off
Música — 18 Novembro, 2014 at 15:54

20 anos de Bravú

por

anobravu2014 Outono do ano 1993, un grupo de rapaces da vila lucense de Chantada nun intento de asasinar o aburrimento e de plasmar as inquedanzas musicais da vila argallan un festival de música. O Castañazo Rock. A idea, coma a de todo colectivo que se lanza nesta titánica aventura, traer a súa vila os seus grupos favoritos tanto da propia Galiza coma de fora. Sirva como anécdota que nese primeiro ano ofrecéranlles levar a Chantada por 100.000 ptas a uns daquela descoñecidos Green Day, ano e medio máis tarde eran número 1 nas listas de medio mundo.

O bravú era un estilo musical influenciado polo rock e punk principalmente pero que non daba as costas a estilos tan distantes coma o heavy, o ska ou o rap.

Outono do ano 1994, segunda edición do Castañazo Rock en Chantada. Convocados polas bandas locais Rastreros e Os Tabernícolas arredor dunha cea nunha tasca farturenta daparroquia chantadina de Viana, danse cita unha serie de grupos galegos de rock-punk-folk que comparten o emprego da lingua e sorna de noso. Cítanse neste festival bandas coma Os Diplomáticos de Monte Alto e Os Papaqueixos (Coruña), Os Bochechiñas (Vigo), Pinto de Herbón , Os Skornabois (Lourenzá), Herdeiros da Crus (Ribeira), Os Impresentables (Vimianzo) . Bandas, na súa maioría procedentes de vilas, que non se coñezían entre sí porén compartían ideas, gustos e reinvidacións e que deron en alumar un movemento que trascendeu o musical para chegar a se convertir nun fenómeno cultural e social de grande impacto. O bravú veu a luz do día en Chantada naquel novembro do 1994. A criatura foi benzoda por Manuel Rivas, presente na vila lucense como testemuño.

Bravú: cheiro da carne de monte sen castrar. Todo ten un nome, na ansia de clasificar, ordenar i etiquetar ; todo ser, vivo ou inerte, ten que ter un nome. O ente nado en Chantada deuse en chamar Bravú. O porqué da escolla do termo era que se trataba dunha música daqueles tempos, mediados dos 90, con cheiro o seu lugar de orixe, con cheiro a aldea, a parroquia, a alpendre, a lareira….

A criatura foi benzoda por Manuel Rivas, presente na vila lucense como testemuño

O bravú era un estilo musical influenciado polo rock e punk principalmente pero que non daba as costas a estilos tan distantes coma o heavy, o ska ou o rap. Os bravús dentro do eclecticismo das diferentes bandas tiñan como características comúns o emprego da lingua galega, a reivindicación das raíces, o costumbrismo agrícola e rural e moitas gañas de festa.Como afirmaría Xavier Valiño no seu libro “A paixón queima o peito “ o bravú é rock sin capar que xurdiu cando as guitarras eléctricas chegaron as aldeas”.

Os bravus introducen nas súas letras os problemas cotiáns da mocidade galega da época: paro, insubmisión ao servizo militar, sexo, os caciques, emigración. Sirva coma referencia o tema Tratorada da banda Rastreros que deu en convertirse nunha exitosa crónica musical das loitas labregas do momento.

Máis o bravú non só limitou a súa acción o eido musical, senón que trascendeu esta escena pra chegar a outros tipos de manifestacións culturais tales coma a literatura, imaxe documental, teatro, periodismo, televisión. Incluso chegou o mundo do deporte convertíndose, algúns dos temas máis representativos desta xeración en himnos de grupos de xiareiros de equipos de fútbol galegos. Deste salto do bravú fora do eido musical son boa proba a revista Bravú e o programa infantil da Televisión de Galicia Xabarín Club.

A revista Bravú foi creada polo xornalista Xosé Manuel Pereiro, editada por Xerais era unha publicación de mirada satírica sobre a realidade galega que tiña no seu comité de redacción persoeiros coma Manuel Rivas ou Manu Chao.

