off
Normalización lingüística, Ollo ao gato, ollo ao prato — 6 Febreiro, 2015 at 1:19 p.m.

Polo dereito a facer de Galicia un país digno e libre, queremos galego

by

Estamos ben enleados; perdónennos o lector, os presidentes da Xunta e da ALG, os seguidores de Mario Casas,  Teresa Moure e Suso de Toro e os seus amigos e amigas- perdónennos tamén a palabra que quere falar pola nosa boca- mas para poder dicir algo acaído e con siso da situación da lingua galega temos, previamente, que desenlearnos perante todos vós.

Imos por partes. Un tal Melvin W. Weber xa falaba  nos 70 daquilo dos “dominios urbanos ilocais”, noutras palabras, afirmaba a posibilidade de estarmos interconectados cun ser humano das antípodas e, porén, ignorarmos ao veciño da porta do lado. Haberá que non entenda que editando unha humilde  revista electrónica grazas á xenerosa parceria de autores, editores e colaboradores espallados, deslocalizados, a voz que trata de falar pola nosa boca sexa precisamente a voz do lugar. O universal é o local menos os muros, o lema que escollimos para o Ollaparo, emprestado do escritor portugués Miguel Torga, non é por acaso. É a voz do corpo, a voz do ser…e non ningunha voz perdida entre ceros e uns (0,1), ningunha voz da Nación Facebook. Esa voz que fala en nós é teimuda porque fala na lingua do lugar, na fala común que nos une.

Sede sensatos e moderados, dinnos @s amig@s que ben nos queren.  Non dedes creto aos cosmopolitas que cuspen dende a indixencia da súa atalaia a falta de madurez e cortesía a falta de argumentos sólidos na alxibeira. Mais, non é precisamente esa voz do “lugar” a que hai que erguer contra o falso cosmopolita  que se acubilla sen sabelo no supremacismo lingüístico?

O modelo de normalización continua tendo a mesma vixencia 30 anos despois? Agora que non hai que agocharse por falar en galego emítense decretos para evitaren a súa aprendizaxe.  O galego conta cunha oficialidade ficticia. E a realidade estatística infórmanos que cada vez hai menos xente que fala galego, malia termos unha variedade e cualidade en lingua galega en moios ámbitos culturais como nunca houbo na historia.  Iso é o que hai. Porén, hai falta de produción e de consumo interno ao que a administración non axuda através dos medios públicos de información e comunicación. Prestixiar o galego e convertilo nunha lingua competitiva non depende só da política cultural dun país, mas non hai pais competitivo que non teña un goberno que defenda as súas fortalezas sociais e culturais.  Mais onde estimular esas fortalezas? Na educación, onde a inmersión lingüística está máis que xustificada.

Porén, os mínimos – e lembremos que son mínimos- estan ameazados con leis e contraleis educativas. As cifras da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego son demoledoras. Sabemos que nos centros de ensino hai moitos mestres que dan as clases sempre en castelán .  Hai escolas onde mesmo non se sente falar galego e na que se lles nega aos alumnos e alumnas o dereito de aprenderen a lingua e as manifestacións culturais na lingua do pais. Porén, nos claustros e nos corredores deféndese o galego, mas cos alumnos e alumnas  a cousa muda. Entre as parellas fálase galego, mas cos fillos e fillas a cousa muda.

O ataque ao modelo de normalización lingüística dos gobernos autonómico e central parécenos inadmisibel. As mestras e os mestres de galego saben de sobra que a lingua propia do territorio é un feito diferencial fundamental de Galiza e non se pode limitar á lingua e literatura se queremos asegurar o seu futuro. Precisamos o mesmo que precisan  as outras lingua que no mundo hai. Proteción, confianza, transmisión, coidado…amor.  O duplo  esforzo dos mestres de defenderen a lingua e a asignatura non debera ser un traballo solitario. Iso tamén o saben as familias galegas e os directivos de CRTVG, Zara, Ikea e Gadis. Non é casualidade  que na dereita teimen en restrinxir a lingua ao debate cultural ou educativo, afastándoo do eido dos negocios, o que tampouco é por acaso. Tamén non é por acaso que a progresía española, que fica caladiña fronte as discriminación dos galego falantes  e fronte as agresións ao idioma propio de Galiza,  celebren no entanto o multiculturalismo

Precisamos recuperar a confianza e a dignidade para mostrarlle ao mundo o negacionismo mentireiro dalgúns académicos, xornalistas, politicos e maxistrados galegos e españois que foron impoñendo o discurso da  infamia ao acubillo das estructuras de Estado.  Estamos no punto que estamos: unha administración galega que acubillando no supremacismo estatal, visa reducir a lingua galega ao seu uso doméstico e o proxecto social e cultural do noso país ao tipismo e ao folclorismo, preferindo acubillar nas teses dos que negan a evidencia da persecución da lingua galega e intento de xenocidio cultural e lingüístico practicado de xeito sistemático polas ditaduras do s.XX e  que persisten dende a Transición até hoxe-  no canto de reflectirse e apoiarse en quen non quere renunciar ao que se é para ser, en quen non renuncia ao  dereito a facer de Galiza un país digno e libre. Por iso queremos galego.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=CaMAcc_CeOk&feature=youtu.be[/youtube]

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off