off
Cedeira, Política local — 19 Xaneiro, 2015 at 1:45 p.m.

O concello de Cedeira socializa as perdas do sector da construcción promocionando unha residencia privada de maiores

by
Ollaparo_localsocialdemaiores
Mobilización contra o traslado do local social do espazo público a un local alugado polo Concello na Praza Roxa

Para que precisaría  unha persoa  maior de 60 anos empadroada no concello de Cedeira, con autonomía  tanto física como mental,alugar  habitación en “Residencial Cedeira” en conta de optar por outra alternativa?  Para asumir a crise do  sector da construcción. Para socializar os seus excesos e perdas producto dunha desmesurada cobiza.  Nin máis nin menos.  Certo é que os promotores e Luís Rubido, alcalde de Cedeira, esqueceron dicirlle á cidadanía que na listaxe de mínimos esa persoa tamén precisará ter solvencia económica. Porque o que está a promocionar o Concello de Cedeira, é un servizo privado de alugueiro con algúns servizos comunitarios, como lavanderia. Non semella, porén, que se trate dun proceso de alugueiro por adxudicación para xente maior  por baremo, cun prezo que se estabeleza en función dos ingresos de cada usuario. Non se albisca ningures que a administración local queira facilitar vivenda adaptada e á medida para as persoas maiores nin que vise crear  axudas económicas puntuais para casos de necesidade, nin actuacións de tipo preventivo e contención do deterioro físico e  psíquico dos residentes, etc. Tampouco se especifica que é o que se entende por “autonomía” (terán de superar un test de autonomía persoal?). Terase como requisito non ter vivenda en propiedade, á marxe dos posibeis casos de vivendas con problemas de accesibilidade? Hase ter en conta  a necesidade de vivenda e dificultade de accesibilidade á vivenda onde a persoa vive actualmente? Hanse ter en conta as circunstancias persoais e familiares e os ingresos económicos?

O alcalde de Cedeira,  di tomar como referencia unha” fórmula implantada con éxito en diferentes países como Holanda, Alemania o Reino Unido” mas esquece dicir que eses paises (onde as políticas neoliberarias tamén están a facer estragos) parten dun estado do benestar que aquí nunca foi practicado e onde as pensións por xubilación son ben máis altas e  os servizos sociosanitarios públicos (residencias de vellos e servizos de asistencia domiciliaria) alí dispoñíbeis existen, a diferencia de aquí onde arrastramos un grave déficit de gasto social que os sucesivos gobernos do PP e PSOE, en todos os niveis da administración defenden, contribuindo decisivamente a desfacer e laminar a cativa oferta de servizos residenciais públicos – se os houber, que non é o caso- facilitando así o medre de desigualdades de facto por mor da  renda dispoñibel. Velaí  o que fixeron coa Lei da Dependencia,  como foron enterrando inxentes cantidades de recursos no tren de alta velocidade ou reducindo impostos ás rendas superiores…A escala local cedeiresa, permitirse o luxo de espetar  13o mil euros nunha innecesaria reforma no parque Floreal ou outros 50 mil nun merendeiro en San Fiz de Esteiro. Cómpre termos presente que segundo dados tirados do Observatorio Social de España, en Suecia  un de cada catro suecos traballa nos servizos públicos do Estado do benestar (no estado español, un de cada dez).

Se non fose porque se albiscan eleicións, sorprendería tanta dilixencia e teimosía en  convecer a toda a freigueisía da intrínseca vontade dos servizos privados. Porque para a garantir as relacións persoais ou axudar a crear emprego de xeito significativo  os populares non  precisaban comprometer o Concello de Cedeira nun “chiringuito” con ánimo de lucro, cando o gasto público social de noso por habitante é dos máis baixos da UE 15 . O que debendo ser un dereito universal e non simples asistencia, onde todas a familias e persoas tiveran o dereito de acceso, sendo responsabilidade pública a de ofrecer eses servizos, tórnase marxinalizado ao seren priorizados no seu lugar os servizos privados subvencionados con axudas públicas en detrimento da intervención directamente pública. Aquí, no canto de aumentar os impostos a quen máis ten, recórtase en gasto público social por habitante.

O que fica nidio e claro é que teñen moito mais poder político e mediático o lobby de constructores locais que a maioría de poboación afectada polas políticas de austeridade, os recortes e perda de poder adquisitivo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off