O programa infantil Xabarín Club comenzou a súa andaina aló polo ano 1994 converténdose en pouco tempo nun fenómeno social en Galiza chegando a contar a finais da década dos 90 con 100.000 nenos e nenas afiliados. Daquela o Xabarín Club era un referente na devulgación da lingua e cultura galega entre os máis novos grazas a súa aposta, entre outras, pola difusión deses novos grupos galegos que apostaban por misturar a lingua galega con sons rock e punk. Non era raro por aquel entón escoitar a nenos e nenas cantando aquilo de “Estou na lavadora” do Caimán do Río Tea, “Que jallo eh!” ou “Íscalle lura” dos Herdeiros da Crus. Eran tempos onde as autoridades da Galiza plasmaban en programas de radio e Tv unha certa preocupación e sensibilidade pola lingua e cultura do país. Ben mudou a cousa cando hoxe en día os afiliados o Club Xabarín reciben as cartas de benvida ou parabéns de aniversario en castelán.

O bravú non só limitou a súa acción o eido musical, senón que trascendeu esta escena pra chegar a outros tipos de manifestacións culturais tales coma a literatura, imaxe documental, teatro, xornalismo, televisión

Co novo século o Bravú comeza a mostrar síntomas de decadencia, o lema “vivir de presa, morrer novo, deixar un fermoso cadáver” parecía guiar os pasos do movemento bravú. Segundo Xurxo Souto, líder dos Diplomáticos de Monte Alto e un dos referentes máis claros deste movemento, “o bravú rematou porque perdeu a tensión inicial”. Cantaban os diplomáticos “non temos medo, temos fame”, pode ser que esa fame desparecera.

Porén a situación actual de pesar parece contribuir de forma moi notábel a un rexurdimiento desa carraxe que deu en crear o Bravú. E xa non é que bandas coma os Diplomáticos, Ruxe-Ruxe (que nunca marcharon), O Caimán do Río Tea etc volvan encabezar festivais na Galiza. Son unha xeración de novas bandas as que parecen confrmar este rexurdimento. Falamos de bandas coma Ex-Tensión Agraria, Sacha na Horta, Ulträqans, Skándalo Gz, Os Festicultores…sempre se dixo que no medio do esterco e onde agroman as máis fermosas flores.

Para sabermos máis:

DISCOS E CANCIÓNS SENLLEIRAS BRAVÚS

− “Avante Toda” Diplomáticos de Monte Alto

− “Galician people speak galego” Yellow Pixoliñas

− “Verme homicida” Skornabois

− “A lóxica aplastante do Comité de Propaganda” Os Papaqueixos

− “Perigo! Animais ceibes” Rastreros

− “Está que te cajas!” Herdeiros da Crus

− “Estou na lavadora” Caimán do Río Tea

− “Nitramón 15-15-15”, “A Motoserra”, “Paviméntame” temas do rapeiro e regueifeiro

Pinto de Herbón.

− “Unión Bravú” foi un disco recopilatorio editado por edicións Cumio en 1996. Disco

producido polos Diplomáticos de Monte Alto e con texto no seu libreto de Manuel

Rivas, foi un disco que recollía unha colección de temas do bravú a cargo de diferentes

bandas:

1.”Matías, o morcego” (Os Papaqueixos)
2. “Crooner” (Bochechiñas)
3. “¡Presente!” (Xenreira)
4.”Tratorada” (Rastreros)
5.”A nova Fifi” (Os Skornabois)
6.”Platinos” (Os Diplomáticos)
7.”Nitramón 15, 15, 15″ (Pinto de Herbón)
8.”Galiza Morta ¡Non!” (Kaos)
9.”Que foi do Rock & Roll” (Os Impresentables)
10.”Por ti mesmo” (Ruín Bois)
11.”Manolo Pescadilla” (O Caimán do río Tea)
12.”Cuspen na cara” (Túzaros)

LIBROS BRAVÚS

− “A paixón queima o peito” Xavier Valiño

DOCUMENTAIS BRAVÚS

− “Noroeste, a viaxe bravú” Sonia Barros e Marta Piñeiro

− “Galiza Bravú” Xaime Miranda, Elena Albán Lombao, Sabela Sampedro

− “Kompostela, capital Bravú” Basilio Martín Patino

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: