off
Opinião, Pensamento — 6 Agosto, 2014 at 12:25 p.m.

Eloxio do can de palleiro

by

Na aldea galega onde acobillo sempre que podo, a expresión “can de palleiro” designa unha raza autóctona de cans que se caracteriza pola cor palliza do seu pelo. O vello can de palleiro galego. O termo, ainda co seu bocado de analoxía clasista, emprégase para sinalar aqueles rapaces que deambulan en compaña canina polos numerosos concertos que hai nesta zona durante o verán. Hippies doutrora con estética e os valores de hogano. Certame que se preze, e sobre todo se a acampada é de balde e os actuantes gorentan do aval antifa, teñen con certeza ao can de palleiro nas súas filas.

Quen non  experimentado a tenrura de ver nas súas rúas a eses rapaces e rapaces tocando a frauta ou facendo malabarismos por unha presa de moedas no seu colo onde repousan animais de mestiza casta?   Certo é que non é socialmente correcto e cada vez son máis os concellos que poñen atrancos a esa pacífica insurxencia. É o que aconteceu este ano na fermosa vila de Ortigueira, berce dun clásico e veterano Festival do Mundo Celta que desde hai moitos anos se celebra con base na inmensa praia de Morouzos e entre  vastísimos pinares. Na vila, a presión cidadá e a coacción municipal ( vaites ti a saber quen guinda a primeira pedra!) impediron que o can de palleiro e o seu séquito vivaquearan por parques e xardins. Por tanto  (gaivotas en terra, mariñeiros á merda), o certame padeceuno. Ortigueira XXX edición, segundo denunciaron no cenario da Praza da Quintana de Santiago a noite do 25 de xullo Kepa Junquera, Luis Tosar e Carlos Blanco, entre outros axitadores culturais cuxos nomes lamento ter esquecido, deu no miolo. Menos xente, menos animación, menos vida e  máis burocracia. Normal. É o que adoita acontecer cando as autoridades teiman en facernos felices planificando as nosas necesidades como parques temáticos ao son dos seus intereses. Menos mal que ainda nos queda Portugal e outros encontros lúdicos que toman o relevo. Como o que se fai a poucos quilómetros e  datas do de Ortigueira, o  Resurrection Fest, en  Viveiro (Lugo), onde a irmandade do can de palleiro non semella propiciar tantas gargalladas, en parte porque o público do rock duro, como na canción de moda, ten un sabor especial.

…as autoridades teiman en facernos felices planificando as nosas necesidades como parques temáticos ao son dos seus intereses

Mas compre non perdelo fiol Amoreamentos de 50.000 persoas en Ortigueira, 35.000 en Viveiro (“capital internacional do hardcore punk e metal”), con can de palleiro no  guion o usen eles, e nunca houbo que se saiba incidente importante, viola houbo incidente importante, violación ou liorta durante os días que duran os concertos, e tamén non consta que os rudos okupas se entretiveran tirando os seus “potitos” aos  bebés. No entanto, no outros extremo da ecuación, entre o persoal de orde, e sobre todo do lado dos nosos representantes institucionais, pintan bastos. Mesmo no dicir dos cronistas, que adoitan ter unha patolóxica inclinación a ver a palla no ollo do débil, é onde toda corrupción e mangancia tén asento. Que si o caneca de Baltar; que si o proceloso caso Pokemon; que si o alcalde de Ourense; todo nesa postinera fauna e é cleptómano e doentio, e a nómina das súas falcatruadas pasa sen interrupción de roubar as pensións dos xubilados a quitarlle as prestacións dos dependentes.

Un sistema que funciona de arriba pra baixo para o ordeno e mando, paga e cala, vota e lisca, porén actúa de abaixo arriba á hora de esixir responsabilidades.

Agora, nun país ainda máis difícil, o goberno que  padecemos acaba de inventarse o de “desgravar” a venda de vivendas e outros activos “ sempre que os cartos se invistan nun plan de pensións”. Douche para que me dés, afirmou o partido político o ano preelectoral á banca amiga. E  é que o mundo está ao revés. Confírmano as propias estatísticas oficiais, as de aqueles que nos controlan con leis e paifocadas. Un sistema que funciona de arriba pra baixo para o ordeno e mando, paga e cala, vota e lisca, porén actúa de abaixo arriba á hora de esixir responsabilidades. Aí está como espello esa crise que provocaron os de acima e sofremos os de baixo. E non o digo eu agora, e dino os medios de comunicación. España é o terceiro país despois de Portugal e Grecia (os famosos PIGS, acrónimo inglés de “porcos”) con menor taxa de criminalidade de toda a Unión Europea (UE): 45,1 delitos e faltas por 1.000 habitantes en 2013 frente aos 147,9 da próspera Suecia (El País, 20/07/14). Os pobres son xente honrada.  Pacente até dicir basta. Porque se cruzamos eses datos cos que demostran que os cidadáns españois ostentan o maior número relativo de presos, 146 por cada 100.000 habitantes, confírmase que o sistema é un perfecto atraco.

A sabermos: Máis perroflautas e menos ladróns!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off