off
Cedeira, Política local — 4 Xaneiro, 2015 at 1:16 p.m.

Negociando coas necesidades das persoas maiores

by

concellocedeiraCausa pasmo que o goberno do PP de Cedeira se adique a promocionar na imprensa unha residencia para xente maior de iniciativa privada, cando na vila de Cedeira nunca houbo residencias públicas e as privadas que houbo nunca poideron absorber as demandas reais da xente. O que supón, ademáis, un custo moi importante non asumibel para moitas persoas.

Cómpre non esquecer que a perda de poder adquisitivo dos últimos anos xa se dá entre as pensións galegas, as máis baixas do estado español. Igualmente, a necesidade obxectiva de dispor dun centro de dia para ofrecer un servizo a aquelas persoas  que podendo vivir en familia precisen de apoio durante o dia e servizos e actividades que non se poden desenvolver de xeito cualificado nos lares, tamén está a ser “externalizado” (o que quer dicir, na neolingua, privatizar e tirar proveito). Un auténtico cabalo de Troia da privatización que se está colando entre nós como se ceder servizos e espazos a entidades con ánimo de lucro fose a panacea.

Sen rubor, esta iniciativa vén de presentarse no marco do programa Impulsa da concellaría de Desenvolvemento Local que seica ” pretende fomentar diversos proxectos de carácter privado, que permitan crear servizos dos que a vila carece, ademais de favorecer a creación de emprego”. Sería convinte que a oposición non serviam pescudara como se xestou o seu nacimento e que persoas e empresas están implicadas.  Co obxectivo único de abaratar o custo, algúns concellos estan a contractar os servizos de empresas externas que, como contractan a forza de traballo en piores condicións laborais, poden ofrecer un custo, principalmente salarial, máis reducido. Mais a costa da cualidade do servizo e, sobretodo, da cualidade do traballo. Acontece que non está contrastado que a contractación dun servizo externo implique un aforro de custos respeito á produción própria.

Que pasará se na concertación privada de servizos esenciais -como xa acontece no eido da educación e non poucos servizos sociosanitarios-  acaba sendo a renda da persoa quen determina e decide que prestación e atención mereces como persoa, xa que non é a  terapeuta ocupacional nen a  xeriatra, mas a empresa privada con ánimo de lucro, como os administradores de residencias para xente maior, a igrexa católica ou as mútuas privadas? Que pasará se a introdución de novas taxas de prezos e o encarecimento dos seus importes  acaba implicando que o custo do servizo o pague directamente o usuario?

A introdución de criterios mercantilizadores para ter un servizo de caracter social vai contra a lóxica dos criterios de municipalización e acepta sen crítica a acometida do goberno de Mariano Rajoy á administración local, ao pequeno concello, que son ao cabo quen ofrece os servizos de proximidade ao cidadá e que deberían estar finanzados colectivamente e accesibles a todo o mundo. A  non ser que o obxectivo sexa ben diferente – como semella defender o goberno de Luis Rubido- ao de facilicar que as persoas con menos recursos fiquen excluidas do seu uso ou porque fomentan o tecido social. Individualizanse os servizos para discriminar en función da renda.  Porén, na visión neoliberal os servizos pasan de ser un servizo universal e gratuito a ter un prezo (copagamento,etc). Os dereitos sociais das persoas que se dirixen ás persoas que terán de demostrar unha insuficiencia de recursos tenden a ser cada vez máis “asistencialistas”  e menos universais, oriéntanse á caridade e palian apenas as situacións extremas e non para restabelecer certa igualdade e xustiza. Os orzamentos deberían estar orientados a preservar o caracter público e accesibel dos bens e servizos municipais así como a redistribución de renda.

Semella incríbel que nun intre no que as pensións das persoas maiores están a servir de colchón de moitas familias, se teime no enfocamento neoliberal que teima en dicir que os servizos públicos son un custo e que iso é negativo para a competitividade. Cando o único que se fomenta é que a produción de servizos públicos esté en mans de empresas privadas e que esas actividades se tornen un ámbito de obtención de beneficios directos que eliminan o  caracter universal dos servizos públicos.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off