off
Cinema, Fin de semana — 5 Setembro, 2014 at 4:03 p.m.

Chanfaina.Lab e o movimento que non cesa

by

Sexa no Baixo Miño, a Terrachá  ou na comarca da Mariña, durante os meses de xullo e agosto, Galiza semella un dos lugares do mundo con máis festas por metro cadrado, tamén de música folk e e os diversos ismos do pop-rock. Para sermos un pobo tan musical os festivais de jazz e clásica, porén, están desaparecidos. Mas nos últimos anos foron agromando festivais de cinema de suceso en  Cans,   Cartelle (o Festival do Carlos Velo), Celanova ou  Riós.  O último destes festivais, o Chanfaina.Lab de Sansadurniño, vén demostrar que no rural hai movimento constante. Borboriñan as ideas, o rural é. No seu ventre acubillará esta fin de semana o audivisual galego:  Alfonso Zarauz, Alberte Pagán, Ángel Santos Touza,  Ánxela Caramés, Beli Martínez, Felipe Lage, Guillermo Arias-Carbajal, Jaiona Camborda, Xacio Baño, Xan Lesta,  Belén Montero, Marcos Nine, Otto Roca, Pablo Portero, Sonia Méndez, Víctor Hugo Seoane e Xosé Manuel Sande.

A afluencia destes festivais din moito da cultura do país que acubilla aquén do oficialismo. As aspiracións sociais da xente das vilas e do rural latexan envoltas de cultura entanto pensamos que a vida a enmarca a economía e o oficialismo. Certo que moitos medios están de costas ao país, dándolle máis pulo a quen destrue ou muxe na ubre do famoseo e non a quen crea.  Velaí as páxinas de “Ocio y cultura” de medios debruzados no colo da negación. Que cinema e que música ve e escoita esta xente?. Se cadrar, relaxaría moito irmos esta fin de semana a San Sadurniño e nos fornecer dunha ollada própria sobre o país. Non hai nada máis alternativo nos tempos que corren. Os participantes terán de crear  unha peza de entre 3 e 5 minutos de duración. Os novísimos do audiovisual levaran ao movimento constante do celuloide a vida de San Sadurniño. Mas haberá que agardar ao Nadal para poder  ver todo o material do Chanfaina.Lab. Na altura, poderanse visionar e debater as curtas realizadas, accesibeis tamén no web do concello e nas redes sociais.

p>

 Ao mellor tamén che intersa:

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off