off
Galiza, Opinião, Política — 6 Decembro, 2014 at 7:30 p.m.

Desimpúteme, desimpúteme!

by

OLYMPUS DIGITAL CAMERAUn bodegón con armas. Cada persoa un reproductor de vídeo portátil. Cada policia, unha cámara. Porén, desta vez non houbo transeunte que rexistrara en video a acción policial. Para tirar fotos do espectáculo xa estaban os propios policias. Non de toda a acción policial, só do bodegón devidamente arrumado, mádia! Todos poidemos velo en La Voz e no Twitter da policia local de Ferrol, que detiña e inmobilizaban o pasado mes de novembro a A.Pérez Cribeiro mentras facia autostop entanto procuraba a parada do autobús en Freixeiro, provocándolle danos na man que levaba escaiolada logo  de ser ligado con lazos de seguridade atados nas costas, só  para identificalo.  O arresto acabou sendo irregular e as armas do bodegón unha pequena navalla de buceo e unha pistola de fogueo, mas La Voz e o ABC tiñan ditado veredicto.

Porén, APC resultou ser un testemuño principal da rama coruñesa da operación Pokemon e  o xefe da policia local de Ferrol, Emilio Martínez, fora até  novembro de 2013  inspector en A Coruña e o seu superior, Julio Flores. E quen é Flores? Un dos concelleiros coruñeses imputado na Pokemon por terse supostamente beneficiado de favorecer ao grupo Vendex.  Os avogados de Flores, a falta de millores argumentos que eximan o seu cliente pretenden desimputalo utilizando o atallo fácil do estigma desde o momento que  venen de apresentar á xuiza De Lara un recurso no que se solicita do Sergas e da Seguridade Social o certificado de baixas laborais e certificado de  supostos “padecimentos  psicoloxicos ou psiquiátricos anteriores” de APC. O caso é que malia terse personado  o próprio APC como acusación particular,  o letrado de Julio Flores non a impugnou. Lembremos que o acosamento a APC  que aquí relatamos fíxose en base á participación na elaboración do informe técnico emitido no proceso de adxudicación de mantenimento biolóxico – na altura xestionada por Sermasa- na súa condición de biólogo e técnico do Acuario Finesterrae- e que acabou por adxudicarse a Blue Display rachando así o ciclo da adxudicación. Non debeu ser por acaso que o testemuño denunciara  con teimosía por escrito e verbalmente das presións recebidas e das eivas observadas pola empresa investigada Sermasa (grupo Vendex). Debemos lembralle ao letrado que o relevante aquí é quen consinteu o que a quen? Que é aquí o prioritario? Hai feitos delictivos? E se hai evidencias de selo, que suxeitos participaron neles?

Segundo fontes próximas á investigación, desde a primeira declaración como testemuño en decembro de 2013 por APC – quer dicer, a situación de acoso xurde dende o primeiro momento, sendo avalada polas conversas telefónicas-  foron moitas as referencia e alusións verbo da situación de presunto acoso e represalias supostamente sofridas polo citado, desde o momento en que denunciou a comisión de irregularidades na adxudicación dos contratos do acuario polo Concello da Coruña ao grupo Vendex, asi como a presión sofrida pola adxudicataria do contrato de mantemento biolóxico do ano 2010  por parte do persoal de Vendex e por funcionarios municipais, a eivada xestión do acuario en mans deste grupo.

Segundo consta no auto de 31 de octubre de 2014 o acosamento comezou cando lle fixeron asinar un escrito opóndose ao nomeamento do académico Xosé A. Fraga, ao que nin coñecía segundo revelan fontes próximas á investigación.
As mesmas fontes relatan que as presións  procedían do persoal da empresa e dos seus propios mandos até o punto que as súas denuncias  valéronlle  ser alcumado pexorativamente entre os  integrantes da trama pescudada cando falababan en  conversas  telefónicas intercetadas. Mais para os letrados de Flores e para os seus compadres mediáticos non debe ter importancia que un testemuño compareza voluntariamente a declarar cando a parte do sumario ainda era segreda e libre de contaminación procesal e mediática.

Hai moitas formas de discriminación e acosamento, entre delas a falta de indignación ou de ostentosa indiferenza de certa parte da poboación cando acontecen episodios nos que a policia se move entre a frivolidade e o exceso e nun contexto no que a corrupción é a segunda preocupación dos cidadáns, segundo vén de aparecer no índex de percepción de corrupción pola ONG Transparencia Internacional. A arquitectura politica da administración do estado español propicia as corruptelas, nomeadamente a do neoliberal, aquel que  accepta as condicións sen crítica  e sen máis atributo que a súa autosuficiencia económica que o leva a propagar o mito da competencia como medida de todas as cousas (ainda que logo saibamos que se trata dun emprendedor  narcisista que alicerza a súa efémera start-up no compadreo político, e nulo risco).Acaban por tomar decisións que non corresponden ao interese público.

Acontece que a detención de APC  fíxose segundo a policia local de Ferrol “logo  de varias chamadas de veciños”, inespecíficas e inesariamente alarmistas. E, velaí, que após semellante dilixencia  policial  o operador do 092 non recolleu os telefonemas relativos ás chamadas da actuación, unha delas disque para solicitar reforzos. Para abondar ainda máis no uso do estigma, os letrados de Flores, saen mais unha vez na prensa solicitando o aceso ao historial clínico do testemuño do caso cando o avogado  ben podería ter examinado e estudado a inxente documentación presentada por aquel antes de interpor o recurso. De nada ten servido que a APC denunciara ,segundo consta no atestado da Garda Civil  do 7 de marzo de 2014, ter atopado armarios forzados no seu despacho mentras estaba de baixa laboral. O que activou a providencia de 7 marzo 2014 por un presunto delito de obstrucción á xustiza ao considerar que con tal actuación se estaba tratando de amedoñar a un testemuño considerado primordial como forma de disuasión de outros colaboradores coa xustiza.

 A estigmatización é doado activala nos medios de comunicación e, en xeral, na vida social. O desnecesario e banal ten eses efeitos, ao tempo que crea unha marca infamante na persoa produz resultados disuasorios na contorna social.

Con efeito, abonda simplificarmos os matices ou inocular a descualificación indirecta, apenas suxerida sob  a solicitude de incorporar os antecedentes clínicos previos ou de  baixas laborais. Abonda con iso para que se estabeleza unha conexión subxectiva, preñada de prexuizos,  falta de calquera relación obxectiva. Pola contra, permite transformar a quen está en situación de fraxilidade en sospeitoso. Non sei se por falta de habelencia dos letrados porén como argumentario paréceme pobrísimo, provocar ou sair aos medios con arroutadas ad hominen está ao alcance de calquera. Provocar ou inducir alarmismo en base a historiais clínicos ou amosar no Twitter bodegóns con armas que resultaron seren inócuas é cinismo e non convence.  Outra forma é o fácil recurso á descalificación persoal sementando a dúbida. Respírase unha impunidade casposa. Ao cabo, que todo o mundo sexa sospeitoso é millor maneira que ninguén sexa responsabel de nada.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off