off
Cedeira, Meio ambiente, Política local — 30 Agosto, 2014 at 7:02 a.m.

O goberno “popular” de Cedeira segue desbaratando recursos coa conivencia da deputación da Coruña

by

Costará 132.000 euros financiados polo Plan de Obras e  Servicios da Deputación de A Coruña. Logo de varios meses xustificando na prensa as bondades da reforma prevista polo goberno de Luís Rubido e Alfredo Vilela “Santos” no parque do Floreal, agora tamén se xustifica disque polas “decenas de negocios situados en los bajos de los inmuebles con soportales” (Diario Ferrol). Non debemos saber contar.

Saltan á vista moitas cousas. Entre outras, o exacerbado continuismo dos Rubido-Vilela coas políticas caprichosas de Leopoldo Rubido alentados por esa administración paralela que é a Deputación (é cousa de pasmo que esta herdanza da España uniformizadora e caciquil teña sobrevivido, malia a súa elevadísima débeda financieira, ás autonomías e as reivindicacións nacionais) tan dada ela a duplicar ou ben ultrapasar as funcións básicas de soporte técnico e económico aos concellos. Son as deputacións institucións descoñecidas pola cidadanía das que se ignora a súa función no preciso contexto autonómico e o seu modo de elección.

[wzslider autoplay=”true”]

O caso é que logo de pasaren toda a lexislatura paralizados perante os problemas reais da cidadanía, o verán e a proximidade electoral sacounos do letargo e entroulles, como cada ano, un andazo de esbanxamento que os leva a meter os cartos públicos en todo aquilo que é prescindibel, se por imprescindibel consideramos, madía-leva, o saneamento definitivo das augas cando se fai evidente que está lonxe de terse solucionado, e o apoio á economía productiva,  nun momento de altisimo desemprego e recortes en políticas sociais alentados polo seu propio partido, o PP,  en todas as administracións. Agás, claro é, cando se debruza na percepción que a “función” repartidora de recursos poida beneficiar aos “nosos”. Son uns profesionais e xa lles vai ben que os cidadáns sexan consumidores, tamén na política; maior desinterés de xeracións que foron alentadas a ocuparse só das súas propias necesidades peterpanescas; non debería sorprendernos porén a diminución progresiva da participación cívica.

O labirinto das Deputacións

Isto non é cooperación dunha administración multinivel senón unha coordinación de partido que só se xustifica dende o punto de vista dos seus intereses e o dun poder de imposición unilateral alicerzado na recentralización e contra-poder autonómico. O labirinto de fondo, nos bastidores,   desenvólvse aquel escenario debullado por Von Beyme no que  a sociedade  se torna colonizada polo Estado de partidos, e a inversa, cando a colonización da sociedade sobre a administración pública tén como resultado os coñecidos fenómenos da corrupción  e o clientelismo. Mais a ética vai alén do dereito e ten moito que ver co traballo ben feito e coa calidade e eficacia interna na prestacións de servizos.

Moitas administracións locais funcionan coa mentalidade de novo rico nun contexto que o propicia: a falta dunha planificación comarcal na que o posibel efecto benéfico dos investimentos sobre o territorio veñan dados polas necesidades racionais e non por un esquema clientelar no que as deputacións desenvolven políticas que non lles corresponden. A falta dun único plan de obras e servizos aprobado polo Parlamento de Galiza coa participación de concellos e entes comarcais leva a termos que padecer catro plans provinciais sen exame consultivo previo e nos que se impón a vontade do partido dominante na Deputación en función dos seus intereses partidarios. Ao cabo, os investimentos da Deputación da Coruña non resposta a necesidades racionais furtándolle á cidadanía a posibilidade de participar na execución dos orzamentos, ese mecanismo de democracia directa á que son tan refractarios os dous de sempre.

A política do accesorio

En setembro de 2013, foron  52.000 euros do Fondo de Desenvolvimento Local  para nun merendeiro innecesario en San Fiz de Esteiro e xa están anunciando que a malpocada Sala Áncora -outro arranxiño de Leopoldo Rubido- será reformada para acoller un  centro  de xuventude (outros 50.000 euros) cando ficou sabido e patente logo do traslado do centro de maiores a un local privado que hai que pagar cada mes,  que Cedeira dispón de espazos infrautilizados no edificio do Auditorio.

Durante o verán, en aberta desatención do que é imprecindibel,  nada fixeran coa estación de bombeo mentras ía deitando bolas de graxa e restos fecais ao rio e a praia, o que contrasta coa celeridade  que agora poñen en levantar as varandas no pozo redondo, no paseo que leva á Depuradora, e en construir unha alboio destinado a emprazar piragüas  ou, en fin,   “arranxar” o Parque Floreal ao “módico prezo” de 132.000 euros. Non se está a pedir o imposibel, senón o posibel (e isto si que é dificil, e o que é realmente importante). Escoiten a Somos Cedeira, pregunten á cidadanía.

A todo o anterior cómpre engadir o reiterado recordo de que desbaratar agora recursos ao non aproveitalos debidamente no que é necesario, o déficil democrático   e  a falta de programación, execución e avaliación das política públicas que se están a aplicar hoxe, han ter un custo futuro nada despreciabel.

Ao mellor tamén che interesa:

132.707,17 € en xardíns, 0 € en economía productiva

O Concello de Cedeira camiño de se convertir nunha axencia inmobiliaria

Cedeira máis que “billa, barandilla”

O ‘pobo precioso’ precisa ser humanizado

Un dos nosos

One Comment

  1. Pablo César Galdo Regueiro

    Mádia levou!

    O que não acabo de ver é a estrutura e funcionamento da rede Deputação-Concelho-empresas. Falando em termos de presunção, de existir malversação, aonde vai o dinheiro? Existem, presuntamente, outros interesses?
    Aparentemente, os Rubido e a sua real corte não se lucraram. Polo menos não há ostentação. Então, vai todo, presuntamente, para alguns empresários?

    Normalmente, quando há uma série de licitações absurdas, para fazer cousas que os vizinhos não demandam e não servem para corrigir eivas estruturais de primeira ordem, o tinglado vê-se de longe. Neste caso poido intuir algumas conexões, mas não vejo com claridade a suposta trama de corrupção.

    Alguém, desde a presunção, pode dar luz?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off