off
Cedeira, Política local, Saúde — 15 Outubro, 2014 at 6:51 p.m.

En plena crise o goberno local de Cedeira privatiza a xestión dun novo centro de día

by

Ollaparo_AuditorioCedeira_2013-08-07 13.18.22Vén de confirmalo  via comunicado de prensa, como adoita facer o Concello de Cedeira para “aforrar” en propaganda. O edificio do Auditorio de Cedeira acollerá un centro de día de xestión privada. O goberno do PP  volverá investir máis cartos nun edificio que proxectou o goberno de Lepoldo Rubido sen plano de usos e servizos malia o chamado do tecido social e cultural de Cedeira dende a década dos oitenta. Logo da renuncia de Leopoldo Rubido a continuar sendo alcalde, o seu irmán Luís Rubido pasou a herdar o legado político de quen o viña sendo  dende o franquismo agás un par de lexislaturas. O novo reinado  mantiña a alguns impresentables con intereses no sector privado que levan tres anos a non a defender e mellorar os servizos públicos (como sería a súa obriga), senón a debilitalos infrautilizando as infraestructuras xa existentes (da biblioteca aos andares superiores do auditorio).  Algo nunca visto na época democrática xa que nunca se dispuxera de tal variedade de equipamentos.

O paradoxo do asunto é que primeiro sacaron do centro de maiores a aquelas persoas que máis se valían por si mesmas,  ubicando o servizo nun baixo privado na Praza Roxa e do que haberá que pagar un alugueiro mensual. A medida provocou a presentación de 800 sinaturas en contra. E agora, argállase un centro de día  para persoas altamente dependentes nada menos que no  segundo andar do edificio do Auditorio. Un espazo que semella ser un saco sen fondo pois non fai máis que engolir cartos sen que os seus responsábeis souberan tirarlle rendimento social. Para o rexedor investir 73.335 euros nun servizo que acabará finalmente  transferindo actividades e recursos a unha empresa privada debe ser o natural .Quen o forza a facelo? Que Rubido defenda a xestión privada  coa excusa das “razóns económicas e sociais” é mesmo cinismo cando sabe que é o ideario neoliberal e a a lexislación aprobada polo seu partido quen coapta calquera alternativa.  Cando hai concellos que están a facer un xiro social e un cambio nas políticas de recortes reforzando entidades públicas e remunicipalizando servizos no límite dunha lexislación pro privatizacións, reducindo a transferencia de capital público a empresas privadas na medida do posibel, é mesmo para ficar pasmados que aquí se teime no contrario. Cando o gasto público social por habitante é dos máis baixos da UE é incomprensibel que este  goberno local teña tan pouca sensibilidade social.

O «gran equipo» e  os «buenos gestores» do PP que louvaba  recentemente no Auditorio  o presidente provincial do PP Carlos Negreira,  parecen non acreditar en si mesmos cando á primeira de cambio optan pola xestión privada.

E que é o que se deriva da xestión privada dun servizo sociosanitario como un centro de día? Cara onde é que imos?  Cómpre termos en conta que baixo a xestión privada aplícanse criterios  de selección non equitativos; un centro de día é un dispostivo sociosanitario que alicerza no factor humano, en prestacións intanxibeis e que padecendo un financiamento insuficiente no noso contexto,  ten contribuido á súa invisibilización.  Estando en xogo a súa consolidación é inconcebibel que dado o tamaño dos nosos concellos non se teñan elaborado planos comarcais que permitan xestionar pública e eficazmente estes e outros servizos sociais. A acción política pública non pode ficar na simple provisión de servizo fixando o contido da oferta e deixando a producción a empresas do sector privado. Non é certo que os concellos pequenos non teñen outra que externalizar estes servizos: dende os órganos mancomunados de xestión até  a Xunta. O que falta é visión de territorio e de país, a posibilidade de explorar  a  cooperación intermunicipal,  na prestación de servizos públicos e na xestión administrativa dos entes locais.

A acción política pública non pode ficar na simple provisión de servizo fixando o contido da oferta e deixando a producción a empresas do sector privado.

