off
Política, Politica espanhola, Redes sociais — 17 Decembro, 2014 at 8:24 p.m.

Reflexións sobre a violencia

by

“A resistencia é fundamental na vida democrática”
Tzvetan Todorov

Nas últimas corenta e oito horas as autoridades executaron dous operativos policiais de grande impacto mediático. A Operación  Neptuno, para deter aos responsables da morte do afeccionado do Deportivo, e a Operación Pandora, encamiñada a desarticular o “terrorismo anarquista”. Unha apresada análise dos dous “golpes”, realizados cando aínda estaba fresca a tinta do pacto social entre o goberno, patronal e CCOO-UXT, mostra aspectos que contradín o Estado de Dereito e achégannos á crúa realidade dun Estado Policial. Reparemos.

Galipedia Cc-by-sa-2.5-es
Galipedia Cc-by-sa-2.5-es

1.A sincronización das dúas operacións, coa extraordinaria mobilización de efectivos humanos e recursos que iso representa, permite sospeitar que o plan do ministro que concedeu a medalla policial á virxe María do Amor foi deseñado para xustificar a “lei mordaza” antes de ser definitivamente validada polo Senado, e de paso escarmentar a ese 82% dos españois que segundo unha enquisa de Metroscopia rexeita a contrarreforma.

2.As dúas intervencións tiveron un tratamento mediático de distinta rapadoira. Houbo un desbarate de imaxes para mostrar á opinión pública a detención dos membros do movemento libertario, e un deliberado solapamento visual no caso dos ultras da Frente Atlético presuntamente implicados co homicidio do seareiro coruñés.

3.A cobertura informativa, ademais, foi inversamente proporcional á gravidade dos feitos que se imputan. No asunto do “terrorismo anarquista”, os cargos non inclúen atentados contra persoas. Pola contra, no atestado sobre os grupos neonazis pescúdase a morte violenta dunha persoa. Co agravante de que en relación con este crime foron detidos un membro da Garda Civil e un integrante da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

4.Interior e a Audiencia Nacional instaron esta última acción (autorizada por Javier Gómez Bermúdez, tres veces condecorado pola Policía; o xuíz que revelou os datos confidenciais do 11-M utilizados pola súa esposa no libro La soledad del juzgador) con alarma social ao ofrecer cortes de vídeo dos antidisturbios entrando nas casas okupas e ateneos polo método da pancada na porta. Con todo, mália súa maior transcendencia delituosa, non constan testemuños sobre irrupcións semellantes nas vivendas ou cuarteis onde se refuxiaban os compoñentes da trama de extrema dereita de inspiración paramilitar.

5.Só a detención de activistas libertarios provocou mobilizacións de solidariedade en sectores da poboación que se manifestaron polas rúas de Madrid e Barcelona poucas horas despois de coñecerse os asaltos policiais. O que demostra, por unha banda, o arraigamento social dos detidos e, por outro, que a “lei mordaza”  encobre unha “lei antianarquista” de amplo espectro. Seguramente ante a evidencia de que son especialmente estes colectivos antiautoritarios os que non se resignan a canalizar a resistencia exclusivamente no marco electoral. Como acaba de demostrar a recente volta ás rúas do movemento 22M.

6.Até o momento de escribir estas liñas non se ten noticia de que ningún partido de esquerda con representación no Congreso, dos que evidenciaron o seu rexeitamento á “lei mordaza” pousando nos seus escanos con panos tapando a boca, fixese público o seu rexeitamento pola acción represiva de Interior e a Audiencia Nacional contra colectivos da sociedade civil autoxestionarios e centros sociais que seguen o exemplo de dinamización cidadá de Can Vies.

A criminalización da resistencia e da protesta social é máis un signo da violencia estatal, que sumado á institucional inoculada pola crise e o posterior austericidio imposto polos gobernos de esquerda e dereita, remite a un fin de ciclo dun sistema-réxime en deriva autocrática, como indican sumarialmente as propias enquisas oficiais. España é o país da Unión Europea con máis presos e policías por habitante e á vez é onde se rexistra menor taxa de delincuencia. Para un Estado terminal, “fabricar” terroristas aos que aplicar o código penal do inimigo, para consumo do traumatizado eleitorado, supor un problema de supervivencia e demostra o seu negacionismo democrático.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off