off
Cedeira, Movementos sociais, Política local — 24 Novembro, 2014 at 12:27 p.m.

O perigoso discurso de “Xunt@s por Cedeira”

by

Pode pasar desapercebida unha formación que  sen concretar calquera aspecto do seu programa eleitoral avance que “favorecerá aos veciños e non aos de fora”? Dito isto, dito todo, ou precisamos saber algo máis do seu programa eleitoral?


A nova formación política local que se vén de  apresentar en comunicado  sen máis acreditación que a citada directrice,  chámase “Xunt@s por Cedeira” e afirma que nas formacións actuais non prevalecen os intereses do pobo senón que “priman intereses dos seus partidos” – para que íamos precisar entrar en detalles logo de afirmar tal, evidente é o por qué, non-si? . Quintaesencia da simplificación e da demagoxia. Logo virán as promesas frívolas e insustentábeis para convencer incautos, sen dúbida. En calquera caso, cando se significou esta forza  logo da aplicación do IBI, os verquidos da depuradora ou a desfeita da praia por citarmos algunha das problemáticas recentes?. Postulan unha práctica política ritualizada a vilas vir  cada catro anos coincidindo cos procesos eleitorais? Pensan facer oposición en caso de non prosperar a estratexia da pinza coa forza máis votada?

Se ousaron expresar o discurso xenófobo e localista é porque saben que o seu exceso ten un certo apoio na distancias curtas nas que se cocen as receitas clientelares.

Ollaparo_ConcelloCedeiraA crise e as políticas de austeridade aplicadas primeiro polo PSOE e logo con grande paixón polo PP, conforman un escenario de desigualdade e pobreza no que o discurso antiemigración só estaba latente. Certo é que tamén entre nós non aparececera até o de agora formulado de xeito tan explícito, ainda que sexa nun tabernario, ambiguo e xeralizado “os da casa primeiro”. Así como soa, en crú e sen maior precisión en debullar a quen consideran “veciño” e quen “de fora”. Decidirá “Xunt@s por Cedeira” quen entra e quen non en cada categoría? Quen así fala pode acreditar que @ de Xunt@s atinxe a eles e a elas, ou apenas a “eles”, os “veciños”?  Será máis ou menos “veciño” quen aplica formas salvaxes de explotación ou quen as padece,  serán máis ou menos “nosos”  quen padecen postos de traballo sen control  ou quen contracta a según e a conforme (por exemplo, as multinacionais que operan na comarca) ou os “veciños” empresarios que defraudan e teñen aos traballador@s en condicións draconianas? Será máis ou menos “veciño” quen construe sen licenza, quen estraga bosques de ribeira ou quen estaciona nunha zona amarela? A quen destes “veciños” beneficarán coas súas iniciativas?Será máis “veciño” quen elude os impostos  ou quen os paga solidariamente?

A violencia da formulación non precisa acompañamento dun discurso ideolóxico. Se ousaron facelo explícito é porque saben que o seu exceso ten un certo apoio na distancias curtas nas que se cocen as receitas clientelares (esa afeccion a favorecer sen a debida xustificación a determinadas persoas). Ainda que sempre houbo en Cedeira candidaturas de padrón local-familiar,  ese agresivo discurso  non tivera presenza mediático-política explícita, mália sabermos que a resposta á pregunta como é que en Cedeira, Galiza e estado español non hai unha extrema dereita como hai na Francia ou en Italia,  acha o discurso xenófobo presente – mesmo o que de xeito banal se recrea no localismo-  no ronsel deixado por Aznar cando integrou a extrema dereita no PP. Mais velaí que fora do PP, en Cedeira, o discurso  “Xunt@ por Cedeira” vén de ultrapasar a contención simbólica ao ser formulado sen rubor nen vergoña e moita moita falsa autoestima. Ainda que todo se sabe, non coñecermos aos seus formuladores, agás que se din chamar Xunt@s por Cedeira e  disque son 26 afiliados.

Os sectores da cidadanía  máis sensíbeis ao discurso contra a inmigración non deberían permitir que se instale o discurso xenófobo ou aquel que escudándose na simplificadora e banal lóxica de “un dos nosos” ou do localismo paifoco, aproveite a xeral pasividade para agochar intereses inconfesables  

As sociedades definitivamente heteroxéneas nas que vivimos están para ficar. De feito, denantes da globalización a tradición galeguista soubo combinar o nacionalismo de resistencia co maior dos cosmopolitismos que para si quixeran moitos paises, ao facer da identidade de noso un factor de integración e non de exclusión mália a fraxilidade da sociedade civil galega. O que sorprende ainda máis é que nunha zona depauperada como Ferrolterra – que nunca tivo  inmigración extranxeira significativa como noutras zonas receptoras de Europa, sendo ela propia emisaria de poboación cara a comarca e cara outras zonas de Galiza, do estado e do mundo (emigración)-  apareza unha formación que de manterse nesa formulación programática habería que  denominar de xenófoba ou, canto menos, de localismos insubstancial.

Escorregando.” Xunt@ por Cedeira” faria ben en revisar e transformar o seu discurso antes de que a frivolidade do comunicado acabe por provocar máis sobresaltos. Que moitos veciños e veciñas sintan discriminación e os efectos da crise laboral e das políticas de privatización do público aplicadas por partidos eleitos democráticamente non lles dá dereito a direccionar a súa indignación con limitacións e coaccións contra os “outros” (que adoitan ser sempre os máis vulnerábeis). Porén, o momento  de efervescencia política que algunhas análises tenden a simplificar, infelizmente, a partires de dicotomias perigosas cando no directamente falaces, tamén  serve para mostrarnos onde están o equilibrio e a intelixencia. Non todo vale para apañar votos. Incorporarse ao século XXI significa  saber o que é a responsabilidade compartida e a hibridación de identidade,  que os dereitos  de chan e de traballo está por riba dos de familismo e de nacencia.

One Comment

  1. Na Alemaña nazi o governo perseguiu aos alleos,os xudeus. Tamen proporcionoulle as empresas colaboradoras man de obra barata, case en rexime de escravitude.
    Obviamente non estamos en Alemaña, e e outra epoca.
    Mais podese dicir que vostedes andan coa caixa de mistos no peto.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off