off
Cedeira, Galiza, Mar e Pesca, Meio ambiente — 26 Setembro, 2014 at 8:00 a.m.

A alarmante mortaldade do berberecho na ria de Cedeira, Arousa e Pontevedra

by
Ollaparo_Praia da Madalena_28 xaneiro 2014.Cedeira
Praia da Madalena. 28 xaneiro 2014, Cedeira

O deputado do BNG, Daniel Rodas vén de afirmar que a “mortaldade do berberecho” na ría de Arousa, Pontevedra e Cedeira está a provocar os piores resultados  da derradeira década. Só na ría de Arousa pasouse  “ de 2.600 Tn no ano 2008 a 350 no 2012, e 112 no 2013”. Está a frear esta desfeita a consellería con algunha previsión ou medida urxente para  o sector do marisqueo a pe e a flote?

Rodas acrescentou  que esta circunstancia “produce unha caída de ingresos que segundo a propia consellería ascenden 476,6 euros ao mes no marisqueo a pe e 442,83 no marisqueo a flote con dous tripulantes”. Estase a perder o prezado recurso perante o desleixo e a política do curtopracismo da Consellería de Pesca e Marisqueo ?.

O pasado mes de febreiro a cidadanía soubo de xeito indirecto que  o Grupo de Recursos Mariños e Pesquerías da Universidade de A Coruña (UDC), integrado por tres profesores e  11 investigadores, estaba a realizar unha avaliación do stock de berberecho da ría de Cedeira, acción que facía parte do proxecto Caracterización da Reserva Mariña de Interés Pesqueiro da Ría de Cedeira, para abordar durante catro anos o «medio físico, comunidades biológicas e  biodiversidade, monitorización pesqueira e marisqueira, e aspectos socioeconómicos», financiado pola Confraría de Pescadores. Na altura, a investigadora Ana Tubio,viña de traballar «a pé de praia», co obxectivo de obter dados para a súa tese «coa información xerada por ambos proxectos». Pois ben, Tubio xunto con Ramón Muiño, outro dos  investigadores, detectaran carencias e e erros no  informe de Costas sobre a praia de A Madalena. Viñan dicir que un estudo feito con rigor nunha zona tan ampla non pode avaliarse nos resultados de catro mostras de area, a saber, nos resultados de  Bioloxía dos fondos mariños do citado informe sorprendíalles que aparecera como anecdótica a  presenza do berberecho, cando todos os cedeirenses sabemos que o areal é un banco natural desta especie. A Madalena e Esteiro, enseada na que históricamente ainda había máis berberecho que na praia de Cedeira. Tampouco se facía referencia á navalla e o longueirón. Ademáis,  no informe de Costas Esteiro aparecía tendo dominancia do camarón malia a baixa salinidade da enseada do rio Mestas. E isto só é unha mostra doutros erros salientables dun informe propiciado por Costas.

Estamos a ser informados pola administración do estado e a autonómica, ambas e dúas, gobernadas polo mesmo partido politico? Se os informes xerados pola propia administración non cumpren coa obriga legal de facer estudos de seguimento sobre métodos de mostraxe rigorosos que den contan do número de especies e a súa evolución ou sobre o impacto ambiental previo a calquera intervención, que poden esperar as comunidades costeiras que viven deses recursos se descoñecen a situación real dos ecosistemas e a viabilidade das medidas a adoptar?

Daniel Rodas, que visitou  Cedeira na  primavera acompañado da eurodeputada Ana Miranda para comprobaren a problemática da praia de Cedeira, lembrou que esta situación non é “nova” e a consellería, hogano, “nin informa das razón polas que se produce nin pon en marcha medidas para resolvela” tendo en conta que estamos ante o inicio da campaña marisqueira.

A conselleria declarou  publicamente que nesta campaña o “berberecho foi recuperado, en certa medida” cando o propio  sector denunciou que este ano non vai a ver “berberecho nos lombos do Ulla”. A cidadanía sigue sen coñecer a interpretación da Consellería sobre as conclusións dos ensaios de investigación que se veñen desenvolvendo dende o ano 2012 e que medidas se están a adoptar para resolver a situación.

Rodas acusou a Rosa Quintana de estar “desaparecida” e de mentir sobre as reunións mantidas con todo o sector, “Sra. conselleira, dixo, vostede non pode seguir enganando ás e aos mariscadores” ,vostede debe tomar decisións urxentes que resolvan esta situación.

O deputado da esquerda nacionalista laiose que a conselleira Rosa Quintana non formulara un compromiso explícito, na sesión plenaria, para poñer en marcha de “maneira urxente” medidas destinadas a recuperar esta especie nin a resolver a redución de ingresos dos e das mariscadoras.

 

 

 Ao mellor tamén che interesa:

Administración troll. A reserva mariña en perigo

Xa está dispoñíbel o documento de alegacións presentado por Adega e SomosCedeira

Non hai lata para tanta literatura

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off