off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 15 Xaneiro, 2015 at 6:57 p.m.

O fillo póstumo da socialdemocracia

by
Elefante, Rembrandt
Elefante, Rembrandt

A vella política agallopa de novo. Tras sufocar a indignación popular, logrando que só se fale en singular maiestático, agora topámonos con que o porvir vén a lombos dunha ideoloxía que sucumbiu ante a máis antiga das ambicións coñecidas: o  poder e os seus gaños. O plural mobilizador común que desafíou o sistema deu paso ao culto á personalidade e ás “intelixencias carismáticas”. Chámana viaxe ao centro do taboleiro.

Despois de contribuír repetidamente a crear o actual estado de malestar, primeiro coa derrogación da Glass-Steagall por Bill Clinton e logo mediante a aplicación da Axenda 2010 polo SPD alemán de Gerhard Schröder, voraces desencadenamentos da crise financeira e do posterior austericidio, a socialdemocracia renace das súas cinzas con células nai. Podemos é por propia declinación a nova franquía  con que a marca tentará asaltar os ceos, seguramente para pelexar ao Capital do Século XX onde, segundo Thomas Piketty, máis lle doe: na súa lacerante desigualdade. A novidade é que agora, os seus novos valedores renuncian por obsoleta á dialéctica dereita-esquerda e deixan claro a súa adscrición ao centro político sen finximentos nen babecadas. Comeza a loita entre indignados, centristas e periféricos. Como na Primeira Internacional.

En España, a viaxe ao centro político inventouno o último franquismo. Unión de Centro Democrático (UCD) foi a Arca de Noé que salvou do diluvio aos homes do réxime dándolles unha segunda oportunidade. Adolfo Suárez, vicesecretario xeral  do Movimiento Nacional, o partido único do réxime, converteuse no primeiro xefe de goberno da democracia grazas ao voto dunha maioría social. Nas eleccións do 15 de xuño de 1977, á tardofranquista UC elixírona 6.310.166 cidadáns, fronte a 5.371.866 persoas que se decantaron pola seudo-oposición do PSOE, mentres o reformista PCE sacaba só 205.119 papeletas máis que o bunker de Alianza Popular. O obsceno milagre do continuísmo (7.814.937 votos da dereita e 7.081.756 da esquerda), tras a longa noite da ditadura, logrouse por concurso do centro: a maioría silenciosa. Ese lugar onde pastan quen votan un día cada catro anos e os 364 restantes adícanse a consumir.
Trinta e sete anos despois, cunha crise económica devastadora para as clases máis vulnerabeis e dúas xeracións democráticas por medio, o centro do taboleiro segue tentando a todos os partidos. O PSOE de Pedro Sánchez reclama a patente socialdemócrata para esguellar o seu sinal socioliberal fronte aos intentos de defenestración de Podemos. O novo partido de Pablo Iglesias reivindícao como a zona estratéxica onde a maioría social apascenta para tentar vencer por goleada. E mesmo a desnortada Esquerda Unida de Cayo Lara apúntase ao teletenda para proclamar que eles son o orixinal e non a copia, pasando por alto o seu grandísimo erro de Despeñaperros para abaixo.

Ocupar o centro é adquirir un billete á fama.  Supón reinar no imperio da lei do número. Onde os ideais fican a beneficio de inventario, sen trauma nin receos, por mor da “taumatúrxica eficacia”. Alí cada partido ten o seu libriño. A esquerda de toda a vida mete o freo e dá marcha atrás, porque con crise e todo, a zombi clase media mantén un considerable potencial eleitoral. E a rancia dereita non dubida en deitar pola borda vellas lerias convencida de que a postmodernidade non ten atributos. Aquí e na China de Ali-Babá. Arestora, a Fronte Nacional francvén de cenificar outra viaxe ao centro no seu XV Congreso enarborando unha auténtica herexía. Viva Francia! Viva Rusia!, gritou a súa entregada militancia como fin de festa, en agradecemento ao jamesbondiano Vladimir Putin, o principal sostenedor financeiro da organización ultra. Non importa de onde vén, a memoria é fráxil, o decisivo é onde din que se vai. Ateos, novicios e crentes, cadetes e costureiriñas, todos buscan o seu minuto de gloria.  Abriuse a veda.

