avanzo inexorabel do espazo cultural español sobre o galego, etc).A comunidade lingüística galega é superior ao do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (xa que inclue as comunidades de emigrantes polo mundo e aos paises lusófonos), mas os atrancos políticos son constantes nun tempo que se seica se define “sen fronteiras” e  de sociedade da información e a comunicación.

Que un idioma esté “despolitizado” implica que é de uso normal dentro do seu territorio. En condicións triviais ou de normalidade linguïstica, cando falan entre deles os cidadáns de Valladolid non poden deducir se son centralistas, federalistas, conservadores ou progresistas.  Pódese dicir que a connotación politica asociada ao uso dunha lingua tende a cero cando se fai nun marco normalizado. De feito, a maior parte da xente que vive en Valladolid sempre, sempre, sempre fala en castelán. O seu uso non se percibe como politizado porque se percibe como natural que así sexa. Non hai estigma. Porén, hai un paradoxo, para acadar a plena despolitización da lingua tiveronse que subir algúns chanzos, a costa dunha grande politización.   E cómo? Que a lingua a despolitizar se tornara  hexemónica dentro do seu territorio linguístico. Por poñermos un outro exemplo, en Flandes hai tempo que non é obrigado saber francés, mas non se pode vivir con normalidade sen saber flamenco (alomenos dende o punto de vista legal todo o mundo o ten de saber). Calquera vallisoletano pode traballar en Galicia sen ter competencia escrita e falada en lingua galega. Podería vivir perfectamente a súa vida en castelán.  Para un galego falante, o ” bilingüismo harmónico” significa interiorizar a asimetría. Sentir, vivir e pensar que hai cidadáns que teñen maís dereitos lingüísticos ca outros.

A politización agroma cando se fai revivir a rúa. Cando da simples circulación apolítica de consumo  se torna por un intre un espazo alén das normas e as leis estagnadas e para que serva para o avanzo social. Para alén das  diferencias irreductibles de dada quen – dos usos  normativos, legais e preferencias lingüísticas- o que a mobilización a prol dunha lingua minorizada e en devalo de usos virá a mostrar é que todos, absolutamente todos, ainda que algúns ainda non o saiban, seguimos sen ter os mesmos dereitos lingüísticos en territorio galego que un cidadán  de Valladolid no seu. E iso ten que ver coa vulnerabilidade. A de quen fai presente, corpo a corpo, o seu desexo de vivir dignamente. Non apenas ir tirando, sobrevivindo na asimetría de dereitos lingüísticos, mas defendendo unha vida que sexa quen de ser vivida. Non é ese o obxetivo da política?. Por iso, entanto haxa quen fale a lingua galega no territorio que lle é propio, haberá quen saia á rúa a denunciar que no estado español a asimetría de dereitos segue a facer cidadáns de primeira e cidadáns de segunda.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off