off
Cedeira, Cooperativismo, Mar e Pesca, Política local — 20 Setembro, 2014 at 9:24 a.m.

Exaltación non produtiva do percebe

by

Ollaparo_lonxanova_2013-07-22 20.10.18O Grupo Acción Costeira Mariña-Ortegal (GAC) vén de conceder na convocatoria de marzo case 100.000 euros  para financiar proxectos en Ortigueira, Mañón, Valdoviño e Cedeira. Se algo chama atención dos proxectos presentados por Cedeira nas últimas convocatorias  é o seu caracter non-produtivo.

Pois ben, o GAC vén de conceder un orzamento total de 38.653,33 €  dos que 28.750,39 € corresponden a unha subvención FEP, mais outra do MARM  e da administración autonómica (74,38 % sobre o total) a un proxecto presentado polo Concello de Cedeira  e denominado “I Exaltación del Percebe de Cedeira” e que tamén aparece inserido na categoria non-produtiva.

Entre as  xeneralidades inespecíficas, ainda que moi ambiciosas,do proxecto que  transcribimos en galego (xa que o web malia dar opción en galego o resultato non é tal) di ter o obxectivo de “fomentar o turismo mariñeiro e suscitar un interese pola tradición e cultura galega (o idioma do país, repetimos, non debe facer parte da tradición e cultura galega do presente) , a través da realización dun evento turístico-gastronómico; concienciar aos cidadáns da importancia do patrimonio cultural, gastronómico, etnográfico e mariñeiro existente na comarca; dotar de elementos de calidade ao evento gastronómico, repercutindo así de forma positiva na imaxe do produto e no territorio; dinamizar o sector marítimo-pesqueiro e valorar e recoñecer socialmente o labor deste colectivo; enxalzar o percebe de Cedeira, tanto a nivel gastronómico como cultural”. Das actividades que quer desenvolver, para alén das redundancias, visa organizar o propio evento e a contratación de Asistencia Técnica,  o deseño e elaboración do material publicitario, a promoción nos medios e o desenvolvemento de actividades como a propia xornada de exaltación do percebe de Cedeira, obradoiros mariñeiros para nenos, showcooking con receitas elaboradas con percebe de Cedeira, cursos de cociña de mercado, degustacións gastronómica.

Até aquí a prosa. Porque agora vén a ficción.Das prioridades e obxectivos do Plan Estratéxico do Grupo Acción Costeira  ás que di responder este proxecto  está a “diversificación e afortalamento da economía nas zonas pesqueiras”; no eixo temático, engadir valor aos produtos pesqueiros; turismo (que inclue a pesca-turismo, turismo mariñeiro,etc) patrimonio, cultura e deportes; no eixo das prioridades do Plano Estratéxico Nacional dol Fondo Europeo de Pesca ás que responde o proxecto: manter a prosperidade económicae  social das áreas e revalorizar os productos da pesca e a acuicultura; e, finalmente,  nas estratexias do Plan Estratéxico Nacional do Fondo Europeo de Pesca o proxecto de Exaltación di responder á promoción do asociacionismo e o cooperativismo .

Non se vaian todavia, que ainda hai máis!. O GAC tén indicadores onde encaixar o proxectos presentados e aprovados: indicadores ambientais e indicadores horizontais.
Indicadores ambientais
 O proxecto está localizado especificamente nunha reserva de pesca:
Non
O proxecto está localizado nun espazo protexido (distinto ás reservas de pesca):
Non
O proxecto está dirixido a protexer o medio ambiente:
Non
O proxecto enmárcase nunha Axenda Local 21:
Non
O proxecto inclúe cursos de formación en temas ambientais:
Non
 Indicadores horizontais.
 Emprego:
O proxecto é neutro desde o punto de vista do emprego
Igualdade de Oportunidades:
O proxecto é neutro respecto da igualdade de oportunidades de homes e mulleres.
Medio:
O proxecto é neutro desde o punto de vista ambiental.
 

