off
Cedeira, Meio ambiente, Natureza — 9 Decembro, 2014 at 1:32 p.m.

O BNG de Cedeira pide unha intervención de contención na praia da Madalena

by

Co obxectivo de  paliar os efectos  do mar de inverno através dunha actuación non agresiva co areal


O BNG de Cedeira vén de exixir en solicitude dirixida ao alcalde do Concello de Cedeira, o popular Luis Rubido, a realización dunha intervención de contención na praia da Madalena, que consistiría na colocación de sacos de obra recheos de area na zona da praia na que xa se está a volver a formar noiro, de xeito que estes actuen como barreira fronte ao empuxe e resaca do mar e ao conseguinte arrastre de area.

Despois de todo o acontecido o inverno pasado na Praia da Madalena, na que os efectos inmediatos de varios temporais supuxeron una grande perda de áridos, o  Bloque Nacionalista Galego de Cedeira considera que, consultados técnicos medioambientais, este sería o mellor período para levar a cabo accións preventivas que axuden a evitar a situación de erosión que se repite ano após ano. Unha intervención preventiva que evitaría a enxurrada de ocurrencias sen fundamento, nomeadamente agresivas e contraproducentes. Os dragados e recheos que por tratarse dun espazo de proteción dentro da Reserva de Interese Pequeiro da Ría de Cedeira son doblemente perxudiciais e non achegan solución nin a curto prazo.

No entanto, a formación da esquerda nacionalista insta a quen ten responsabilidade de goberno a facer da gobernanza un feito, polo que insiste que se fagan as consultas necesarias e soliciten os permisos pertinentes para desenvolver unha sinxela intervención que ademáis de ser preventiva é paliativa ,  moito menos agresiva co medio e ben máis barata do que as contraproducentes intervencións de recheo realizadas até o de agora.

 

A petición vai ligada á campaña de sensibilización comezada pola plataforma cívica Somos Cedeira o ano pasado, entre as que se propuña -entr outras- medidas de tipo paliativo que reduciran os efectos sen danar a integridade morfolóxica e biolóxica da praia cedeirense até que se estude e  defina con criterios científicos algunha solución a longo prazo. Agora é cando se deberían pór parapeitos provisorios con sacos de area (sand bag structures) seguindo a evidencia científica dispoñibel [A guide to managing coastal erosion in beach/dune systems. Scottish Natural Heritage]. En Escocia teñen aplicado este sistema porque comprobaron que entullar con area para amortecer a forza do mar non servía para nada

 

 

 

Ao mellor tamén che interesa:

Preamar desfacendo a praia

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off