off
Movementos sociais, Politica espanhola — 30 Setembro, 2014 at 7:55 p.m.

A suspensión do 9-N ateiga de xente as prazas de Catalunya

by
 ©CUPGirona
©CUPGirona

Houbo presa por amosar a unidade de Estado nunha resolución de suspensión da convocatoria de Artur Mas. Mas esa representación dos poderes ao servizo dun só poder político vén de ter unha resposta á súa altura. Nin a chuva que estes dias asulaga as rúas e “rieres” de Cataluña disuadiron os milleiros de persoas que sairon ao espazo público para criticar, mais unha vez, a decisión do Tribunal Constitucional. En Girona, máis de 4000 persoas na Plaça del Vi até ateigar as rúas da contorna e desabar no Pont de Pedra. O escritor Josep Maria Fonalleras leu o manifesto. Nunha das fachadas penduraba unha enorme pancarta co lema “Mossos pela independència”.  Outras 3000 persoas  en Lleida e ateigada tamén a praza de Sant Jaume de Barcelona. Máis tamén Figueres, Olot ou Banyoles inzaron as súas prazas de camisolas amarelas. En Tarragona o historiador Jaume Sobrequés foi o encargado de ler o manifesto, informa ARA. As mocións a prol do decreto do  9N xa foi votado por 900 concellos.

“La història es nostra i la fan els pobles”

A impotencia política do PP para arranxar poblemas cada vez é máis aguda. O único que se albisca é a utilización do caso catalán como único argumento da dereita española para gañar as vindeiras eleccións. A Pedro Sánchez acaba de sairlle unha boa chepa. Si, xa o sabíamos, o nacionalismo español non existe, o seu reaxir fai parte da natureza das cousas. Non son nacionalistas cando afirman o principio inalterabel e  indisolubel unidade da nación. Sáelles así de natural.

 Máis antidisturbios

O xornal Ara vén de informar que o Ministerio do Interior está a enviar  180 antidisturbios  da unidade de intervención policial (UIP) mobilizados dende Valladolid, A Coruña, Valencia e Oviedo, prevendo enviar máis até o 9 de novembro. Ainda non pasaron 24 h da suspensión e o goberno español envia antidisturbios a un territorio onde as competencias son exclusivas dos Mossos de Esquadra. A UIP só se utilizan nas fronteiras e para gardar edificios do Estado.  A demostración de forza é unha mostra indigna de exercer o poder e unha evidencia de debilidade política, de cerne funcionarial, que nada axuda a resolver políticamente o que non é un problema xurídico senón político. Como tecnócratas que xogan a facer política teñen  máis medo aos papeis asinados que á xente na rúa.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off