off
Movementos sociais, Pensamento, Política, Politica espanhola — 1 Outubro, 2014 at 4:04 p.m.

Arte asociativa e soberanismo

by

A orientación neoliberal e conservadora do estado español e a institucionalización e dereitización do partido socialista non é máis do que produto do estado de compracenza no que ficou a autoproclamada esquerda española logo da mitificación da Transición e a conversión dos partidos en axencias corporativas de representación. A aceptación acrítica da situación económica e social galega ainda que os datos apunten outra cousa fai parte da compracencia institucional propia dos procesos de oligarquización. Por outra banda, a tentación do narcisismo da causa perdida na que debruzaron as forzas nacionalistas de esquerda -cando longo é o camiño- tamén vale para a política en tempos de incerteza, ainda que acubillemos a intuición de que o centro non existe porque está en todas partes. Por iso convén non confundir que o usuario das redes dixitais e o cidadán non son o mesmo por moito que aquelas permitan unha connectividade que non é de ningún modo sinónimo de vincallo real entre persoas no campo social e na esfera pública. O que teño chamado a “perspectiva Prestige” mostrounos, ao meu ver, o verdadeiro alcance das redes sociais cando a consistencia dos nodos do retículo social son politicamente inocuos. O resultado irónico foi cando no 10 aniversario do Prestige na Galiza volvía estar emprazado un goberno de tecnócratas e máis unha xeira de autonomía “clientelista” galega. Porén, abonda xa de flaxelacións que todo isto non é novo (das diversas posibilidades de negocio caciquil e clientelar, do enchufismo como lastre da mediocridade que sofre a sociedade e a economía galegas), o devalo das estruturas de estado que inventaron a Transición están a demostrar -tanta é a podremia- que a formación de sistemas clientelares de caràcter estructural non teñen unha única patente galega.  Por iso sorprende a pulsión dalgunhas forzas nacionalistas en acceder á administración periférica do Estado (deputacións), espazos nos que histórica e histéricamente teñen abusado as forzas estatais como trincheiras de contrapoder, sen antes teren transitado o deserto. Unha certa pulsión polo lisca ti que me poño eu. Aquí, dicíame un amigo, cando non tes amizades a eito é que tés talento. Axir sen cuestionar o cadro institucional democrático do Estado de dereito da burguesía española. Unha demostración real da política de vó galináceo que prefire o ideario reformista  de simulación de contrapoder dende a arquitectura do Estado – “a ilusión democrática”, dí Badiou-  no canto de revisitar a marxiana rede de relacións sociais de produción entanto non saibamos o que facer. Talvez, porque entre nós as preguntas ainda non foran feitas.

O resultado irónico foi cando no 10 aniversario do Prestige na Galiza volvía estar emprazado un goberno de tecnócratas e máis unha xeira de autonomía “clientelista” galega.

Malia pertenceren ao mesmo estado e haberen semellanzas, a historia, estrutura social e cultural de Cataluña e Galiza son ben diferentes, visíbel hoxe nomeadamente na percepción de como a forma de democracia institucionalizada da democracia española se tornou insuficiente para encofrar os excesos do hexemónico legalismo ideolóxico . Hogano, o grande mérito dos partidos nacionalistas e do catalanismo en xeral ten sido non só manter a identidade catalana fronte a forza centrípeta dos partidos españolistas senón conseguir que en medio da aplicación de politicas neoliberais e conservadoras, como a que está a aplicar CiU co apoio de ER e antes co PSC ao ditado de España e a UE, o proceso de rexeitamento do estado español, porque os grupos dominantes españois non mudarán, servira como significante e como instrumento da sociedade civil para canalizar o rexeitamento desa orientación conservadora das políticas que se están aplicar ao ditado dos intereses do capital financieiro europeo, español e catalán. Semella un artificio porque o é e en pouco tempo terán de enfrentar, seguindo a tese de Žižek, a cuestión verdadeiramente difícil, o que non se quere e o que se quere. Os manifestantes queren democracia – o acto formal do voto independentemente da escolla – e liberdade sen corrupción e explotación- lembrábao ainda o actor Sergi López na Diada. Teñen millleiros de razóns, entre delas, nada máis e nada menos que exercer o poder. Ninguén pode ser privado daquilo que non tén. Iso é o que tanto incomoda ao establishmemt. As redes sociais de verdade; as que facendo uso das dixitais – sería paifoco negarmos a súa eficacia comunicativa- alicerzan en algo substancial e duradoiro que vai alén da inmediatez efémera e pouco argumentada dos chíos. Como se as transnacionais das redes dixitais non especularan en bolsa e só fosen unha inócua deferencia do sistema para resgatar aos cidadáns do isolamento.

Que moitos cataláns que se sentían españois teñan sumado azos aos independentistas na desafección ao estado español, enxergado como inasibel á necesidade de radicalización democrática, quer dicer, con xustiza social, visa o teren atopado algo co que apaixonarse, un vieiro político que a xente considera factíbel e mesmo realista: a ilusión de millorar perante ao xa coñecido que son as respostas do estado español para o século XX. Esa pulsión sirveu para catalizar a procura de empatía dos outros cando, aprobado o Estatut, só obtiveran a negación do debate e o único apelo á lei e ao TC como resposta. Ten sido esa resposta institucional española o mellor argumento contra dela. De aí que se perciba a legalidade española como submisión perante a imposibilidade de mudar España (clave interpretativa do pasado), visando reterritorializar o exercizo democrático nos círculos singulares, no tecido asociativo e no municipalismo como vias de colaboración cara o futuro.

