off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 26 Xaneiro, 2015 at 21:03

Podemos e a nova “eixemonía”

por
“A democracia pode verse ameazada por exércitos de operarios en paro
capitaneados por millonarios que reciten o Sermón da Montaña”
(George Orwell)
Santissima_Trinidad_wikipedai

Esquema do Santisima Trinidad. Wikipedia

A efectos prácticos, Podemos é como a Santísima Trindade. Nin carne nin peixe, mas está en todas partes. Desde o PP afirman que é a marca branca de perigosos comunistas. Os do PSOE afirman que se trata dun grupo de impostores que queren roubarlles o legado da socialdemocracia. E en cásaa EU táchanos de aproveitados que copian as súas mellores ideas. No entanto, fogo cruzado os de Pablo Iglesias non deixan de crecer en expectativa electoral. Porque souberon situarse no ollo do furacán, que como moitos descoñecen é o punto máis tranquilo da mobilización. Na confraría do círculo violeta rexeitan o sambenito de esquerda, ermo de contido polas falcatruadas dos seus tradicionais titulares (significantes baleiros), para substituilo polo máis global de partido dos de abaixo. Pero o Espírito Santo só existe na cabeza de posesos en busca de exorcistas.

Esprintando desde a esquerda cidadanista, Podemos foi colocando o piloto para instalarse no centro da pista. Por imperativo legal, se queremos niquelalo asín, mais baixando a súa bitola de corredor de fondo. Quer dicer, achegándose onde está o maior celeiro de votos. Que non é entre os sectores máis comprometidos socialmente. Senón, pola contra, no seu lado máis conformista e gris. Á fin e ao cabo, a votocracia, esa dexeneración da democracia competitiva, réxese por “a lei do número”, como explicase fai algo máis dun século o libertario galego Ricardo Mella no seu famoso ensaio.

A maioría silenciosa, o é en parte porque adoita facer pensamento único da obediencia debida. A cantidade, imbéciles, a cantidade!

Levado ao taboleiro político isto significa que a formación que lidera Pablo Iglesias reseteou a súa GPS respecto das coordenadas que habitualmente situaban ás formacións progresistas. O habitual era que o eixo horizontal, abscisas, resultase o bastidor ideolóxicamente diferenciador, nun percorrido de esquerda-dereita ou de dereita-esquerda, segundo os tramos percorridos fosen de adiante-atrás ou de atrás-adiante. O eixo vertical, de ordenadas, menos identitario, adoitaba servir para enriquecer ese rexistro con categorías de índole económico-material, sobre todo en forma de igualdade de oportunidades (servizos sociais eficientes e universais, maior equidade na distribución da renda, mellora da progresividade fiscal ou maximización do emprego). Que non é moco de pavo, nin moito menos. Aínda que obxectivamente tampouco leva estímulos éticos para xerar unha nova conciencia capaz de ser alternativa real ao modelo dominante.

O éxito de Podemos consiste en modificar a percepción dos códigos clásicos da esquerda dando un volantazo para primar a ordenadas sobre as abscisas, o vertical sobre o horizontal. Unha rectificación que lle permitiu converterse en referente de amplos segmentos da clase media baixa expropiada pola crise, que até hai pouco se mimetizaban co Estado de Benestar, á conta de relegar atributos de inequívoco corte esquerdista-rupturista. Este sorpasso non se produciu sen descabalgar aquel inicial rexeneracionismo radical que reivindicaba a renda básica, o dereito de autodeterminación ou a falta de pagamento da débeda odiosa, entre outros compromisos. Ao empatizar con ese inxente eleitorado low-cost, Podemos garantiuse unha longa presenza no cuadrilátero parlamentario, porque a “revolución capitalista” (Warren Buffett dixit) non parece ter emenda, salvo que colapse o sistema. A OIT vén de prognosticar que o desemprego en España non baixará do 21% até polo menos o ano 2020.

A formación que acirra aos Chikos del Maíz pode honestamente autodefinirse como o “partido da xente decente”. Poucas cousas máis urxentes e importantes que empoderar ás persoas que sofren vítimas de políticas mafiosas, estadistas desaprensivos e sicarios financeiros. O que non significa necesariamente que Podemos anuncie algo novo, entendendo por tal unha mudanza substancial no modelo “capitalista” e “autoritario”, con máis e mellor dignidade, democracia, xustiza, igualdade, liberdade, laicismo, diversidade, pensamento crítico, a máis diso outro modelo productivo sustentabel e decrecentista. O seu proxecto para refundar a socialdemocracia despois de morta fai parte desa fecunda contradición en que move a formación.

Podemos é o partido de “os de abaixo” xestionado monitorizado desde “acima”. O seu proxecto representa unha nova “eixemonía” respecto da “hexemonía” de esquerdas teorizada por Gramsci.

Considerar que “as ideoloxías serven pouco” e que “o xogo de esquerda e dereita é de trileiros” (Pablo Iglesias. O País, 18/01/15) imprime carácter. Está ben que desde sensibilidades de esquerda se abra o númerus clausus do movimento operario como clase explotada a outros sectores sociais cruelmente arremesados polo sistema-réxime. De seu, ese sectarismo canónico foi historicamente una das taras que fosilizaron ao socialismo  nominalista. Carencia que se plasmaba na súa etiquetaxe  teimosamente productivista, e a case ausencia de reivindicacións emancipadoramente finalistas. En esquecemento flagrante do proclamado nos postulados da Primeira Internacional.

