off
Ciencia, Ecoloxía, Mar e Pesca — 5 Decembro, 2014 at 1:19 p.m.

Os intentos de Vila Nadal para crear unha Estación de Bioloxía mariña nas costas galegas

by
Anuncio aparecido en La Propaganda Científica (Santiago de Compostela, 10 outubro de 1900), no que Vila Nadal informaba da inauguración e posta en marcha da Estación de Bioloxía mariña
Anuncio aparecido en La Propaganda Científica (Santiago de Compostela, 10 outubro de 1900), no que Vila Nadal informaba da inauguración e posta en marcha da Estación de Bioloxía Mariña

O coñecemento dos recursos pesqueiros estivo limitado durante moitos anos aos datos e impresións da xente do mar, polo que o empirismo, a valiosa experiencia acumulada ao longo do tempo, dominaba no mundo da pesca. A fundación en 1872 da Estación de Bioloxía Mariña en Nápoles cambiou bastante o panorama internacional do coñecemento do mar. O seu estudo e exploración sistemáticas, realizadas por especialistas en laboratorios axeitados permitiron acceder a unha información moito máis detallada dos recursos.

A riqueza pesqueira e marisqueira de Galicia na segunda metade do século XIX e os importantes temas que esixían un estudo, como a bioloxía da sardiña, demandaban a instalación dun centro de investigación mariño. Ese impresentable baleiro foi detectado por algunhas persoas e unha delas, o catalán Vila Nadal, iniciou as xestións para corrixilo. Esa iniciativa merece que lle prestemso atención aos seu protagonista.

Antonio Vila Nadal (Barcelona, 1861-1941) iniciou os estudos universitarios en Ciencias Naturais en Barcelona, nos anos 1880 a 1882, e rematounos en Madrid.  Na Universidade Central foi alumno do salientable científico  institucionista (Institución Libre de Enseñanza) Ignacio Bolívar. Este profesor, que exerceu unha importante influencia sobre Vila, adestrouno no Museo de Ciencias  Naturales e levouno a algunhas excursións científicas.

A riqueza pesqueira e marisqueira de Galicia na segunda metade do século XIX e os importantes temas que esixían un estudo, como a bioloxía da sardiña, demandaban a instalación dun centro de investigación mariño

Rematada a carreira, en 1886 foi nomeado profesor axudante da materia de Historia Natural na Universidade de Santiago. Na  permanencia inenterrumpida en Compostela, ata marzo de 1899, actuaría como profesor auxiliar adscrito ás cátedras de Historia Natural e de Química, segundo as necesidades académicas. Por Real Orden  de 16 de marzo de 1899 foi nomeado catedrático por oposición da materia de Historia Natural da Universidade de Granada e tomou posesión o 26 de abril. Cesou o 2 de febreiro de 1900 e permutou a cátedra pola de Santiago, tomando posesión desta o 3 de febreiro de 1900. Na Universidade galega permanecerá ata rematar o Curso 1903-4, no que leu o  Discurso inaugural. Trasladouse, en 1904, para a Universidade de Salamanca e, en 1912, á Universidade de Barcelona, onde permanecerá ata a xubilación (1933).

Vila Nadal desenvolveu un relevante labor docente nunha época na que o proceso modernizador do  ensino das Ciencias Naturais estaba  dirixido cara unha práctica didáctica activa, directa, apoiada nun uso preferente das clases prácticas, excursións e coleccionismo.

O profesor compostelán, fronte ao modelo pedagóxico tradicional utilizado polos seus antecesores, será un notable receptor e impulsor das anteditas novidades; manifestou, de xeito inenterrumpido e coherente, unha aposta decidida polo “ensino activo”   das Ciencias Naturais. Asemade, condicionado polas súas concepcións pedagóxicas e polo importante papel que asignaba á Ciencia na sociedade, Vila desenvolveu unha especial actividade no eido da divulgación científica. Ese esforzo divulgador plasmarase na edición de dúas revistas específicas, Revista de Ciencias Naturales, La Propaganda Científica, no intento dunha terceira,  La Ilustración Naturalista, noutras publicacións xerais e no enfoque dos seus traballos. Tamén participou nas diversas polémicas sobre cuestións ideolóxicas e filosóficas relacionadas coa actividade científica. En xeral, as posicións deste profesor perante os diversos temas que abordou  salientan pola súa singularidade e eclecticismo.

A posta en marcha dunha Estación de Bioloxía mariña

Vila intentou durante o período no que permaneceu en Galicia, de xeito persistente e infrutuoso, crear unha Estación de Bioloxía  mariña. O primeiro pronunciamento tivo lugar o ano da chegada a Santiago, 1886, no importante Congreso de Agricultura e Pesca convocado pola Sociedad Económica de Amigos del País  de Santiago. Nese foro amosouse favorable aos Laboratorios biolóxicos e pediu que o proxectado polo Goberno se instalara en Galicia.

En 1888 pretendeu crear a Estación Zoológica de Barcelona aproveitando a Exposición celebrada ese ano na capital catalá. Construíu un acuario, que podía ser xerme desa e impartiu unha conferencia no Ateneo Barcelonés co título “El Congreso internacional de Ciencias Naturales y su influencia en la estación zoológica de Barcelona”,  a prol da creación do antedito establecemento; na Exposición obtivo un premio, pero non conseguiu o seu obxectivo principal.

No verán de 1890  reanudou a súa particular campaña a favor da Estación. Cunha “casilla”, constituída por diversos acuarios, iniciou unha xira polas principais cidades galegas; tras o fracaso de Barcelona, pasou a propoñer a creación dunha única Estación biolóxica galega, localizada en  Carril. No folleto Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa (Vila Nadal, 1892) explicou os detalles da  “casilla ambulante”  e expuxo, bastante amplamente, as súas ideas sobre a Estación. Na súa concepción, que se manterá en todo o período,  salienta o interese polo aspecto aplicado dos estudos mariños,  atento á súa posible contribución á industria e a pesca. Asemade, pretendía que o establecemento se baseara na iniciativa particular, sosténdose da venta de coleccións e  aluguer de mesas de traballo, clara influencia do sistema que aplicaba Anton Dorhn na Estación de  Napolés.

Vila necesitaba para poñer ese proxecto en marcha unha contribución económica inicial, pero, segundo foi pasando o tempo comprobou como ninguén prestaba ese apoio. Queixase, amargamente, da desatención do Goberno, atento a outras iniciativas, pero, tamén, salientou o desinterese de importantes representantes económicos e institucionais galegos; denunciou a pasividade dos fomentadores, sociedades, Cámaras de Comercio, Deputacións, Concellos, etc.

Tras múltiples intentos e xestións, con pequenos cambios no proxecto, no ano 1900 semella que o obxectivo podería acadarse. Os Reis españois, na visita a Galicia, colocaron en Carril  a primeira pedra da arelada Estación en Carril. Ao abeiro da reforma do Museo de Ciencias Naturais dáse a posibilidade de crear ese establecemento, dependente da Universidade compostelán e a cargo do catedrático de Historia Natural. Mais, tres anos despois a Estación seguía sendo só a primeira pedra. Vila case suplicaba, no Discurso de inauguración do Curso universitario 1903-04 que se puxera en marcha, pero semella que, tamén nisto, se atopaba afastado dos grupos de poder e a Estación ficou en proxecto.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off