off
Meio ambiente, Movementos sociais, Saúde — 4 Agosto, 2014 at 6:43 p.m.

Un manifesto en defensa da calidade da auga, do rio Condomiñas, da praia da Madalena e da ria de Cedeira

by

O pasado xullo a Depuradora de Cedeira sofría, logo dunha serie de fugas, o peor desborde da súa historia. O episodio crítico, provocado ao parecer pola estación de bombeo despois de días de choiva, guindou moreas de bolas de graxa con materia fecal e deterxentes  que acabaron aboiando no rio, no areal e na ria, sen que o pobo fora debidamente informado nin se debullaran responsabilidades. Situación que creou incerteza e alarma social perante os numerosos episodios de dermatite e a falta de información precisa e acaida por parte das institucións responsabeis. O colectivo cívico Somos Cedeira  vén  canalizando dende hai un ano un espazo de confluencia crítica en temas medioambientais e culturais co propósito de articular proxectos e espazos de democracia e participación cidadá nas terras de Cedeira. Esta fin de semana fíxose público un manifesto-decálogo asinado por BNG, ANOVA, EU, Galiza Nova e AAVV Piñeiro e no que se pide de xeito taxativo información veraz e contrastada da situación da Estación de Bombeo e da Depuradora, convocando á cidanía a unha concentración o vindeiro 10 de agosto, ás 12:30, na Ponte Nova.


As organizacións, colectivos asinantes e en xeral a cidadanía cedeirense preocupada polo alarmante estado das augas do rio, da praia e da ría logo da frecuente aparición de bolas de graxa industrial, con restos fecais, xabón e deterxente, en base aos nosos dereitos legais a sermos informados,  ESIXIMOS:

1.COÑECER CON CERTEZA e POLO MIÚDO QUE ESTÁ ACONTECENDO COA DEPURADORA E A ESTACIÓN DE BOMBEO. Logo de padecer múltiples avarías e da recente cualificación da auga da Madalena como “Excelente” por un laboratorio privado, o Concello de Cedeira utiliza, para maior desvergoña, o argumento falaz da norma de augas de baño e non a procedente de augas residuais (moito máis estricta e acaída tratándose de verquidos fecais). É un ENGANO INADMISIBLE E A MANTENTA cando nada se sabe da asunción de responsabilidades sobre un dispositivo de bombeo que fai parte do ámbito competencial do propio Concello de Cedeira.

2.SERMOS INFORMADOS POR EXPERTOS INDEPENDENTES E CONSENSUADOS se finalmente se confirma que a causa dos desbordes é a insuficiente capacidade da Estación de Bombeo da Depuradora.

3.COÑECER se a CAPACIDADE DA DEPURADORA abonda para tratar as augas residuais do aumento de poboación estival conforme a normativa vixente

4.COÑECER se o Concello de Cedeira ten previsto acometer de INMEDIATO, para cumprir cos prazos (case esgotados) da UNIÓN EUROPEA respecto á calidade da auga, medidas que contemplen a reforma da depuradora (cambiala de sitio, ampliala ao do dobre de poboación equivalente, empregar a gravidade para aforrar enerxía..). Ademais, a necesidade de separar augas é obvia (xa que pasa pola estación auga que non o precisa: choiva) e o chamado “Tanque de Tormentas” non é máis cun apaño para disimular a súa insuficiencia, pois una depuradora ben dimensionada e cunha rede de augas axeitada non o precisa.

5.INFORMACIÓN CONSTRASTABEL.O cumprimento estricto do Regulamento Marco do Servizo Público de Saneamento de Depuración de Augas Residuais de Galiza (Ded. 141/2012) e copia dixital -conforme a norma anterior- do inventario e programas de conservación e actas de inspección que deben facilitarse en soporte informático a “Augas de Galicia”, cuxos contidos mínimos están nídiamente definidos na normativa vixente, co fin de determinar as accións a desenvolver.

6.INFORMACIÓN ACCESIBEL NA WEB do Concello de Cedeira, así como as ordenanzas e demais datos útis, sen mesturarse coa propaganda turística, cun tratamento informativo serio ao servizo da cidadanía.

7.COPIA DA ORDENANZA MUNICIPAL DE AUGAS. O Art. 31.4 da Lei 9/2010 de Augas de Galiza esixe a elaboración da citada ordenanza, dando o prazo dun ano vencido no outono de 2011…Por tanto, ONDE É QUE ESTÁ  A ORDENANZA? EXISTE? Se non existe estamos ante unha “suposta” ILEGALIDADE.

8.CREACIÓN CONSENSUADA DUNHA “ORDENANZA DE VERQUIDOS E DO SERVIZO MUNICIPAL DE SANEAMENTO” en Cedeira. Resulta inaudito que Cedeira (segundo consta na web da Deputación da Coruña) careza de regulación de algo tan imprescindíbel como o ciclo integral da auga, agás que esta fique agachada algures.

