off
Gastronomía, O Curruncho musical de Antón, Poesía — 7 Novembro, 2014 at 7:41 a.m.

Loa ós percebes e ós percebeiros

by

De marisco a Costa Ártabra

pode estar ben fachendosa,

polbo, andaricas, nocos,

percebe e ameixa babosa.

Longueiróns e máis coquinas,

berberechos e vieiras,

camarón, tamén centolas,

e langostas de Cedeira.

Pero ó falar do percebe

do Meixón ou da Gabeira,

da Concagada ou do Cadro

teño presente a Cedeira.

Personaxe saboroso,

de pé longo e carnoso

que te agarras ós penedos

batidos do mar furioso,

cantos por ti adoecen,

por gustarte ou por cacharte.

Ouh, cirrípido envexado

dos nosos mares, ti es arte.

Moitos se achegan aquí

pola paisaxe e a xente,

por ver o mar onde vives

na túa colonia, percebe.

Ouh, crustáceo uñado

onde agochas o teu ser,

non es regalía do mar;

daste moito a valer.

Es do marisco o primeiro

sexa cea ou xantar,

cunha xerra de bo viño

a vida nos has de alegrar.

Botas nunha pota auga

e cando está a borbullar

metes os ricos percebes

e unha presiña de sal;

cando volva a ferver

escóaslles aquela auga

e así quentiños do lume,

anque mesmo boten fume,

cunha habilidosa volta,

arrincas, sen xiringar,

o manxar máis exquisito

que poidas imaxinar.

Para gustar a delícia

non se necesita garfo,

nin coitelo nin culler;

retorcer e uli-lo bafo.

Gábante todos, percebe,

e aínda máis se es da craca;

os propios e estranxeiros,

esparexen a túa fama.

Hai quen di que é moi caro

este luxoso manxar,

mais o pescador arrisca

a propia vida no mar.

É moi raro que no ano

o mar non cobre o tributo

arramplando nun segundo

cun novel ou veterano.

Eu saúdo a eses homes valentes,

arriscados, afoutos e ousados

que loitan día tras día

coas arrotas, as vagas e o fado,

ós que en Cedeira chamamos,

non percebeiros

senón

PERCEBELLEIROS!

Cachador da cacha curta,

do raño ou mergullador,

es do mar espeleólogo,

e á vez escalador.

Boa vista e gran pericia

tés que ter, ouh, chalaneiro,

por iso con ledicia berro:

Benia a ti, percebelleiro!

 

One Comment

  1. Antom Labranha

    Moi boa, Antón.
    Ademais de que percebes e percebelleiros merezan a loa, déixasnos, con rima aleuta, boa información da ría e do marisco, cousas que pouco a pouco imos esquecendo e que vén ben que alguén as lembre.

Deixa unha resposta a Antom LabranhaCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off