As políticas públicas aplicadas polo PP e o PSOE teñen xerado unha grande desigualdade, unha das causas da crise que estamos a vivir. Estanse a impor políticas que non viñan nos programas eleitorais. Non é por acaso que con políticas neoliberais agromen empresas de iniciativa privada concentrándose en servizos para persoas mairoes e persoas con algunha discapacidade. A estratexia fai parte tamén do modelo de subvención, como forma  de financiamiento que non axuda a garantir o exercizo dos dereitos sociais dos cidadáns. Xa que os poderes públicos pódenos convertir nunha simple oferta puntual ao poder modificar criterios- de cara ás eleccións por exemplo- reducir ou mesmo eliminar subvencións a vontade. O goberno local xa anunciou unha axuda da Deputación para defrontar as reformas dun dispositivo que explotará unha empresa privada con criterios crematísticos.

Cando se está a producir unha auténtica inflexión nos concellos coa recuperación da xestión pública dos servizos para aforrar cartos, o goberno do PP gosta dos servizos “externalizados”  e ningunha participación cidadá vinculante na toma de decisións (orzamentos participativos). Sen dúbida, porque pensa que a empresa  privada  que gañe o concurso o fará de maneira máis eficiente ca eles. O «gran equipo» e  os «buenos gestores» do PP que louvaba  recentemente no Auditorio  o presidente provincial do PP Carlos Negreira,  parecen non acreditar en si mesmos cando á primeira de cambio optan pola xestión privada. A non ser que só pensen nas vindeiras eleccións sen visar o que lle vai costar ao contribuinte e se terá viabilidade futura nas condicións de externalización se se dera o caso de que as empresas xestionarias renunciaran ao negocio pola súa baixa rendabilidade económica. Tranquilos, cando iso aconteza, externalizarán tamén as responsabilidades. Ao mellor a cidadanía debería ir pensando que a maior responsabilidade reside nela mesma e que se hoxe se privatiza a xestión dun servizo público é porque uns grupos e clases sociais seguen a ter máis poder político ca outros. Pouca sensibilidade social, e moi pouco redistributivo. O esgotamento   é evidente. Por iso é aí onde as esquerdas deberían estar xa metidas até os miolos en presentar xa e agora outra Cedeira.

Ao mellor tamén che interesa:

Negreira presenta os candidatos do PP sen mostrar vontade de afrontar a corrupción

800 sinaturas contra o traslado do centro de maiores a un local privado

Sobre o traslado do Centro de Maiores a un baixo privado da Praza Roxa[2] Propostas

Sobre o traslado do Centro de Maiores a un baixo privado da Praza Roxa [1]

Privatización

4 Comments

  1. Pablo César Galdo Regueiro

    Ainda querendo municipalizar (que não ia ser o caso governando quem governa), a legislação atual limita a contratação de pessoal nas administrações públicas.

    Hoje mesmo estamos a falar este assunto com o alcaide de São Sadurninho, onde vão privatizar, já que não lhes queda outra, a gestão da Escola Infantil.

    http://ur1.ca/idqfo

    Neste fio do Facebook abreu-se debate sobre o assunto:

    http://ur1.ca/idqfc

    Entre o desleixo da Xunta e as limitações da Lei de Orçamentos do Estado, a privatização adoita ser imperativo legal.

    • Pois é!. Cambiar a situación incluso ganhando a a Alcaldía aos reaccionarios “vendelotodo” sería de tolos dado que (parafraseando ao ditador) todo o tenhen atado e ben atado. Mais de cada um de nós depende o sonho de mudalo todo. É a NOSA responsabilidade, de cada vecinh@

      • Pablo César Galdo Regueiro

        O tema é, estando no governo, renunciar a ser “politicamente correto” e falar claro destas travas legais que os PPSOEiros foram criando, estabelecendo mecanismos para que a gente poida propôr alternativas.

        As leis podem-se contornar para livrar delas, a base de imaginação comunitária. Também podemos declarar a insubmissão coletiva a essas normas, se é o que mais convém para o interesse geral.

        O que já temos provado é que deixar a cousa estar para que haja governabilidade a nível de partidos não oferece soluções.

        É questão de conseguir que os vizinhos e vizinhas sintam que a responsabilidade de governar e cousa de todos, não só dos quatro gatos do Pleno, que devem ser, na sua função legislativa e administrativa, uns mandados do povo, nada mais.

  2. Non entendo como lle dan voltas as cousas para buscar a solución maíz simple pero mais cara e peor.
    Ata o de agora ese centro foise desmantelando. Non importaba si funcionaba ven. O caso era chegar a isto.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off