off
Política, Politica espanhola — 29 Setembro, 2014 at 11:14 a.m.

O que “atenta gravemente” os dereitos dos españois non é o 9N

by

O titular de onte de El Pais – máis propio de La Razón, do ABC ou do sempre imaxinativo El Mundo – foi para arrepiar. Viña dicir que o president de Catalunya deixaría en mans do rueiro o que aconteza a partires de agora, ignorando que xa son  843 concellos (de 946)  e a maioría de Consells Comarcals quen está a soerguer no territorio o proceso do 9N en Cataluña a máis das diferentes plataformas cidadáns que alentan este proceso dende o seu cerne.  Titulares moi dados ao uso verbal de  condicionais pouco solidos para artellar unha capa. Mais cómpre enxergar, porén, o que esta caste de titulares caricaturescos acubillan tras a letra. Explícabao moi ben Rafael Cid en Eleccións contra sufraxio. Ao cabo, o que ese titular contrapón é o  barullo sedicioso e adoutrinado da masa  (o que dende o 15M, Occupy Wall Street e a Primavera Àrabe, sen dúbida en contextos con raizames diferentes, se vén chamando a procura de emponderamento colectivo) fronte  o legalismo ideolóxico de quen perante un problema político se mostrou e teima en mostrarse incapaz de artellar proxecto ningún que non sexa o deseñado polo establishment da Transición a golpe de TC e de “cauces establecidos”, todos eles decantados á dereita. Madía leva, e como é que se chega ao ordenamento dun dereito fundamental? Pode un estado limitarse a respostar co só argumento da lei perante un conflicto político que lle plantexa un territorio relevante como Cataluña?  Haberá quen diga que o consenso catalán deixa fora a populares e socialistas. Certamente, o binomio de quen reparte avales democráticos elixindo os membros do TC e do Consello de Estado,  quen cernou o Estatut e non escoitou o malestar dos cataláns.

No medio dunha crise democrática sen precedentes  e sen autonomía financieira, Mariano Rajoy, vén de afirmar que  o decreto que convoca o referendum consultivo do 9N “atenta gravemente” os dereitos dos españois  logo de  “formalizar” os recursos ao TC que sentenciará a consulta do 9N en Cataluña antes do dia en cuestión. Especialista en entropia acrescentou: “A prioridade agora  é defender a Constitución”. O presidente español debeu esquecer que todos os poderes públicos están endebedados por culpa da crise e non ao revés; que o desemprego é o pior de toda Europa e España non dispón de autonomía significativa para tomar decisións en materia económica; que as políticas de auteridade que con entusiasmo aplica seica para procurar competencia, tivo como resultado a baixada de salarios sen que iso se reflicta na creación de novos postos de traballo. Mais non, para Rajoy, o 9N en Cataluña é máis grave que a precariedade, unha débeda que supera o 100% do PIB, soldos baixos e a cronificación da falta de traballo  que leva á pobreza e á crise humanitaria  os sectores sociais con menos recursos. Nun intre no que a economía española está intervida e no que as políticas neoliberais aplicadas polo PP con recortes de gasto público social nunca foron consultadas á cidadanía malia estar desmantelando o Estado do Benestar, resulta cínico en extremo que agora Rajoy espete que “a consulta do 9N é profundamente antidemocrática”. Repárese no sotaque agresivo de Pedro Sánchez (PSOE) a piques de quedar cautivo do PP. Encetou a súa declaración dicindo, nada máis e nada menos que “condeno la consulta”…como se fose un atentado. En fin…

En España a xustiza non é cega

É mesmo cousa de pasmo a celeridade que tén o goberno PP. Onte o Consello de Estado, hoxe o de ministros e mañá ou pasado mañá o TC.  Todos os poderes do estado son formidables cando se trata da abordaxe de certos problemas políticos territoriais. Os argumentos dos legalistas ideolóxicos escóitanse por todas partes non así as razóns dos outros. Esas pertencen ao barullo da rúa. Se todo ese pulo o aplicaran a sairmos da crise ou a defenderen os dereitos básicos, por exemplo, dos falantes de galego ou a carga de traballo dos asteleiros do naval, abofé que ían atopar solucións da mán do sempre solícito Feijoó aos chamados do Estado dende o estatutiño político que lle touco en gracia xestionar. Mais non, do que se trata é de  pescudar as fortalezas do proceso catalán para o debilitar. Na pétrea  mentalidade española pesan séculos de autoritarismo nos que votar, cando se puido, foi costume impostada das elites. Por iso non lles entra nos miolos que a xornalista galego-catalana Xulia Otero queira ter a oportunidade de votar ainda que a súa intención de voto sexa en contra da independencia porque emitir opinión atenta, disque, contra os dereitos dos españois.

O Tribunal Constitucional volverá ter protagonismo decisivo nos temas cataláns para amosar a dobre vara de medir, os xuizos de valor que tanto lle molestan a Felipe González os fallos da institución, a constitucionalidade selectiva que vén aplicando. Agora cun presidente militante do PP crítico co nacionalismo catalán.Todo previsibel.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off