off
Ensaio, Literatura, Opinião, Poesía — 14 Agosto, 2014 at 1:02 p.m.

Carlos Oroza o poeta pasapalabra

by

Ollaparo_oroza

Aos 81 anos (nalguna biografía pon 91, ainda que semellante lonxevidade confúndeme), formalmente Carlos Oroza Hernández segue a ser un poeta inédito. O seu nome non figura nin no Diccionario de Escritores en Lingua Galega de Ediciós Do Castro nin na polupar Biblioteca 120 Galega da Voz de Galicia (por certo, unha nódoa en tan sonoro castelán que denuncia o seu ascendente centralista), ainda que si no tomo “Gallegos. Quién es quién en Galicia en los 90”, publicado por El Correo Gallego. E é lóxico que asín sexa. Ainda que nado en Viveiro (Lugo) pasou grande da súa vida co petate ao lombo de lado a lado. Sobre todo porque apenas tén obra escrita no seu idioma natal…ni en ningún. Ten sido un fecundísimo  poeta ágrafo.

De aí esa clandestinidade que ten constituido unha constante da súa traxectorica. Enxérguese ben. Non digo que sexa un  “autor incognito”, como sabemos de Traven, o creador de El Tesoro de Sierra Madre, nin que teña  borrado a mantenta as súas pegadas, como o Salinger de O vixía no centeo. O de Oroza e máis atípico. É un ilustre descoñocido porque a súa obra sobre todo é oral, recitada, non escrita e moito menos aínda publicada. A súa tradicional fobia ao libro(“ese cemiterio de signos”) fixo que o seu nome, como acontecía coa China de Mao, agochara durante décadas un misterio embalado nun enigma. E así fecundou o mito Oroza.

O Carlos Oroza, grandísimo bardo, que eu coñecín levantaba paixóns entre os rapaces indignados que loitaban e verbalizaban contra o franquismo a finais da década dos sesenta. Como o mítico concerto do Raimon na Facultade de Políticas e Económicas de Madrid, a voz  xeremiaca do galego que nunca exerceu de todo era a traca coa que se cociñaban algúns cócteles molotov adicados aos “grises” e as  súas “lecheras” (os antidisturbios da época). Místico, nugallán, famélico, colgao, hermético, aquel Oroza de todos os zafarranchos pertencía á estirpe incendiaria e cabalística dos Dylan Thomas, os Whitman, os Rimbaud, ou do noso inclasificabel Leopoldo María Panero (meto en el mismo saco a Eduardo Haro Ibars), alma xemea coa que partilla unha mesma faciana de ave de presa de desexar, ainda de perfil é a esfice cravada do febril  Cesar Vallejo. En Nova York concedéronlle o Premio Internacional de Poesía Underground, tan heterodoxo  o consideraban. Maldito entre os malditos (daquela non había sida, só fame e LSD de garrafa), ainda que ás veces  aparecía pola pasarela do castizo Café Gijón para épater le bourgeois e, segundo a lenda, deixarse agasallar por algunha marquesa viciosiña e  transgresora, o máis (sub)urbano de todos os poetas, o vate do campus da vila e corte (na altura só había unha universidade case empotrada na cidade), deixou na nosa precoz memoria algúns dos episodios que marcaron aqueles anos de mortal aburrimento , hostias e pesadelo con que o inquilino de  El Pardo engoliu varias xeracións.