9.REMUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO INTEGRAL DE AUGAS EN TODAS AS SÚAS FASES E A SUPRESIÓN DOS CONSUMOS MÍNIMOS. Deste xeito cumpriríase o espírito da Directiva Marco da Auga UE, para fomentar o uso responsable e sostible da auga. A remunicipalización xa se está a facer con éxito en moitos concellos, ao optimizar o servizo e reducir custes á veciñanza por supresión da marxe empresarial.

10. Por último, mentres

(1) en 2015 vence o prazo dado pola Unión Europea para que todas as augas se atopen nun estado ecolóxico óptimo

(2) Que os obxectivos de calidade das augas das Rías (art.82.1 Lei 9/2010 de Augas de Galicia) establecen no Anexo II que as rías galegas deben ter un máximo de 100 UFC/100 ml coliformes fecais, o mesmo de estreptococos fecais e 500 de coliformes totais, estas cifras SON MOITO MAIS RESTRICTIVAS que as actuais (QUE SALTAN POR ACORDOS POLÍTICOS OS MÁXIMOS DA U.E DE XEITO QUE SANIDADE ESTABLECE O MÁXIMO EN 1500 UFC/100 SEN BASE CIENTÍFICA NINGUNHA co claro obxectivo de que o máximo número de praias dean “APTAS” SEN SELO), engadindo unha morea de factores máximos (físicos, químicos e microcontamiñantes tóxicos)

ESIXIMOS SABER QUE MEDIDAS SE ESTÁN A ADOPTAR DENDE O CONCELLO PARA CUMPRIR CON ESTES REQUISITOS EN 2015, AO VENCER O PRAZO DA UNIÓN EUROPEA.

 

4 Comments

  1. Xa está ben de enganar á xente con díxome díxomes incertos. A convocatoría fíxose mos mesmos termos que a convocatoria anterior. O “panfletos” non existen, existe un Manifesto ben documentado e consultado con toda a lexislación sobre o asunto. O que hai é moita re-presión doméstica e moita cobardía… non por parte da asociación, nin d@s asociados senón de persoas determinadas. Unha vez que o seu enlace da anterior ocasión nos deu o visto e prace… con 100 euros que puxemos por fondo común fixemos os cartaces e pegamos todo, e repartimos o pouco material impreso que tiñamos, até que chegaron as andanadas conxuntas desta volta do PP e do PSOE contra unha concentración por algo concreto que está ben plasmado e documentado. Contra a contaminación IMPUNE, o maior verquido de fecais e graxas da nosa historia despois de centos de episodios de verquidos menores e dun desleixo para coa reserva mariña e a praia da Madalena que alarma a científicos reputados da USC, ou mestres ben reputados da Complutense que se achegaron á concentración, por certo 100 persoas preocupadas pola saúde colectiva e o patrimonio natural nunha vila como a nosa é un auténtico éxito de dignidade colectiva, porque nós si temos vergonza.
    Eu creo que deixei ben claras as nosas desculpas se houber algún erro por tlf á Asociación de Veciños. Non entendo a reiteración do asunto na prensa senón que haxa mar de fondo que a hai. O que é importante é procurar ter certa comprensiòn de texto para non caer no erro por ignorancia ou ataque de pánico de chamar panfleto ao que é un “manifesto cívico” e alarmar para matar ao mensaxeiro decindo que son eles os que alarman por decir a verdade que outros AGORA calan.
    O tempo vai darnos a razón por desgraza. O que está acontecer é unha vergonza e a praxe e reaccións do PP, PSOE e siareiros (OS APOlÍTICOS) afíns quedará para a hemeroteca local das malas artes e os baixos fondos.
    Somos Cedeira é INDIGNACIÓN á cedeiresa e con fundamento.

  2. AAVV Piñeiro: antes de citarvos no cartaz, o 31 de xullo consultouse ao mesmo membro que o deu o visto e prace da vosa asociación cando foi a concentración da semana santa. A resposta foi afirmativa, se ben ao ser unha concentración cívica non nos custa traballo algún trasladar as redes a vosa opinión, que respetamos por suposto.

  3. Aavvpiñeiro

    Como asociacion veciñal preocupanos o benestar dos nosos veciños,mais nesta ocasion nos non asinamos este manifesto nen sequera se nos consultou se queriamos ou non facelo. Agardamos que en vindeiras ocasions non se actue deste xeito.

  4. Aavv pineiro

    Como asociacion veciñal estamos preocupados por todos os problemas dos nosos veciños, mais nesta ocasion non tomamos ningunha decision con respecto a sinatura deste manifesto polo que rogamos unha consulta previa antes

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off