off
Economía, Europa, Galiza, Politica espanhola, Traballo — 25 Agosto, 2014 at 4:56 p.m.

O santo dos recortes e as desigualdades

by

 E velaquí ao incondicional Rajoy en Compostela -co apóstolo castrado  fitando dende acima- dando mostras de que o exceso de celo na defensa do novo amo dá os seus froitos: xa ten o apoio preliminar de Merkel á candidatura de Guindos (o santo de Lehman Brothers) á presidencia do Eurogrupo e a promesa de non atrancar a do imaculado Cañete. Outro devoto peón ao servizo do euro e das políticas neoliberais é o noso Feijoó que afirmou (este é muito santo)  que  ainda non é tempo de “acabar coas políticas de austeridade” . Todo a cambio dunha alianza a favor dos  recortes estructurais e da austeridade ficasl, premiando os recortes do PP agora ca locomotora europea perde fol. Merkel e Rajoy, sozinhos no agro galego entre eucalitos e carballos (maxinamos a tensión psicosexual: cando din “austeridade” cecais estaban a pensar en algo máis pervertido). Cando a realidade era ben máis voyeur: escenificación fotográfica entre flashes, xornalistas e acompañantes e simulacro  entre quen non partillan aparentemente idioma ningún agás ideoloxía e vasalaxe. Na verdadeira lingua franca: capitalismo sen reviravoltas. Compricidade na austeridade que apartires de agora chamarán de “contención”. Empregan esas palabras, austeridade, acordo, lóxica, cuestionable, probable, dubidoso, disparate…  para describiren accións que terán impacto directo na xente, a fin de abstraerse a elas, convertelas en  obxectos.  Como si fose un partido de futbol. Ao cabo, “a violencia verbal- dí Zizek- é o recurso final de toda violencia humana específica”. Eís a violenta prosodia do capitalismo na sua fórmula neoliberal.Velaí a recente aprobación do  Trade in Services Agreement (TISA)   que  mália a crise financiera 2007-08 vén de limitar máis a posibel regulación dos servizos financieiros. Un arcordo do comercio internacional que serve  eficazmente de miolo legal para a reestructuración dos mercados mundiais. Asinouse en segredo e sen que que os medios de comunicación reflectiran o alí acordado, agás Wikileaks que en xuño revelou o texto do acordo onde se establecen normas que axuden á expansión das multinacionais financieiras noutros territorios e nacións mediante a prevención das barreiras regulatorias. Quer dicer, prohibe máis regulamento dos servizos financieiros. Neste contexto, Merkel e Rajoy abrazaron o o santo que nos leva polo camiño da recuperación…financieira.

En clave interna, como favor estival aos servizos emprestados, a chanceler  celebrou a lóxica do lider popular en contra da consulta o 9N en Cataluña, se ben non manifestou en ningún momento que se opuxera á consulta. O caso é que  Alemania decidiu facer de contrapeso bucólico, débole,  no sur de Europa (cando todo semellaba que sería Francia quen liderara a viraxe, a aparente desavinza dos críticos coa austeridade na Francia xa tivo a contundente resposta de Hollande-Valls forzando a demisión do goberno e poñendo a un liberal no ministerio de Economía)  tanta é a devoción que atopa nestes lares, en contraste co contrapeso forte na fronte rusa e respeito a Ucraína e a outros paises exsoviéticos. No que vai de ano as maiores economías europeas recuaron en  termos de crecemento económico. Da contracción alemana do -0,2 %  á recesión italiana, pasando pola taxa francesa de crecemento cero. Semella que se está a cronificar ese debalo.

Acontece que o presidente do BCE, Mario Draghi, vén de admitir  que sen un cambio de rumbo hai risco que medre o desemprego estructural.  A dura receita de “austeridade” que se ten aplicado na Europa os últimos anos semella facer dubidar a un dos seus principais valedores. Para o presidente do Banco Central Europeo a cohesión a longo prazo da zona euro depende de facto que cada país teña un nivel de ocupación alto. No entanto, Rajoy e Feijoó teiman vicariamente en seguir aplicando medidas que fan do estado español o máis desigual de Europa, aumentando a pauperización e precarización laboral.  

Con estas pezas  non hai posibilidade de crear estructuras  políticas  supraestatais de abaixo acima. Agora, máis ca nunca, percébese que a UE artellouse a partires dun deseño con alicerzes neoliberais,  propicio ao expansionismo do capital e á competitividade. No canto de alicerzar sobre a igualdade e a distribución de recursos xera precariedade e exclusión. É por iso que a crise toda caia sobre os traballadores e non sobre as empresas do Ibex.  Ademáis de constituir unha ameaza para a democracia ( o 1% máis rico da sociedade é unha minoría que  ben podería mercar as vontades de partidos políticos e intelectuais tal e como teñen amosado Krugman e Stiglitz, e senón que lle pregunten a Mario Vargas Llosa e a outros subordinados). Podemos ter un capitalismo sen supersiareiros? Por suposto que non! O abrazo ao santo, unha acción ben interesante cando se considera a intersección entre política e finanzas, un bo símbolo para representar o liberalismo serodio.  A lei do diñeiro e os seus mandamentos. O  mundo liberal que nos preparan, que nos fan retroceder aos mitos e relixións. Un abrazo para nada. Que é o que queda da arela civilizacional do  “vello continente”? Que queda da grande achega europea  ao imaxinario político colectivo? Pódese seguir mantendo unha inxenua confianza  no valor do capitalismo liberal-democrático europeo?

Dicía Thomas Jefferson que a democracia é incompatibel co grau de concentración de riquezas na Europa no preciso intre da revolución americana. O mesmo que hoxe acontece nos EUA e na propia Alemania. Un proceso de concentración de riqueza nas máns dos moi ricos que economistas como Picketty consideran perigoso e que sen dúbida se está a dar en España e noutros paises do occidente. A desigualdade ésta na orixe, entre outras insuficiencias da sociedade, da morbilidade e do aumento da poboación reclusa. A propia OCDE infórmanos que no paises con alta desigualdade  os fillos dos pobres tenden a ser pobres. As disparidades de orixe xeran disparidade: os pobres tenden a seren pobres e os ricos seren ricos. E os santos…sempre acaban por proxectar os medos en angueiras interiores en política exterior.Cal é o truco? Expoñen a mesma mascarada como repetición, a mesma merda de sempre.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off