Política-ornamento

En plena sociedade da información e do coñecemento, cando ainda está por facer a reconversión dos colectivos profesionais cara a súa sectorialización  a través do cooperativismo, é mesmo un despropósito ( que non se detén en deturpar o sentido das palabras) que unha festa dirixida a “exaltar” un produto do mar de seu único, se alicerce aparentemente en contentar as necesidades lúdico-grastronómicas dun inespecífico visitante  sen mentar nin mencionar aos percebeiros e á confraría de pescadores e mariscadores nin garantir a orixe extractiva do produto. Noutras palabras, que se faga pasar como tendo a prioridade de fomentar  o cooperatismo. Isto non é máis que pagar acólitos.  Coas municipais á volta, trátase de festexar por festexar, para afectación de despistados e imprudentes.
Todo apunta a unha única orientación lúdica, acorde coa política-ornamento do PP. Adicar cartos públicos a ese único propósito pon unha vez máis de relevo a tensión existente entre unha realidade productiva e outra residencial. O goberno do PP non ten máis obxectivo que perpetuarse a costa dos orzamentos públicos. Este caso serve de exemplo de como un sector productivo só é atentido baixo o cualificativo santurrón e exaxerado de “exaltación” cando no trasfondo hai unha crecente perda de protagonismo e  desmedro das actividades extractivas artesanais, do cuidado e viabiliade dos ecosistemas e das actividades industriais asociadas fronte a aquelas vencellas aos servizos, sendo precisamente o grupo gobernante e algúns sectores sociais ligados a eses servizos quen xeraron e avalaron as agresivas políticas urbanísticas e os profundos impactos na contorna por tratarse de sectores vinculados ou beneficiados pola la expansión inmobiliaria e non non tanto os derivados dos sectores pesqueiro e marisqueiro e dos usos agrícolas tradicionais da terra. Unha visión que nunca foi cabalmente medida e que hoxe, en plena crise macroeconómica, con efectos locais de todos coñecidos- nomeadamente na construcción,  na pesca artesanal e nos usos productivos sustentables do agro- resulta nídiamente  perxudicial.
Certo é que na contorna non todo son festas: o Barqueiro adicará  as axudas do GAC  para mellorar as condicións de traballo das mariscadoras, a conserveira Mar de Ardora de Ortiguera para crear unha liña de negocio de algas deshidratadas e en Valdoviño para a creación dunha empresa de actividades náuticas. Dos catro proxectos financiados na contorna só o de Cedeira non é produtivo. Mas non é a única vez. Os últimos, tal e como ainda se  poden consultar no web do GAC, foi o “Estudo del potencial de comercialización da Cofradía de Pescadores de Cedeira”(2009)  e “Trazapeixe”: sistema de posta en valor dos produtos de lonxa da Confraría  de Pescadores  de Cedeira e da RMIP Ría de Cedeira” (2011) tamén eran de natureza non-produtiva. De que serve a exaltación pola exaltación? Luminarias.
Entanto o Concello de Cedeira solicita cartos para festexar- coa só esperanza de atraer visitantes dou dias-  os indicadores ambientais e horizontais son elocuentes: o proxecto de “Exaltación” é un fogo fátuo que di non estar localizado nunha reserva de pesca ( desapareceu a Reserva Mariña de Interés Pesqueiro Ria de Cedeira?), nin visa sensibilizar na protección do medio ambiente  através de formación en temas ambientais e sostenibilidade dos ecosistemas extractivos. Neutro para o emprego, neutro para igualdade de oportunidades, neutro dende o punto de vista ambiental. Noutras palabras, un bluff que non ten en conta a ninguén. O Concello de Cedeira teima en externalizar unha festa gastronómica agora con produto alleo ao que se ten que exaltar. Onde non van gañar un peso os percebeiros da vila, que tamén quedan alleos ao evento, ademáis da hostelería local. É como o andazo das feiras medievais que tanto está en Monforte de Lemos, como en Betanzos como en Cedeira. Todo moi neutro. Todo moi PP.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off