Cerbatanas contra o innomeabel e os seus inquisidores, esas eran as súas nobres armas.  Como o célebre poema sobre José Antonio Primo de Rivera que enarbolaba iracundo ante os estudantes entregados (“Los hijos de Juan Ramón Cireda S.A. / mataron al padre a puñetazos y lo vistieron de payaso /Las hienas lo hubieran devorado / pero la ley tiene un servil descaro y lo metió en el tren de la ternura / Lo unieron al paso de los otros”). Un “caralsol” á  remanguillé que xunto ao  “Diguem no” achegou como un andazo á educación política, etílica e sentimental do mellor daquela universidade castizamente do 68.  Oroza estaba no “el Incide” e ese morbo non tiña prezo. Sí, Carlos Oroza era un poeta de ouvir dicer, de oidas. E de boca a orella. Rumiado e copiado. Cando se tivo a sorte de velo en acción, os “novísimos” semellaban os nenos cantores de Viena. Aquel líder da chusma non  facia concesións ao seu fideis. Ou o escoitabas ao vivo, do productor ao consumidor, ou ficabas sen coñecer o que era a contaxiosa ledicia da subversión. Nunca, ninguén, nalgures foi quen de amosar un libro-libro cos seus versos.  Porén,  todo o mundo sabía algunha das súas estrofas. Un poeta oral, un bardo, que devolvía as palabras o valor esencial e elemental con que foran paridas. No principio foi o verbo e iso sementou vida.  Ao cabo,  o primeiro de todos os filósofos, Sócrates, endexamais escribiu unha só liña, o seu legado ainda nos perturba. E como lembra Lewis Mumford en Técnica y civilización, Platón, o seu renegado alumno, “definiiu os límites do tamaño dunha cidade como o número de persoas que podían ouvir a voz dun só orador”.     Aproveitando que o Miño non é o Bidasoa, ainda que ambos e dous regan dúas comunidades de língua afastadas polo artefacto Estado, semella acaída unha reflexión sobre contidos e continentes, significantes e significados, no ámbito do coñecemento.

O paso da tradición oral á escrita,  e  desta ao prelo,  representou unha mudanza de paradigma tan contundente que se podería asimilar á democracia directa (na sua gloria orixe ateniense foi totalmente oral) á chamada representativa. A primeira, que tanto cultivou Oroza, era popular e inclusiva. A segunda foi elitista por estar monopolizada na súas orixes pola clase monacal ( un aceno á democracia censitaria) e hogano oficia de selecteiva por precisar de certa bagaxe instrumental  (desde as catro regras aos arcanos da informática) para excercela.

Mas realmente a cousa mais importante en toda esa xornada é o contido, e o continxente apenas as embalaxes que cada quenda publicita. Este proceso cognitivo que nos leva da intelixencia analítica ao dixital, substantializa o que se di (shaware) e o relativiza co que se di (hardware). De aí que recelen os  poderes da recuperación da memoria histórica, que é unha mestura de experiencia sulfúrica do  individuo (memoria) e a colectiva (a historia). Aínda que é claro que a tecnoloxía posibilitou a comunicación e escala de masa (outro ingrediente común coa democracia representativa) ben por riba da capacidade de voz que identifica a cultura de proximidade. Todo iso nunha ferramentas innovadoras exponenciais e salto metonímico á guerra en nome da paz. Mas cómpre voltar onde  acostumabamos. Ao poeta da palabra na boca.

Decantado o  fascio aos flamantes odres da transición, os novos tempos veñen  e da súa man os cazatalentos, os editores, a publicidade, a imprensa, os premios a tanto a mada e os axentes  literarios. E cando ainda zoaban ecos das arengas que o bohemio Oroza lanzaba en aulas, garitos, comisarías e casas de mala reputación, desde o seu plácido exilio vigués, o poeta da “Comuna de la Complutense” vai e anuncia a publicación de Évame, as súas  “obras completas”. A última pinga. Finito. Xa non hai tolos. Abondará ir a El Corte Inglés e pedir “dos Oroza con adicatoria para agasallar”. Unha putada para o hacker do sistema que  cifrara os libros como “cemiterios de signos”.
A carne é feble. Mesmo o grande gran Jorge Oteiza, ese xenial energúmeno martelo de meapilas que canta o non menos indispensabel  Mikel Laboa,  metou a pata. Vello e por non incomodar, aceptou unha homenaxe oficial . Mas si, recoñeceuno, e ao seu xeito pediu desculpas  antes de sair pola tanxente: “toda unha vida de magníficas derrotas, para ao final  fodela cun premio de merda”.

De saudade tamén se vive.

One Comment

  1. Solamente darte las gracias por recordar tan “de puta madre” a tan querido como solapado amigo.
    Palabras las tuyas, que ponen voz a la sincera consideración hacia uno de los mas importante paisanos que tengo el gusto de conocer.
    Y hacerlo acompañar de Eduardo Haro Ibars y de Oteiza, no deja lugar a dudas, de los vasos comunicantes que nos embriagan.
    Resumiendo, un abrazo.

Deixa unha resposta a karlottiCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off