Outra diferenza apreciabel e decisiva no proceso catalán teñen sido as redes sociais existentes en Cataluña, favorecendo nun breve tempo á emerxencia do que Tocqueville aprezou nos estadounidenses na súa viaxe a América, a predisposición á arte asociativa. Un desprazamento social do poder dende núcleos de liderado minoritario cara espazos máis transversais e diversos onde se sustituiu o medo por un sentimento común de confianza que vén da PAH e do 15M, entre outos. Por exemplo, a diferenza dos Indignados, o discurso das CUP non é a suspensión da democracia política e a tendencia a substituir os políticos por tecnócratas despolitizados, mas intensificar a politización que evite a resposta do sistema con máis tecnocracia apolítica sabedores de que non abonda un movimento da sociedade civil para mudar a vida social. Precísase un rexo corpo social (as fondas raiceiras do asociacionismo catalán) e disciplina de organización capaz de reflectir respostas con rigor e dilixencia para evitar a incercia do pujolismo desde as institucions e coa nova cultura compartida.

O vincallo entre catalanismo e a defensa dun modelo social máis xusto acadou nun breve tempo un significante que soubo acubillar no soberanismo e sería errado pintalo como cego e irracional cando leva a alegria nos ollos no canto do temor. Ao cabo, é esa unidade espinosiana o que contrasta co legalismo ideolóxico que emana das posicións estatalistas. Unha sociedade civil que sen deixar de ser campo de antagonismos- en calquera sociedade ou grupo humano quen máis ten tentará impor a súa capacidade normativa gañando en hexemonía- acha no catalanismo, malia certas diferenzas de vocabulario, o seu concepto de pacto e de multitude unida ( é precisamente ese signficante no que os pactantes achan máis avantaxes que permanecer no inmobilismo da situación actual, o que non deberá imporse ao novo significado acadado).

O vincallo entre catalanismo e a defensa dun modelo social máis xusto acadou nun breve tempo un significante que soubo acubillar no soberanismo e sería errado pintalo como cego e irracional cando leva a alegria nos ollos no canto do temor

O Espinosa máis axitador e político pódenos servir á hora de albiscar a orixe deste contenedor democrático. A democracia baseada no recoñecemento do dereito dos individuos á autodeterminación política do poder efectivo que, de cando en vez, o corpo social colexiadamente acada. Trátase dunha racionalidade que Remo Bodei califica de intensificadora de alegría. Por outras palabras, Espinosa sinalaría o vieiro para unha democracia non exclusivamente “formal” e para unha individualidade que non derive os seus dereitos apenas de principios e leis universais que, sendo necesarias, poden colisionar entre si, entullando a “potencia de existir”. Ao cabo, non é isto axir como cidadán, como suxeito ético-político, e non como simple usuario ou súbdito?

Non esquezamos que política en Espinosa fai parte do fólego da ética, xa que a razón non é capaz de conducir por si só aos homes da paixón á liberdade. Por tanto, é sumamente sintomático o apelo do PP e do PSOE a reducir a democracia a ritualización democrática dentro do sistema. Unha renuncia á batalla politica por falta de proxecto. O problema do legalismo ideolóxico é que acaba por atrapallar os seres reais cos entes de razón. En canto representa a única marxe de solución para os conflictos políticos tórnase, en parte alomenos, contra si mesmo, cando non madurece en razón ( un faise racional conectando co mundo por canles diversas de comunicación e non só baixo o único primado da lei ou da santificación da forma moral). Esquece que o pacto social no que se funda nunca é o resultado cego dun equilibrio de forzas. O legalismo cando se torna ideolóxico reduce a política a forza, naturalízase voltando á idea dunha sociedade sen falta. Aquela eficacia do medo en Hobbes como catalizador dos procesos políticos e das cadeas encubertas de poder, regras de substitución que visan evitar a morte do grande Leviatán. Por iso, o legalismo ideolóxico non é quen de diferenciar as razóns democráticas da arte asociativa (apoiar un referendum consultivo e non vinculante) e votar (ou non) a favor da independencia de Cataluña. Como se as últimas Diadas só fosen produto do apego melancólico e non houbera tamén implicito nelas un ritual de dó, de despedida do catalanismo institucional que gobernou durante décadas, a do líder incontestado,demediado entre o negocio paterno do algodón no franquismo e o proxecto de “fer país” en tempos de misera. O caso Pujol, alentado e instrumentalizado dende as propias estructuras do estado, é aceptar de facto, que para alén do campo de posibilidades que abreu, tamén fracasou.

No entanto, se realmente se acredita nas razóns democráticas da arte associativa, hai un risco real de desfeita se todos os catalás  continuarem a pensar que están prontos e todos finxiren que están porque ninguén se atreve a dicer que o rei está nu (confianza cega nos partidos, lógica prolongada de acima para baixo…)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off