off
Movementos sociais, Pensamento, Política — 11 Novembro, 2014 at 4:42 p.m.

Tomar o poder ou a construción da sociedade desde abaixo

by

Carlos Taibo reflexiona sobre a actualidade do pensamento libertario, sobre o eu como unha forma de crear poder social contra a dinámica electoral do pasado e do presente. Unha discusión moi actual que precisa debullar conceitos para depurar o que se fala cando se fala do activismo de Podemos: serven os atallos para transformar a sociedade? Ao cabo, que é iso da democracia liberal?, que pode achegar a praxe libertaria fronte as maiorías ficticias?, quen toma as decisións importantes?. Que quedou do movimento sindical maioritario no estado español? Que foi o que ficou das grandes preguntas: para quen traballamos, como é que traballamos, que facemos? A quen protexe o Estado? Que futuro ten o benestar se non é  solvente en termos medioambiental e solidario para con os outros? Que porvir ten o público se non é autoxestionado e socializado? A defensa do público, afirma Taibo, debería alicerzarse na autoxestión xa que de seu non é garante de nada. A socialdemocracia só aspirou a xestionar civilizadamente o capitalismo e o que ficou foron os intereses das grandes empresas por riba de calquera outro interese.

A emerxencia de Podemos, e antes IU, parte sen cuestionalo do “molde neutro” do Estado, cando as prácticas coñecidas da socialdemocracia non aspiraron nunca a  crebar esa tañeira. Burocratización e corrupción naturalizada. Cómpre acrescentar ao discurso da “caste”  a dialéctica do capital do traballo, e Podemos non o fai, afirma Taibo. Os partidos “atrápalotodo” que emiten mensaxes que poidan estragar a estratexia de maximización dos votos. Estatalismo, militarismo, papismo, non ser nin de esquerdas nin de dereitas. PP, PSOE. UPyD e máis Podemos. En que loita está Podemos? Mais velaí a súa omnipresenza mediática e nos inquéritos. Non aconteceu o mesmo no 82 co PSOE?

Taibo propón unha praxe libertaria alicerzada na democracia directa enxergada como transformación radical dunha sociedade que impide precisamente o desenvolvimento da democracia directa. Para iso propón decrecer, desurbanizar, destecnoloxizar, despatriarcalizar e descomplexizar a nosa sociedade. Cinco conceitos que se corresponden conoutras tantas crises. Taibo remata pedindo  menos realismo e arrombar coa  sempiterna mensaxe protocolar que nega calquera posibilidade de mudanza. Bernanos: “o realismo é a boa conciencia dos fillos de puta”. Propoñamos proxectos non realistas.

[youtube]https://www.youtube.com/watch?v=mYSRIyZr5VA[/youtube]

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off