Porén, a semaforación instada pola cúpula de Podemos entraña riscos de reprodución do modelo que se pretende superar, ao relegar a segundo plano os valores fundamentais para inculcar unha nova mentalidade. Que é tanto como socializar as renuncias e privatizar as adhesións. A perfecta metonimia política. Reconstruír o discurso de Podemos nas coordenadas do taboleiro político supón recoñecer que o eixo acima-abaixo, en clave populista, implica un axuste estrutural e asume recortes sobre os activos transformadores respecto ao eixo esquerda-dereita. Porque con “desde abaixo” non basta. É condición necesaria mas non suficiente. Necesita inserir  inalienables principios democráticos, que é o que daba sentido tradicionalmente á esquerda progresista fronte á dereita conservadora. Sen ese referente ético, as masas poden votar “soberanamente” a pena de morte (desde abaixo recolléronse 2,5 millóns de sinaturas para reinstaurar a cadea perpetua), mobilizarse contra o aborto, secundar a xenofobia (Pegida en Alemaña) ou encumbrar a partidos ultranacionalistas (desde a Fronte Nacional francés de Marine Le Pen ao UKIK británico de Nigel Farage).

…a semaforación instada pola cúpula de Podemos entraña riscos de reprodución do modelo que se pretende superar, ao relegar a segundo plano os valores fundamentais para inculcar unha nova mentalidade.

A máis, ese arbitrismo sobrevindo fai estraños compañeiros de leito. Cando Iglesias e Errejón se reuniron  en segredo cos señores Zapatero e Bono estabelecen unha clamorosa excepción nos seus ataques á caste para tomar o té do cinco cos seus principais capos. O mesmo sucede ao retractarse da crítica á Semana Santa sevillana ou ao exhibir o seu patriótico ardor guerreiro. Se Azaña quixese reeditar hoxe aquel “España deixou de ser católica”, que inaugurou simbólicamente a Segunda República, podería ser repudiado polo “pablismo”. Por certo, pícame a curiosidade: a mofa a Pedro Sánchez no mitin sevillano de Iglesias -esa coña de Perdidos- e o sucesivo obús de Susana Díaz contra Ferraz en forma de adianto electoral, non é talvez un plano-secuencia?

O meu lembrado e sabio amigo Victor Alba publicou no ano 1982, arranque da etapa felipista, un libro intitulado“¿Dónde está la izquierda?” para alertar sobre os mitos, tópicos, fetiches e panaceas que bloquearon secularmente á esquerda e cuxa perpetuación explicaría os seus continuos e ermos vaivéns. É concebibel que a dereita acerte e poida pór remendos ao sistema capitalista. É tamén concebibel que os erros da dereita leven á vitoria da esquerda e que esta cometa erros que convertan en derrota o seu trunfo?, escribiu. Un retrato ao carbón da encrucillada actual, cunha esquerda que pode chegar ao poder polos horrores-erros da dereita e non polos seus propios acertos, e que ao mesmo tempo é capaz de facer que esa vitoria incube unha nova derrota. Se non significa un cambio de calado. Se se resigna, por manter o fervor eleitoral cultivado de abaixo-acima, a xestionar as desfeitas do capitalismo co vello manual da socialdemocracia, de acima-abaixo. Poucos dos novos redentores falan de xa do carácter sistémico da crise, porque sería como amentar a soga en casa do aforcado: que só co remendo dun recambio eleitoral non se arranxa nada a fondo.

En democracia o humus é o demos. O contido económico-material-asistencial é o seu chan, nunca o seu teito.

Lección moral. Cando Podemos opón o eixo abaixo-acima  ao eixo esquerda-dereita fabrica unha aporía. O que está a facer non é un cambio de paradigma, senón cebar un sofisticado artefacto de clientelismo populista. Porque de toda a vida de Deus, a ideoloxía de esquerdas só pode ser enxergada como rotunda expresión de iniciativas favorables aos de abaixo, aos máis necesitados e numerosos. En democracia o humus é o demos. O contido económico-material-asistencial é o seu chan, nunca o seu teito. Por iso é polo que o eleitorado da esquerda adoie ser menos tolerante coa corrupción que o da dereita. Aínda. As políticas máis avanzadas e progresistas en todas as ordes chegaron a España de brazo dado dun cadro de persoal de liberais acomodados, bastante ilustrados, escasamente vermellos e republicanos orgullosos  un 14 de abril de 1931. E esa primeira democracia burguesa, na súa visión de conxunto, aínda non foi superada.

(Nota. Como xa coñecido, a reunión entre a cúpula de Podemos (Iglesias-Errejón) e os representantes da caste socialista (Zapatero-Bono) contou cunha quinto pata negra: Emiliano García-Page, alcalde de Toledo, secretario xeral do PSOE de Castela-A Mancha e, ante todo, home de absoluta confianza de José Bono. Este achegamento entre zapateristas e pablistas produciuse cando antigas fichaxes do anterior presidente do Congreso, como Manuel Jesús Arias Martín, ex Xefe da Secretaría de Bono, e Ana María Herrera, secretaria persoal do seu antigo Xefe de Gabinete, se postulaban ao Consello Cidadán Podemos na cidade do Texo na candidatura oficialista Claro que Podemos).

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: