off
Cedeira, Política local — 24 Setembro, 2014 at 5:38 p.m.

As cartas viradas para arriba

by

Ollaparo_plenocedeiraEste derradeiro pleno municipal do 24 de setembro de 2014 serviu para amosar ou para poñeer en claro varias actitudes políticas, por outra parte en maior ou menor escala, sempre presentes na política municipal cedeiresa nesta lexislatura.

Por una parte, é latente a relativa proximidade das vindeiras eleccións municipais e como se define o xogo político que hai detrás de cada grupo con representación municipal; hoxe, o do PSOE, foi definitorio, E por outra, seguimos asistindo ao desgoberno, despilfarro e arbitrariedade do goberno municipal popular.

Así, o único punto da orde do día neste pleno do 24-09-2014, era a proposta da alcaldía para o levantamento do reparo para a instalación dun servizo público de bicicletas na nosa Vila, punto aprobado pola maioría absoluta do PP e que contou cos votos en contra tanto do PSOE como nosos, do BNG. O noso argumento para o voto en contra baseouse en que non se pode presentar un proxecto para a súa aprobación polo pleno con tantas deficiencias económicas como este. Non se prevé orzamento para o mantemento do mesmo, vanse invertir ou pode que “tirar” 25.000 € só en facer instalacións para un servizo de bicis que ademais tampouco conta cunha ordenanza municipal que o regule. En fin, máis do mesmo, acaban de gastarse case 60.000 € no acondicionamento do paseo fluvial da Xunqueira e o río cheo de fecais…

A xestión deste goberno municipal popular caracterízase precisamente pola súa incapacidade á hora de establecer prioridades, dende que comezou esta lexislatura a directriz dos populares é o “preciosismo” e a apariencia, gastan e gastan cartos públicos en intentar que luzamos fachada e son inexistentes os recursos destinados ao realmente importante. En saneamento sen ir máis lonxe non fixeron absolutamente nada, é máis incluso negan a realidade, e que dicir dos servizos sociais, non existe un plan de emerxencia social, e deléganse en Cáritas as funcións que calquera Concello debería prestar aos seus veciños.

A xestión deste goberno municipal popular caracterízase precisamente pola súa incapacidade á hora de establecer prioridades, dende que comezou esta lexislatura a directriz dos populares é o “preciosismo” e a apariencia, gastan e gastan cartos públicos en intentar que luzamos fachada e son inexistentes os recursos destinados ao realmente importante.

Ademais deste punto, o BNG presentamos pola vía de urxencia dúas mocións, unha contra a reforma da lei electoral para a elección directa de alcaldes e outra xunto con Anova e Esquerda Unida relativa á contaminación por fecais do río Condomiñas. E aí realmente comezou o “espectáculo”, por un lado nos bancos do PP non se aclaraban en si votar ou non a urxencia das nosas mocións e o PSOE aproveitou para intentar desacreditarnos como xa ten feito noutros plenos.

Así, unha vez exposta a nosa primeira moción, a intervención do portavoz municipal do PSOE foi na liña de que se ían a abster porque o seu partido xa tiña asinado un acordo co PP para a retirada da lei, e manifestou ademais que eles non eran partidarios de levar aos plenos temas que non foran relativos á política local. A nosa resposta foi evidente e moi simple, a elección de alcaldes ou alcaldesas de forma directa afecta á política local, a proposta da lei electoral aínda non foi retirada por moito acordo entre o PSOE e o PP que ademais como grupos políticos maioritarios que son poden non ter interés en que se retire, e nós entendemos os plenos como un espazo de debate no que todos os grupos políticos alí representados somos moi libres de presentar as iniciativas que consideremos. Non é a primeira vez que o portavoz municipal do PSOE utiliza estes argumentos para intentar desacreditar ao BNG, pero en todo caso o exemplo deste pleno amosa perfectamente o xeito de actuar dos “grandes partidos”cando pensan que algo pode ir en contra dos seus intereses.

Con respecto á segunda moción, na que expoñíamos o resultado das análises que Anova, BNG e EU encargou a un laboratorio privado para ter datos reais sobre a calidade da auga, o señor alcalde acusounos de politizar, nos plenos temos representación grupos políticos e a nosa obriga e facer política. Os Concellos, gobernados por grupos políticos teñen a obriga de facer política de xeito que garantan aos seus habitantes a mellor calidade de vida posible, pero a concepción do PP non debe ser esta, non sabemos que entenden eles por política, e porque teñen ese empeño en dotar á palabra dun contido pexorativo. Será que cando se lles dan razóns fundamentadas do nula que está a ser a súa acción de goberno, o seu único argumento en vez de buscar solucións e tildar as críticas como “politizadas”.

E que dicir da intervención do portavoz do PSOE con respecto a esta moción, apoiouna, como ao meu parecer, intentando facernos un favor e manifestou que si tiveramos contado co seu grupo para elaborala a moción proporía puntos de acordo moito máis concretos ca nosa. A este respecto que cada un interprete o que queira, ao mellor cada vez que o BNG decidimos levar algún tema ao pleno teríamos que pedirlle permiso e bendicións tanto ao PSOE como ao PP.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off