off
Cedeira, Festas, Lendas — 1 Novembro, 2014 at 10:09 a.m.

Samaín de Cedeira cumpre 25 anos

by
17.180_San_Andr_s_de_Teixido_A_Coru_a_17_07_2008
Pía ritual de tres cabezas con esvástica solar na base. San Andrés de Teixido (Cedeira). Foto: laberintoromanico

O Samaín de Cedeira, se houber alguén ainda que non se decatara, cumpre  nesta edición o 25 aniversario ofrecendo novas pantallas e máscaras e  a recuperación da torta do Samaín. Parabéns a Calel, o ideador, a Fusa, nova alma mater, á Asociación de Amigos do Samaín, a Garola, a todas e a todos os que fixeron que a recuperación desta tradición de noso se consolidara espallándose por todo o país.

Sábado, 1 de novembro, o Malecó acollerá mais un ano o espazo principal de actividade.Pola mañá os voluntarios e voluntarias poderán axudar na decoración dos alboios con globos, fitas e adornos coloridos. Xa  na tarde, contra das cinco, os participantes poderán apuntarse ao concurso de talla e exposición de calacús e cabazas. Tamén a partires da cinco e paralelamente á ocupación do espazo, iranse desenvolvendo os obradoiros de maquillaxe e a Ginkana –previa inscripción na Casa do Terror.

Torta de Samaín

A Merendola de Outono, con bola de zucre e requeixo con mel, terá nova convidada: a recuperacón da Torta de Samaín seguindo a  receita da confitería As Camelias, gañadora do Concurso de Cociña de 1999. Logo de encher o papo, co luscofusco a vila vella inzará as rúas e ruelas de  cabazos iluminados, labrados polo maxín e o medo.

 

Tempo de mortos e defuntos. O reto de non perder a galeguidade do Samaín.

A festa de todos os santos ou defuntos que deu así en chamar a igrexa católica, ten fondas raiceiras na cultura celta de Galiza como ritualizacións que marcan a fin do verán e a festa da clase guerreira para daren paso ó mundo do alén, coincidindo coa parte máis escura do ano. Otero Pedrayo recollia nun artigo da revista Nós a festa dos mortos ou Samain en Irlanda (novembro), unha das  catro asembleas que marcaban o ritmo do ano celta xunto ao “Imbolc”(febreiro),  “Beltaine” (maio)  e “Lugnasad” (agosto). Coincidía sempre o primeiro día do mes mais as festas comezaban quince días antes e duraban até quince días despois. A pervivencia dos magostos galegos confluen agora co Samaín recuperado.

O reto futuro talvez alicerce  en non perder os aspectos didácticos, lingüísticos e etnográficos da rehabilitación propiciada por Rafael Loureiro en tempos da Sociedade Cultural Chirlateira, fronte a tendencia homoxeneizadora do Halloween. Cómpre lembrar as palabras de Rafael Loureiro “Calel”, ideador da recuperación da elaboración de caliveras cos “melóns”:

 “a mascarada norteamericana non ten sentido en Galicia pero sí a mesma orixe, nuna celebración presente en toda a zona de influencia celta de Europa, dende Irlanda -de onde viaxou a Estados Unidos e Canadá- até Galicia”

Que a tradición se manteña ainda viva en Cáceres, na zona de fala galega, así como nas áreas galegofalantes de León e Zamora, debería server para reflexionarmos sobre a transmisión deste legado através de novos obxectivos transversais a acadar para alén das pantasmas, morcegos e esqueletes.

Ao mellor tamén che interesa:

“Brinca Vai!”: No Samaín

Samáin, canción para dúas gaitas e percusión

Quico Cadaval fechará a semana do Samain

O Samain

Viva o Samain !

Tags

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off