off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 30 Decembro, 2014 at 6:20 p.m.

Vontades

by

O pasado 29 de decembro, coas présas destas festas de asalto ao consumo, o Senado aprobou a contrarreforma da Lei de Bases da Administración Local, co que supón de primeira pedra para a “desamortización” do tecido social, produtivo e ecolóxico que atesouran os pequenos municipios que poboan o país, aproximadamente un 12 por 100 do territorio. A norma viu a luz baixo o cínico nome de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local (LRSAL), porque na neolengua do panóptico dominante as palabras significan o contrario do que expresan. Dicimos “neoliberalismo” para sancionar a xenuflexión liberticida do débil polo poderoso, e “racionalidade” ao absurdo criminal de someter o interese da maioría á voracidade da minoría. Sempre socializando perdas e privatizando gaños.
Porén, sendo lamentable que se abriran as comportas para saquearen a contorna rural, impondo os modelos de xestión do desenvolvismo depredador que está na base da bárbara crise actual, o peor é o contexto glacial en que a degollina hase oficializado. Entre o silencio e a indiferenza cómplice de boa parte dos partidos de esquerda que se aprestan a concorrer ás próximas eleccións municipais (non así Ecoloxistas en Acción e outras organizacións da sociedade civil), e despois de que a choiva fina da propaganda mediático-gobernamental trasladase á opinión pública unha imaxe de cochambre sobre ese universo de biodiversidade. Ecosistema ao que a poutada da nova lei arrincará un mínimo de 150.000 postos de traballo.

En realidade estamos ante unha nova edición do clásico “denigra, divide e vencerás” que xa se aplicou con éxito na etapa do goberno socialista de Rodríguez Zapatero coas Caixas de Aforros, que representaban máis do 40 por 100 do mercado financeiro español. Primeiro corrompeunas desde dentro facendo que accedesen aos seus consellos de administración representantes institucionais (membros de partidos e sindicatos maioritarios), e unha vez decimadas as súas arcas con proxectos cuxa rendibilidade debruzaba nas cúpulas desas mesmas formacións e nos petos dos seus cooptados, procedeuse á súa liquidación por manifesta “insolvencia”.

A única diferenza entre aquela rendición sen condicións e a que agora se instrumentaliza contra os bens comunais, é que no caso das administracións locais o espolio faise “por imperativo legal”

A escusa para a súa liquidación alicerza na aplicación do acordo subscrito de brazo dado entre PSOE e PP cando reformaron con nocturnidade e aleivosía, sen referendo popular aprobatorio, o artigo 135 da vixente Constitución. O mesmo precepto legal que agora se levanta como un muro contra calquera proposta de reestruturación da débeda pública que supoña a súa falta de pagamento, quita ou minusvaloración. Como mísil de advertencia a maiores, a LRSAL é a primeira vítima do equilibrio orzamentario incorporado como axioma á CE naquel atraco a dúas mans.

E este non é o único desastre que chega a lombos das funestas políticas cremalleira de socialistas e populares. Tamén a primeiros de 2015, boa parte dos centros históricos das nosas cidades verán botar o peche a comercios emblemáticos por non poder facer fronte aos alugueres abusivos que leva a finalización da renda antiga. Cando en 1985, o entón todopoderoso vicepresidente económico do goberno felipista, Miguel Boyer, derrogou a normativa no referido ás vivendas para favorecer á industria do tixolo, puña data de caducidade a eses arrendamentos urbanos que agora o executivo de Rajoy executa. Feita a lei, feita a trampa.

Cárgase contra os micromunicipios rurais que durante séculos viviron a autoxestión na práctica, conservando o patrimonio natural para as xeracións futuras, e asfíxiase a un tecido urbano comercial que constitúe o cemento cidadán da estrutura de barrio que fai das nosas cidades espazos de sociabilidade, convivencia e recreo. Todo iso, ao mesmo tempo que se prorroga até o 31 de marzo o cambio de frecuencia á TDT para contentar aos capos do oligopolio mediático; subvenciónase con diñeiro público ás multinacionais extranxeiras do automóbil renovando o Plan Pive e negóciase o rescate polo Estado das autoestradas de peaxe en quebra. Gratis total para os da caste, pero sen orzamento para atender as necesidades miles de doentes de Hepatites C en perigo de morte.

Son as últimas vontades dun sistema-réxime que non ten emenda. Porque cando se apaguen os ecos dos hipócritas discursos de noiteboa e decaian as luces do cerimonial do Nadal comprobaremos que o rei está espido.

De feito, o ano remata coa mesma real estulticia con que empezou. Con Xan Carlos I tratando de borrar as pegadas do latrocinio familiar en forma de confesións a Fernando Onega, o ex xefe de imprensa da Garda de Franco, o xornalista que puxo rostro á publicidade do Banco Pastor en pleno butrón financeiro, o inventor daquel falaz “podo prometer e prometo”, paradigma do trilerismo político.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off