Centro, maioría social, clases medias, son as palabras da tribo que xustifican medrar para conquistar o quilómetro cero coma se tratásese dun novo panóptico. Esa simetría que todos os partidos ambicionan, con todo, supón en si mesma unha derrota social. Desde o momento en que a paradigma está en primar ese terreo de ninguén, a ideoloxía dominante casa coa ideoloxía da clase dominante. O centro de calquera espazo depende sempre de onde estean os extremos, e como a viaxe ao centro da esquerda significa dereitizar a súa posición orixinal (achatar o círculo), o resultado é unha sociedade máis conservadora. Non ten o mesmo centro de gravidade unha proposta que por unha banda limita co rancio tradicionalismo e polo outro co anticapitalismo autoxestionario, que outra onde a alternativa pola esquerda é a augada socialdemocracia. Á parte de que esa mesma rectificación de esquerda a dereita transmítese tamén ao eixo arriba abaixo. A causa da causa? Asín, o centro resultante tende a ser, eticamente, un Triángulo das Bermudas.

Desde ese punto de vista, a viaxe ao centro da esquerda entraña un risco de viaxe a ningures eleitoralmente ben remunerada. Quere iso dicir que ao centrarse para gañar, a esquerda tamén se concentra, renegando das súas credenciais pluralistas, autonomistas,federalizantes e antimonopolistas. Por máis que argumente que o seu paso atrás é para gañar impulso, como aconteceu co programa de Podemos para as europeas do 25-M. En realidade, este vaivén e compadécese ben cunha estudada autosuficiencia que lle achega aureola de rebelde con causa, contribuíndo a escorrentar a indispensabel autocrítica. Até o mellor guarda-livros pode botar un borrón. Sabido é que Carlos Marx estaba convencido de que a revolución habíase producir apenas nos países capitalistas, e  cando as súas sociedades esgotasen esa etapa de desenvolvemento. Aquela sentenza súa, logo repetida por Trotsky, “a revolución dos famentos remata na panadaría”, entraña no fondo unha confesión de fe centrista, ou se se quere de desconfianza cara aos de máis abaixo. Certifica un certo receo fronte á loita de clases.

Porén, a cousa complícase en tempos de crise crónica, como o presente, en que as clases medias baixas están a ser laminadas polas políticas centrípetas desenvolvidas por PP e PSOE durante os seus respectivos gobernos. Esa “proletarización” das xentes que até hai pouco representaban a maioría social estabel, debería levar ás cúpulas das novas formacións que arelan  acadar o poder a virar o seu discurso no sentido contrario ao das agullas do seu imediatismo: do centro á esquerda. Desta forma favorecerían unha discriminación positiva en consonancia coa realidade sociolóxica do momento. Do contrario,  corren o risco de pasar a engordar a nómina dos que non nos representan. Onde está, pois, o enigma? Seguramente nese infame consumista insolidario que todos levamos dentro. E en que  se pode  ser un paria e á vez actuar con mentalidade capitalista depredadora. Primeiro profesionalizouse a política divorciándoa da ética e, xa coa sociedade civil en corentena, o sistema cociñou a súa vitoria  ao facerse leninista convencéndonos de que canto peor é mellor. O discurso da viaxe ao centro con que os de arriba convocan  aos de abaixo leva o agravante de estimular o máis cutre de cada casa. Porque argumenta por baixo das nosas posibilidades.
Por outra parte, como a función crea o órgao, a viaxe ao centro ten esixencias lastrantes. É como cando se quita o tapón dun baño cheo de auga e o que antes era quietude  e mansedume desaba  polo sumidoiro. Para acadar o éxito eleitoral caia quen caia, os partidos precisan desatender as demandas dunhas bases ás que consideran pouco rendibeis para o seu sobrevido pragmatismo, e ao tempo deben dotarse dun aparello de técnicos, burócratas e expertos en mercadotecnia política capaz de mediatizar á maioría social. Ámbito no que xogan un papel determinante os medios de comunicación que fan que a opinión pública sexa ventrílocua da opinión publicada.

Nese sentido, tamén hai coincidencias entre a viaxe ao centro do derradeiro franquismo representado por UCD e o flamante relato do continxente de asimilados contra o que debaten indignados e periféricos. Como na transición a única televisión era gobernamental, a imprensa escrita foi a que asumiu o rol de avalar o cambio dentro dunha orde. Agora esa función corresponde sobre todo ás segundas fichas das canles privadas, os mesmos que están a superar o seu ben gañado descrédito servindo de púlpito aos políticos de nova planta. Volve a socialdemocracia 2.0. Volven aos meios de manipulación de masas as mentiras de su nidos a colgar. O único que non volve é a democracia, a dignidade e a racionalidade. E algúns dos que voltan, soerguidos polas masas como un Mesías, fano para convencernos de que eles son a resurrección e a vida.

(Este artigo tamén foi publicado no número de Xaneiro da publicación Rojo y Negro)




Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off