off
Economía, Galiza, Política, Politica espanhola — 20 Outubro, 2014 at 9:49 a.m.

Entre o fracaso histórico e o máis millor

by
Feijoó abrazándose ao presidente de Iberdrola o dia que foi investido Presidente da Xunta

Núñez Feijoó continua a axir como un proconsul de provincias (afeccionado que é ás excursións a Madrid para pontificar sobre a política catalá mentras evita criticar a xestión do goberno español e a súa), desta vez, dándolle leccións de economía ás empresas catalanas no xornal Expansión (que seica non aturarían a suposta “autarquía”) e afirmando que un plebiscito e  unha listaxe única levarían a Cataluña a “unha especie de peronismo”.

Para Núñez Feijoó o proceso a prol do dereito a decidir é “unha equivocación histórica” que precisa, afirma, unha “rectificación histórica”. Coma sempre, os erros sempre na eira do outro, nunca na propia. Os cataláns son culpabeis de querer máis democracia e o estado español é un conglomerado de cándidas e evanescentes institucións para alén do ben e do mal.  Certo é que semellante aceno de humildade, de recoñecemento de que hai algo incomoda aos cataláns que non está a ser atendido, nunca virá de quen tamén afirma cousas coma estas: “a xestión económica galega é a mellor do Estado, Galicia  mellor que España”.

No entanto, o escritor  galego Suso de Toro, entrevistado esta fin de semana no xornal Ara polo seu director Carles Capdevila, espetaba aoser preguntado pola situación de Galiza: “É un país que non tén cadros nin elites dirixentes, é un fracaso histórico(…). Galiza é cada vez menos galega e cada vez máis madrileñizada“.

Cada vez é máis evidente a descomposición moral entre a caste política española e galega. A progresión transversal da Pokemon xunto cos cartóns opacos de Caja Madrid ou a xestión do Ébola tén unha carga simbólica que o noso presidente non parece querer ver. É amoral que no medio desta enxurrada o presidente da comunidade autónoma de Galiza esté máis atento ao que acontece en Catalunya para facer de avogado do diaño do establishment español do que a degradación do estado do benestar aquén do Padornelo, que o pouquiño que os galegos e galegas conseguiran arrincar ás oligarquías locais emparentadas coas españolas e europeas, se perda nun lance de austeridade  e de cinismo. Os poucos faragullos que conseguiramos arrincarlles aproveitando, as máis das veces, a vontade de emancipación de bascos e cataláns, estanse a perder con conciencia de que o mínimo pacto social acadado desmanche no ar sen que os representantes de noso teñan algo a dicir agás apouquentar unha vez máis aos cataláns.

É grave, irresponsabel e sorprendentemente ridículo que o presidente de Galiza adique máis tempo á propaganda (tic-tac, tic-tac eleicións o ano vén) e a  facer de ministro ou proconsul de Rajoy con manifestacións en público dirixidas aos incondicionais como se fose un voluntario cheiño de determinación por limpar a broza das fotos con Marcial Dorado, conscente de que xa non lle abondan as proclamas trunfalistas nin os sorrisos seductores para facer carreira en Madrid.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off