off
Movementos sociais, Pensamento, Política — 17 Xaneiro, 2015 at 9:34 a.m.

Charlie e a profanación

by

charlie_hebdo_antireligion_OLLAPAROProfanar é axir segundo a liberdade que nos libera do prexuizo, abrindo o paso á imanencia no canto de facelo á trascendencia. Nas sociedades actuais vivimos a trascendencia do capital e do traballo. O lecer tornouse tempo de consumo. A precarización polo traballo, culpa. O filósofo italiano Giorgio Agambem interpreta a relixión  como relegere. Quer dicer, como o que vela polo que é sagrado, polo prexuizo común que crea comunidade, afastando dela todo o que é obsceno e incomoda, eliminando o outro, o extraño. Por iso é tan importante que as sociedades non perdan de vista a laicidade.

Podemos debullar alomenos duas acepcións de laicidade. Aquela que alicerza na razón e agarda que os dogmas esvaezan co tempo e a que, hogano, desaba por toda parte e atinxe as relixións e diferentes formas de control social máis permisivos e proxectivos, ainda que non insiran a arela  que algures todo dogma acabe sendo eliminado.Mesmo entre os seu crentes máis ilustrados non se perceben, neste sentido, síntomas secularizadores. Velaquí un síntoma revelador amosado por un representante cualificado, o papa Francisco: “se insulta á miña nai, pode esperar unha labazada.É normal. Non se pode provocar”.Certo é que tamén espetou que “non se pode matar en nome de deus”, madía-leva!Mas vaille servir para antepor o valor superior das relixións tirando dun privilexio que non se lle concede a ningunha outra ideoloxía, crenza ou visión do mundo.

Charlie Hebdo interpreta a laicidade na primeira das acepcións. O titular do número especial desta semana “Todo é perdonado” debruza irónicamente nunha interpretación  na que se albisca a raiceira común entre política e relixión. Para alén do perdón cristián, cómpre enxergar nel  o artificio que apunta ao razoante e o razonabel, como esquecido alvo profanador do Iluminismo fronte a barbarie dogmática que acobilla nos monoteismos,  nos diversos gregarismos e na democracia sen discurso – o da fin da asociación política das sociedades transparentes da información nas que as desviacións apenas son posibles sob un único modelo de comportamento colectivo.

O que incomoda da obscenidade de Charlie Hebdo é o apelo continuo á laicidade porque escapa a toda subxetivización. Póñeno todo en dúbida. Poñen en evidencia que a liberdade de expresión non é reducibel a “libro de estilo” sen acabar con ela.  Charlie Hebdo representa o idiota moderno, o que segundo o filósofo francés Gilles Deleuze, “quere tornar o absurdo na forza máis poderosa do pensamento, é dicir, crear”. Porque, lémbranos Deleuze, os tolos, os idiotas, os Dióxenes e retranqueiros da vida teñen desaparecido do campo  de batalla. O idiotismo, esa inflexión do pensamento, representa para Byung-Chul Han unha praxe da liberdade. Sendo o idiota, o desligado e o desinformado (o socrático só sei que nada sei) que paira fóra do Libro e do Big Brother, instálase nun afora que é profanador. Conciencia herética que sempre incomodará, alén e aquén, calquera “Ministerio da Verdade”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off